Seguimos con tempo de inverno?

Posted: under O tempo.

Antes de nada, feliz 2018! Porque desde o ano pasado non me atopaba contigo neste rinconciño da rede. Agora, xa coa volta á rutina despois duns días de descanso no Nadal, xa estou de novo aquí para contarche como se presenta o tempo esta semana despois de que fose noticia durante estes días polas nevaradas caídas en moitos puntos da península Ibérica.

De momento seguimos con moitos puntos da península aínda con nebulosidade e deixando precipitacións, tanto en forma de auga como de neve; tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, a inestabilidade vai a continuar sobre o territorio peninsular durante esta semana. Iso si, a cota de neve irá subindo e, polo tanto, a probabilidade de neve menor, pero chuvia si porque teremos o paso de varios sistemas frontais que anubrarán o ceo e deixarán precipitacións, sendo menos probables e menos intensas canto máis ao leste e máis importantes polo norte. A cota de neve andará sobre os 1000 metros con tendencia a baixar desa altitude no final da semana. Resúmoche todo isto coas imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Imos a seguir co frío durante esta semana, subindo polo sur cara o remate da semana, pero mantendo valores típicos desta época do ano.

O vento estará presente con nós durante toda semana. Mañá notarase menos, pero xa logo irá aumentando a súa intensidade.

Sobre Galicia mantense a inestabilidade. As nubes estarán presentes durante toda semana, sendo o mércores cando haxa máis e deixen bastante chuvia, tal e como podes ver na seguinte imaxe do modelo probabilístico de MeteoGalicia para a probabilidade de precipitación acumulada en 24 horas de máis de 10 l/m2. No resto de días a chuvia tamén estará presente, sobre todo mañá co paso dunha fronte e logo xa será máis intermitente, pero dentro dun ambiente de humidade. As temperaturas estarán sen moitos cambios, con pouca amplitude térmica, con temperaturas típicas de inverno. De vento iremos ben servidos toda a semana.

Como les, preséntase unha semana típica de inverno, tanto en canto precipitacións como en temperaturas, que é o que toca nestas datas nas que estamos.

Non hai comentarios

No comments yet.

Leave a comment

Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.