Cambio de ano e cambio no tempo?

Posted: under O tempo.

Estamos a piques de deixar este ano 2017 que no meteorolóxico foi destacado (vagas de calor, furacáns chegando a Galicia e outros fenómenos atmosféricos), pero seguro que o que queres saber ti agora é se vai chove en fin de ano ou non, verdade? Paso a dicircho en nada.

De momento vemos como as nubes son as protagonistas sobre gran parte da península Ibérica e mesmo deixando chuvias ben xeitosas, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite para este mediodía de hoxe.

Pois ben, a situación non vai cambiar nos vindeiros días, así que a despedida do 2017 e benvida do 2018 virá marcada pola inestabilidade polo noroeste e norte peninsulares e en menor medida no resto. Polo tanto, teremos máis nubes con algo de chuvia polo noroeste e norte e menos nubes e máis sol canto máis ao sur e máis ao leste durante os vindeiros días e que se intensificarán na xornada do domingo co paso dun sistema frontal durante a mañá. Resúmocho coas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o domingo ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

As temperaturas seguirán tranquilas con valores suaves. Unicamente as mínimas baixarán un chisco no comezo do ano, pero sen chegar a ser moi frías.

O vento estará presente e con intensidade importante por todo o norte peninsular e sendo menos intenso canto máis ao sur.

Si, Galicia continuará pasada por auga nos vindeiros días. Agora que se abriu a veda toca andar co paraugas a man ou telo cerca. De momento certa tranquilidade ata a madrugada do sábado ao domingo e o domingo pola mañá que será cando máis chova debido ao paso dunha fronte. Antes e despois tocarán nubes, algunha chuvia polo litoral atlántico e algún chuvasco illado. As temperaturas descenderán un chisco, sobre todo mínimas co ano novo e o vento estará con nós todos estes días soprando con certa intensidade, máis no litoral.

Como les, neste recuncho do noroeste toca acabar e comezar ano pasados por auga, mentres que no resto do territorio peninsular estarán máis libres dela.

Só me queda desexarche un MOI BO 2018!!!

Comentarios (0) Dec 29 2017