Neve de novo?

Posted: under O tempo.

Estamos en pleno inverno e a neve, moi típica desta época do ano, fixo acto de presenza de novo nestes días e veu con importancia. Agora toca ver se isto vai continuar así ou non e para iso me poño eu a analizar os mapas e contarcho.

A situación actual pódela ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde onde tes as nubes que están a deixar a chuvia e a neve polo norte e algunhas outras polo resto do territorio peninsular.

Pois ben, isto vai a continuar. O vento de compoñente norte seguirá a aportar humidade e aire frío facendo que as nubes polo norte sigan sendo as protagonistas e deixen precipitacións que por riba dos 500 metros serán en forma de neve. Pola zona centro e sur estarase máis tranquilos, pero non tanto porque xa o sábado e, sobre todo, o domingo, chegarán nubes e chuvia, sendo o sur o máis afectado na xornada do domingo. Intento resumirche isto con imaxes e para elo collo as saídas do modelo GFS previstas para a medianoite do sábado ao domingo para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, do frío non nos libramos durante os vindeiros días e, ademáis, sentirémolo máis porque o vento axudará a que a sensación térmica sexa maior porque a súa intensidade será importante, especialmente no val do Ebro.

E Galicia? Como non podía ser doutro xeito, tocan nubes e chuvascos, máis intensos e frecuentes canto máis ao norte que en cotas superiores aos 600/700 metros poderán ser en forma de neve. Xa se imos cara o sur poderase ver máis o sol e a probabilidade de precipitación será menor, agás nas zonas altas. Continuaremos con este frío que, unido ao vento, fará que o que se note sexa máis que o que o termómetro nos vai dicir.

Como les, toca outra fin de semana típica de inverno, así que haberá que abrigarse e andar con ollo nos desprazamentos.

Comentarios (0) Feb 01 2018