Cambio de ano e cambio no tempo?

Posted: under O tempo.

Estamos a piques de deixar este ano 2017 que no meteorolóxico foi destacado (vagas de calor, furacáns chegando a Galicia e outros fenómenos atmosféricos), pero seguro que o que queres saber ti agora é se vai chove en fin de ano ou non, verdade? Paso a dicircho en nada.

De momento vemos como as nubes son as protagonistas sobre gran parte da península Ibérica e mesmo deixando chuvias ben xeitosas, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite para este mediodía de hoxe.

Pois ben, a situación non vai cambiar nos vindeiros días, así que a despedida do 2017 e benvida do 2018 virá marcada pola inestabilidade polo noroeste e norte peninsulares e en menor medida no resto. Polo tanto, teremos máis nubes con algo de chuvia polo noroeste e norte e menos nubes e máis sol canto máis ao sur e máis ao leste durante os vindeiros días e que se intensificarán na xornada do domingo co paso dun sistema frontal durante a mañá. Resúmocho coas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o domingo ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

As temperaturas seguirán tranquilas con valores suaves. Unicamente as mínimas baixarán un chisco no comezo do ano, pero sen chegar a ser moi frías.

O vento estará presente e con intensidade importante por todo o norte peninsular e sendo menos intenso canto máis ao sur.

Si, Galicia continuará pasada por auga nos vindeiros días. Agora que se abriu a veda toca andar co paraugas a man ou telo cerca. De momento certa tranquilidade ata a madrugada do sábado ao domingo e o domingo pola mañá que será cando máis chova debido ao paso dunha fronte. Antes e despois tocarán nubes, algunha chuvia polo litoral atlántico e algún chuvasco illado. As temperaturas descenderán un chisco, sobre todo mínimas co ano novo e o vento estará con nós todos estes días soprando con certa intensidade, máis no litoral.

Como les, neste recuncho do noroeste toca acabar e comezar ano pasados por auga, mentres que no resto do territorio peninsular estarán máis libres dela.

Só me queda desexarche un MOI BO 2018!!!

Comentarios (0) Dec 29 2017

E despois de Bruno?

Posted: under O tempo.

Antes de nada, BO NADAL, é o que toca por estas datas, así que os meus mellores desexos para ti e os teus que estás lendo estas liñas que che fago cada semana para contarche o tempo.

E falando do tempo, hoxe toca falar da borrasca Bruno que se fixo famosa no día de hoxe e que non está traendo moito vento e chuvia, especialmente afectando ao norte peninsular, tal e como a podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, a situación de inestabilidade vai a continuar. Unha vez marche Bruno chegará outra borrasca, esta vez non tan importante dado que carecerá de nome, e con ela máis frontes e así unha tras outra durante toda esta semana e case, apurando, ata o comezo do ano próximo. Con isto, o que se esperan son moitas nubes con chuvia sobre a península Ibérican e mesmo neve por riba dos 1000 metros, puntualmente máis baixa nalgúns puntos do Pirineos. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipìtación (dereita).

As temperaturas seguirán a ser frescas. Agora ben, as mínimas en maior medida, pero tamén as máximas ascenderán ao final da semana.

O vento estará presente toda a semana en todo o territorio peninsular e soprando con certa intensidade en moitos puntos.

Si, volta a chuvia a Galicia. Comezou o día de Nadal e continuará así toda esta semana dado que as nubes e a chuvia serán as protagonistas neste noso país xunto co vento soprando bastante. De temperatura seguiremos sen moitos cambios cunha lixeira tendencia cara o ascenso co paso dos días, especialmente nas mínimas.

Como les, toca chuvia para ir rematando este 2017 e case para recibir o 2018, pero iso xa cho confirmo no remate desta semana.

Comentarios (0) Dec 26 2017

Monotonía meteorolóxica?

Posted: under O tempo.

Ben, xa retomamos isto do frío e sen chuvia, non si? Bueno, algunha gota caeu na fin de semana, pero xa non o de días pasados. E agora que? Continuamos así o cambiamos de novo? Imos ver.

O que temos enriba da península é que anda a usar boina. Polo norte moita nube e mesmo algo de chuvia e no resto sol, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, a situación non che vai cambiar moito nos vindeiros días, en liñas xerais. As altas presións estarán sobre a península provocando estabilidade. Polo tanto, o que teremos será moito sol, aínda que polas mañás nalgúns puntos apareza a néboa. Unicamente polo leste, sobre todo nas illas Baleares, aparecerá a inestabilidade, así que non se descartan chuvascos. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, seguirá o frío, pero menos, tanto en máximas como en mínimas, así que toca seguir abrigado.

O vento seguirá tranquilo, agás pola costa mediterráneo onde se notará e moito, tendendo a remitir no final da semana.

Non, non vai chover a feito en Galicia nos vindeiros días. Mañá martes haberá nubes e podería orballar algo polo norte, pero xa logo o anticiclón nos devolverá a ceo despexado con néboas matinais, algunha xeada e sol durante o día. O frío irá a menos co avance da semana e o vento estará tranquilo.

Como les, temos por diante unha semana típica de inverno anticiclónico, así que toca abrigarse e deixar os paraugas gardadiños ata novo aviso.

Comentarios (0) Dec 18 2017

Tras a tempestade, a calma?

Posted: under O tempo.

Si, aquí estou. A xa de sobra coñecida borrasca Ana non me levou. Simplemente me tomei uns días de descanso, que non de desconexión total. Agora volto a pleno rendemento para contarche como se presentan os vindeiros días nisto do tempo.

O que temos con nós son moitas nubes sobre a península Ibérica e que son as culpables da chuvia que caeu no día de hoxe, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, a situación tenderá a estabilizarse co avance dos vindeiros días coa entrada das altas presións. Aínda mañá quedarán moitas nubes e precipitación afectando a gran parte do norte e centro peninsulares, sendo en forma de neve nas zonas altas do Cantábrico e Pirineos. Xa entrados a fin de semana, as nubes quedarán restrinxidas ao norte e será nesa zona onde precipite, chuvia en xeral e neve por riba dos 1000 metros. No resto do territorio peninsular verase bastante sol, aínda que algunha nube tamén aparecerá. Podes ver isto claramente nas saídas do modelo GFS previstas para o sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, chegará máis frío. As temperaturas baixarán co avance dos días, así que tocará voltar a abrigarse porque notaremos ese frío.

O vento irá calmando día a día. Aínda mañá soprará con intensidade polo norte peninsular, especialmente no val do Ebro. Logo xa o sábado baixa a súa intensidade para practicamente calmarse o domingo.

Si, parará a chuvia sobre Galicia. Para mañá aínda quedará algunha polo oeste, pero xa logo as altas presións irán collendo sitio e facendo do sol o protagonista na fin de semana, con algunha nube, pero maioritariamente sol. Iso si, polas mañás en zonas do interior haberá néboa. O que si virá é frío. Haberá baixa das temperaturas xunto cunha calma do vento, así que voltaremos a noites frías e días relativamente agradables.

Como les, parece que a chuvia nos abandona, agás polo norte que se xunta coa neve, pero xa no resto toca sol e tranquilidade no tempo.

Comentarios (0) Dec 14 2017