Acabouse a neve?

Posted: under O tempo.

Comezamos unha nova semana falando da neve da fin de semana, verdade? Agora toca saber se seguiremos con ela, con chuvia soa, sen nada diso, se seguirá o frío; vamos, preguntando polo tempo, non si? Pois aí vou eu coa resposta.

O que temos con nós é un norte peninsular con máis nubes e menos, nalgúns sitios ningunha, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, aínda mañá exercerán a súa influencia as baixas presións ao norte da península Ibérica mandando unha fronte que afectará principalmente ao noroeste e norte e non tanto ao resto. Polo tanto, nesas zonas predominarán as nubes e a chuvia, neve por riba dos 1000 metros, tal e como podes ver na seguintes imaxes do modelo GFS previstas para mañá ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade á esquerda e o campo de precipitación á dereita.

Xa logo, a partir do mércores comeza estabilazarse a situación debido a que as altas presións que arestora están no Atlántico irán entrando en territorio penisular. Aínda quedará algo de nebulosidade polo norte e mesmo algo de chuvia, pero en xeral, será bastante sol. Pódelo ver nas seguintes imaxes previstas para a madrugada do mércores ao xoves para as mesmas variables anteriores e o mesmo modelo meteorolóxico.

Si, tamén subirán as temperaturas co avance da semana. Notarase sobre todo polo centro e sur peninsulares.

O vento estará tranquilo en liñas xerais, agás no val do Ebro, polo norte e sur onde se notará con certa intensidade.

E en Galicia que? Pois de todo. Para mañá teremos nubes e chuvia ata o mércores pola mañá e logo virá certa estabilidade ata final de semana cando voltará a inestabilidade, sobre todo polo oeste do país. É dicir, mañá martes chove e aguantaría sen chover ata a madrugada do xoves ao venres con máis sol canto máis ao sur. De temperatura sen moitos cambios e pouco vento, agás polo norte onde soprará con máis intensidade.

Como les, toca voltar a estabilidade co paso da semana. Unicamente polo norte haberá máis nubes e algo de chuvia, neve en cotas altas.

Comentarios (0) Xan 15 2018

Volta a neve?

Posted: under O tempo.

Estamos ás portas dunha nova fin de semana na que estás a pensar se parará este frío, se voltará a neve, se será simplemente chuvia, non si? Agora paso a responderche a todas esas preguntas.

O que temos hoxe con nós é un ceo peninsular con bastante nubes, non estructuras, pero nubes ao fin e ao cabo e que mesmo estiveron a deixar algunha que outra precipitación, tanto en forma de chuvia como en forma de neve.

Pois ben, isto vai cambiar nos vindeiros días. Mañá venres teremos certa estabilidade con algunhas nubes e baixa probabilidade de precipitación, pero xa cara as últimas horas entrará unha fronte que durante a fin de semana barrerá toda a península Ibérica de oeste a leste traendo consigo nubes e precipitación. Coma soe ser habitual irá perdendo forza ata chegar ao leste xa bastante debilitada facendo que a probabilidade de chuvia sexa menor nesa zona e maior canto máis ao oeste. Novamente a cota de neve baixará e fará que moita desa precipitación sexa en forma de neve en moitos puntos por riba dos 800 metros. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

De temperatura aínda toca ter a man a roupa de abrigo porque non haberá moitos cambios e seguiremos co mesmo frío destes días, máis ou menos.

O vento estará tranquilo en liñas xerais porque salvo polo oeste e algo polo norte, estará relativamente tranquilo.

Si, aínda nos queda chuvia en Galicia. Mañá día tranquilo ata a tarde/noite coa chega dunha fronte que na madrugada de mañá venres cara o sábado e a mañá do sábado vai regar ben o país. Xa logo o que nos quedan son os chuvascos, así que en calquer punto e momento poderá caer, sendo máis probables nas provincias de Coruña e Pontevedra. Seguiremos sen cambios nas temperaturas e con vento en relativa calma na fin de semana e algo máis mañá, previo paso da fronte.

Como les, toca outra fin de semana de chuvia e neve en moitos puntos da península xunto co frío típico desta época do ano.

Comentarios (0) Xan 11 2018

Seguimos con tempo de inverno?

Posted: under O tempo.

Antes de nada, feliz 2018! Porque desde o ano pasado non me atopaba contigo neste rinconciño da rede. Agora, xa coa volta á rutina despois duns días de descanso no Nadal, xa estou de novo aquí para contarche como se presenta o tempo esta semana despois de que fose noticia durante estes días polas nevaradas caídas en moitos puntos da península Ibérica.

De momento seguimos con moitos puntos da península aínda con nebulosidade e deixando precipitacións, tanto en forma de auga como de neve; tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, a inestabilidade vai a continuar sobre o territorio peninsular durante esta semana. Iso si, a cota de neve irá subindo e, polo tanto, a probabilidade de neve menor, pero chuvia si porque teremos o paso de varios sistemas frontais que anubrarán o ceo e deixarán precipitacións, sendo menos probables e menos intensas canto máis ao leste e máis importantes polo norte. A cota de neve andará sobre os 1000 metros con tendencia a baixar desa altitude no final da semana. Resúmoche todo isto coas imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Imos a seguir co frío durante esta semana, subindo polo sur cara o remate da semana, pero mantendo valores típicos desta época do ano.

O vento estará presente con nós durante toda semana. Mañá notarase menos, pero xa logo irá aumentando a súa intensidade.

Sobre Galicia mantense a inestabilidade. As nubes estarán presentes durante toda semana, sendo o mércores cando haxa máis e deixen bastante chuvia, tal e como podes ver na seguinte imaxe do modelo probabilístico de MeteoGalicia para a probabilidade de precipitación acumulada en 24 horas de máis de 10 l/m2. No resto de días a chuvia tamén estará presente, sobre todo mañá co paso dunha fronte e logo xa será máis intermitente, pero dentro dun ambiente de humidade. As temperaturas estarán sen moitos cambios, con pouca amplitude térmica, con temperaturas típicas de inverno. De vento iremos ben servidos toda a semana.

Como les, preséntase unha semana típica de inverno, tanto en canto precipitacións como en temperaturas, que é o que toca nestas datas nas que estamos.

Comentarios (0) Xan 08 2018