Tras a tempestade, a calma?

Posted: under O tempo.

Si, aquí estou. A xa de sobra coñecida borrasca Ana non me levou. Simplemente me tomei uns días de descanso, que non de desconexión total. Agora volto a pleno rendemento para contarche como se presentan os vindeiros días nisto do tempo.

O que temos con nós son moitas nubes sobre a península Ibérica e que son as culpables da chuvia que caeu no día de hoxe, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, a situación tenderá a estabilizarse co avance dos vindeiros días coa entrada das altas presións. Aínda mañá quedarán moitas nubes e precipitación afectando a gran parte do norte e centro peninsulares, sendo en forma de neve nas zonas altas do Cantábrico e Pirineos. Xa entrados a fin de semana, as nubes quedarán restrinxidas ao norte e será nesa zona onde precipite, chuvia en xeral e neve por riba dos 1000 metros. No resto do territorio peninsular verase bastante sol, aínda que algunha nube tamén aparecerá. Podes ver isto claramente nas saídas do modelo GFS previstas para o sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, chegará máis frío. As temperaturas baixarán co avance dos días, así que tocará voltar a abrigarse porque notaremos ese frío.

O vento irá calmando día a día. Aínda mañá soprará con intensidade polo norte peninsular, especialmente no val do Ebro. Logo xa o sábado baixa a súa intensidade para practicamente calmarse o domingo.

Si, parará a chuvia sobre Galicia. Para mañá aínda quedará algunha polo oeste, pero xa logo as altas presións irán collendo sitio e facendo do sol o protagonista na fin de semana, con algunha nube, pero maioritariamente sol. Iso si, polas mañás en zonas do interior haberá néboa. O que si virá é frío. Haberá baixa das temperaturas xunto cunha calma do vento, así que voltaremos a noites frías e días relativamente agradables.

Como les, parece que a chuvia nos abandona, agás polo norte que se xunta coa neve, pero xa no resto toca sol e tranquilidade no tempo.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.