Seguirá montándoa a neve?

Posted: under O tempo.

Buff, a que se está liando coa neve, non si? Foi unha fin de semana complicada e un luns case peor, como estás a comprobar. Entón a pregunta é, seguirá asi? Paso a responderche agora mesmo.

Se imos á imaxe de satélite desta mesma tarde vemos como as nubes, deixando a súa chuvia e a súa neve, son as protagonistas no día de hoxe, tal e como estás a ler e ver nos distintos medios de comunicación.

Pois ben, seguiremos así ao longo desta semana cunha tendencia a ir remitindo, pero coa inestabilidade presente en moitos puntos da península. Entre as baixas presións instaladas no Mediterráneo e as altas presións ao oeste da península establecerase un corredor de aire frío e húmido que seguirá entrando polo norte mantendo este frío ou mesmo intensificándoo debido ao vento. Xunto a isto, as nubes estarán máis ao norte e deixando precipitacións, chuvia e neve en cotas preto dos 200 metros entre martes e mércores e logo subindo, sendo algunhas destas nevaradas de xeito importante en moitas localidades, aínda máis do que xa teñen destes días. Canto máis ao sur, menos nubes e apenas probabilidade de precipitación. Resúmocho coas imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) onde podes ver as altas e baixas presións e o campo de precipitación (dereita), tendo en cota que esa precipitación será en forma de neve en cotas moi baixas.

E si, continuará este frío e ademáis a sensación térmica del aínda será maior debido ao vento de compoñente norte que non só será o culpable da nebulosidade, senón que coa súa intensidade, por momentos importante, fará que a invernía se manteña sobre a península.

Si, continuará o frío sobre a Galicia. A neve nalgúns puntos, sobre todo na provincia de Lugo e montaña de Ourense. Aínda que a cota de neve estará moi baixa, sobre os 200 metros nalgún momento, non haberá tanta precipitación para que calle e se poda ver en localidades pouco habituais para vela, pero si nas zonas altas seguirá presente. Polo resto, frío e alternancia de nubes e claros con máis delas canto máis ao norte ata que a final de semana chegue unha fronte. O vento de compoñente norte fará que sintamos máis frío do que realmente faga.

Como les, seguimos con este tempo de inverno sobre a península, polo menos ata o comezo do Entroido. Xa logo nel, verémolo o xoves con máis detalle.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.