4 anos xa…

Posted: under Calquer cousa, O tempo.

Buff, pois si, o venres fixo 4 anos que che estou contando cousas neste rinconciño da rede. Aínda non me creo que chegara ata este día, e os que conto seguir escribindo. Comezou como a idea de por nalgún sitio, cando as redes sociais non estaban tan “de moda” como agora, as miñas opinións persoais, así como facer predicións meteorolóxicas actualizadas e un pouco máis cercanas. Ao mesmo tempo, tamén supuxo unha especie de reto para min mesmo no sentido de ver ata cando duraba, se me cansaría pronto e deixaba isto; pero me parece a min que o reto xa está superado porque aquí sigo, escribindo semana tras semana as miñas predicións do tempo, así como algún que outro artigo de opinión e/ou análise, como o que escribín facendo a miña crítica a como foi a temporada do meu equipo de basket, o COB.

Como digo, conto seguir escribindo aquí xa que o teu seguimento e comentarios, tanto aquí como nas redes sociais, me indica que o que poño segue a ter interés e, de paso, introducir algunhas novidades. Teño varias en mente, pero espero ás que ti me podas aportar algunha e así, unha vez pasada a ponte do primeiro de maio, comezar con elas. Así que, se che parece ben podes deixarme aquí, como comentario, ou na miña conta de twitter (@omtesouro) o no meu facebook o que estimes oportuno e ir introducíndoo no blogue ao longo das vindeiras semanas.

E dado que hoxe aproveito para agradecerche a túa presenza aquí, só fago un adianto da predición que terás ampliada xa mañá, incluíndo a ponte que se pode presentar para ti despois do día festivo do xoves. O conto é que si, seguirá bastante sol sobre a Península agás polo cantábrico con algunha nube máis e mesmo con precipitacións coas temperaturas sen cambios significativos e o vento tranquilo. Xa máis concretamente en Galicia, a historia non será tan tranquila porque as nubes si estarán facéndonos compaña xunto coa súa chuvia asociada ata o xoves que será cando xa o sol colla máis sitio no ceo do país. De temperatura un pouco frescas mañá martes e xa recuperando calor nos seguintes días e cun vento tranquilo.

E si, para a ponte de maio o tempo parece que se vai a comportar. E ata aquí podo ler…

E dito isto, só me queda darche, de novo, as grazas por estar aí todas as semanas e porme a túa disposición para o que precises.

MIL GRAZAS!!!!

Marcos Tesouro Montecelo

Comentarios (0) Abr 28 2014

Pechado por vacacións, outra vez…

Posted: under Calquer cousa.

Pois si, un que se vai tomar uns días de descanso de novo e, de paso, facer algo de turismo por Europa para desconectar un pouco da rutina e deixar de novo as isobaras tranquilas en canto á súa vixiancia porque activas sobre a Península nestes días que eu andarei de viaxe si o van a estar.

Ao mesmo tempo, a miña conta de twitter (@omtesouro) tamén permancerá con pouca actividade, salvo momentos puntuais onde unha wifi gratuita me permita irvos contando algo da viaxe.

O dito, deixovos chuvia para esta semana e cando eu volte na seguinte xa veremos como remata o mes no meteorolóxico.

Apertas rapaces e bicos raparigas.

Comentarios (0) Out 20 2013

Chovendo que é xerundio…

Posted: under Calquer cousa.

Estamos a luns e chego eu, fiel á miña cita de comezos de semana, para contarvos se vai parar ou non toda esta chuvia que estamos a ter estes días e da que algúns xa estades un pouquiño cansos. Pois ben, vou a sacarvos de dúbidas nas seguintes liñas.

Antes póñovos a seguinte imaxe de satélite que reflexa o que estamos a ter nestes momentos e que non é outra cousa que moitas nubes sobre a Península, agás polo nordeste, e que están a deixar precipitacións ben xeitosas neses lugares.

Tal e como vedes na imaxe anterior, ao noroeste de Galicia xa temos outra borrasca lista para mandarnos varias frontes durante esta semana ao mesmo tempo que se irá desprazando cara as illas británicas, tal e como podedes observar nas dúas seguintes imaxes do campo de isobaras (liñas brancas): á esquerda a deste mediodía e á dereita o previsto para xoves á mesma hora.

Con esta situación o que se espera para os vindeiros días é a entrada de varias frontes que farán que o ceo peninsular esté con bastantes nubes que polo noroeste principalmente, e en menor medida segundo se está máis ao leste, que irán deixando precipitacións librándose delas o leste. Podedes ver resumido isto nas dúas seguintes imaxes previstas para o mércores ao mediodía dos campos de nebulosidade e isobaras (esquerda) e precipitación (dereita).

De temperatura imos notar algo de cambio, pero non moito porque o descenso que se prevé co paso dos días será leve, pero notarase un pouco máis de fresco.

