Acabouse a neve?

Posted: under O tempo.

Comezamos unha nova semana falando da neve da fin de semana, verdade? Agora toca saber se seguiremos con ela, con chuvia soa, sen nada diso, se seguirá o frío; vamos, preguntando polo tempo, non si? Pois aí vou eu coa resposta.

O que temos con nós é un norte peninsular con máis nubes e menos, nalgúns sitios ningunha, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, aínda mañá exercerán a súa influencia as baixas presións ao norte da península Ibérica mandando unha fronte que afectará principalmente ao noroeste e norte e non tanto ao resto. Polo tanto, nesas zonas predominarán as nubes e a chuvia, neve por riba dos 1000 metros, tal e como podes ver na seguintes imaxes do modelo GFS previstas para mañá ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade á esquerda e o campo de precipitación á dereita.

Xa logo, a partir do mércores comeza estabilazarse a situación debido a que as altas presións que arestora están no Atlántico irán entrando en territorio penisular. Aínda quedará algo de nebulosidade polo norte e mesmo algo de chuvia, pero en xeral, será bastante sol. Pódelo ver nas seguintes imaxes previstas para a madrugada do mércores ao xoves para as mesmas variables anteriores e o mesmo modelo meteorolóxico.

Si, tamén subirán as temperaturas co avance da semana. Notarase sobre todo polo centro e sur peninsulares.

O vento estará tranquilo en liñas xerais, agás no val do Ebro, polo norte e sur onde se notará con certa intensidade.

E en Galicia que? Pois de todo. Para mañá teremos nubes e chuvia ata o mércores pola mañá e logo virá certa estabilidade ata final de semana cando voltará a inestabilidade, sobre todo polo oeste do país. É dicir, mañá martes chove e aguantaría sen chover ata a madrugada do xoves ao venres con máis sol canto máis ao sur. De temperatura sen moitos cambios e pouco vento, agás polo norte onde soprará con máis intensidade.

Como les, toca voltar a estabilidade co paso da semana. Unicamente polo norte haberá máis nubes e algo de chuvia, neve en cotas altas.

Comentarios (0) Xan 15 2018