Monotonía meteorolóxica?

Posted: under O tempo.

Ben, xa retomamos isto do frío e sen chuvia, non si? Bueno, algunha gota caeu na fin de semana, pero xa non o de días pasados. E agora que? Continuamos así o cambiamos de novo? Imos ver.

O que temos enriba da península é que anda a usar boina. Polo norte moita nube e mesmo algo de chuvia e no resto sol, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, a situación non che vai cambiar moito nos vindeiros días, en liñas xerais. As altas presións estarán sobre a península provocando estabilidade. Polo tanto, o que teremos será moito sol, aínda que polas mañás nalgúns puntos apareza a néboa. Unicamente polo leste, sobre todo nas illas Baleares, aparecerá a inestabilidade, así que non se descartan chuvascos. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, seguirá o frío, pero menos, tanto en máximas como en mínimas, así que toca seguir abrigado.

O vento seguirá tranquilo, agás pola costa mediterráneo onde se notará e moito, tendendo a remitir no final da semana.

Non, non vai chover a feito en Galicia nos vindeiros días. Mañá martes haberá nubes e podería orballar algo polo norte, pero xa logo o anticiclón nos devolverá a ceo despexado con néboas matinais, algunha xeada e sol durante o día. O frío irá a menos co avance da semana e o vento estará tranquilo.

Como les, temos por diante unha semana típica de inverno anticiclónico, así que toca abrigarse e deixar os paraugas gardadiños ata novo aviso.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.