Tempo estable?

Posted: under O tempo.

Andamos xa pola metade de xaneiro e coa neve aínda por aí. Esta semana non moita, pero pendente dela por se chega na fin de semana, non si? Pois agora mesmo che digo se ven máis ou non.

Como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, as nubes andan presentes polo norte peninsular, mentres que no resto da península o sol é o protagonista.

Pois ben, esta situación non che vai cambiar moito na fin de semana. As altas presións serán as que manden sobre a península Ibérica aportando estabilidade e moito sol. Unicamente o norte romperá isto dado que será alí onde manden as nubes e mesmo con algo de chuvia e neve, pero pouca porque a cota de neve irá subindo por riba dos 1500 metros. Resúmoche isto coas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Coa consolidación das altas presións, as temperaturas estarán en ascenso, notándose principalmente polo sur e leste peninsulares. Iso si, de noite aínda seguirán a ser frías.

O vento fará das súas polo norte e leste, sobre todo polo val do Ebro. Irá a menos co remate da fin de semana igualándose á tranquilidade que haberá no centro e sur peninsulares.

Si, gran parte de Galicia estará baixo as nubes e mesmo con algo de chuvia durante toda a fin de semana. Canto máis ao sur e leste, máis sol e menor probabilidade de chuvia. De temperatura ben porque apenas haberá cambios e os poucos serán para que faga un chisco máis de calor. O vento polo norte tocará un pouco as narices, mentres que polo sur estaremos tranquilos.

Como les, toca tempo estable en gran parte do territorio peninsular, agás polo norte onde a humidade da nebulosidade e a chuvia estarán presentes durante estes días.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.