De vento polo noroeste poderemos queixarnos un pouco porque si o imos notar, non moito, pero o suficiente para que algo moleste; mentres que no resto da Península apenas o notarán.

En canto a Galicia, pois non se librará da chuvia. Iso si, non será tan continua todos os días, pero si vai a chover, especialmente esta noite e a partires do mércores ao mediodía, sen descartar que caia algo mañá martes polo sur. As temperaturas irán baixando un pouco segundo avance a semana e o vento estará aí durante toda a semana dando polo saco un pouquiño.

Como ledes, o segue a chuvia, agás polo leste onde estarán un pouco máis libres dela, á espera de que se confirme unha vindeira fin de semana anticiclónica, pero iso xa é outro conto que contarei o xoves.

Comentarios (0) Set 30 2013

Pechado por vacacións…

Posted: under Calquer cousa.

Pois si, o que ledes no encabezamento deste post. Un servidor vaise tomar uns días de vacacións nos que isobaras coas súas borrascas e anticiclóns quedarán aparcadas durante uns días e, polo tanto, non haberá predicións nin opinións neste blogue ata pasada a metade deste mes de setembro.

Ao mesmo tempo, vía twitter (@omtesouro) tamén permancerán as predicións ausentes, salvo momentos puntuais, pero a idea e desconectar e voltar a conectar coas baterías cargadas, o que se soe chamar “facer un reset”.

Vémonos e preto de 15 días!!!
Apertas rapaces e bicos rapazas.

Comentarios (0) Set 06 2013

Rompinme…

Posted: under Calquer cousa, Deportes.

Si, rompinme, pero non vos asustedes, é máis a expresión dun sentimento de frustración que o que realmente me aconteceu.

Non é nada grave, simplemente que onte á noite, despois de tres anos, alá polo San Martiño do 2010, cando comezou a miña experiencia nisto das carreiras populares, vivín a experiencia de non poder rematar unha carreira.

Eran as 9 e pouco da noite no barrio ourensán do Couto e me dispuña a comezar esta 2ª carreira do circuito “Correndo por Ourense” despois de seguir a rutina habitual nestes casos, é dicir, estirar un pouco e quentar músculos para non ter problemas, cando comezou a carreira e con el os meus problemas. Aos 50 metros de comezar a correr notei unha molestia na parte de atrás do meu muslo dereito; non lle din importancia ata que uns 300 metros máis adiante, baixando a rúa Greco xa foi cando o muslo dixo “ata aquí cheguei” e notei un pinchazo, suave, pero pinchazo ao fin e o cabo. Seguín correndo para probar se podía seguir o resto da carreira, pero nada, a medida que seguía notaba máis dor no muslo e fun perdendo ritmo de carreira ata verme superado por bastantes corredores nos seguintes metros. Visto que era incapaz de seguir correndo en condicións e co risto de que o músculo rompera de todo; ao pasar pola meta por primeira vez (eran 3 voltas a un circuito de 1900 metros), decidín retirarme e non provocar males maiores.

Doeme bastante aínda no día de hoxe despois dun tratamento cunha pomada antiinflamatoria e ibuprofeno, xunto con algunha que outra masaxe e repouso. A tendencia está sendo a ir remitindo pouco a pouco e convererse máis molestias na perna que non dor, pero a maior dor téñoa no feito de non poder rematar a carreira. Como dicía anteriormente, levo 3 anos correndo e esta foi a primeira vez que non puiden rematar unha carreira. Espero que sexa a derradeira e todo quede nesta anécdota que vos conto aquí. Iso si, isto quizais fixo que a partires de agora vaia con un pouco máis de medo cada vez que me enfrente a unha carreira.

Todo quedará nun susto, nun aviso; pero o sentimento de frustración que está desde onte comigo non mo quita ninguén.

Comentarios (2) Mai 26 2013

Tres anos xa…

Posted: under Calquer cousa.

Ben xente, hoxe este blogue está de aniversario e toca celebralo con vos, que sodes quen, coa vosa lectura, me animades a que siga contándovos cousas neste recuncho da rede.

Xa van 3 anos que comecei con esta aventura. Teño que recoñecer que nin eu mesmo pensaba que ía pasar todo este tempo, contaba que nalgún momento o deixaría esquecido e sería un pasatempo de poucos meses, pero xa vedes que non é a así. Cada semana achégovos o tempo que vai pasar na semana e durante a fin de semana, así como algúns artigos de opinión persoal sobre política, os máis visto como anda o patio ultimamente, e sobre deporte, aínda que estes algo esquecidos, pero tranquilos que están a rematar as ligas e algo vos contarei.

Como ven sendo habitual neste aniversarios introduzo algunha cousa nova que complementa e pode axudar un pouco mellor ao entendimento do que vos conto desde o punto de vista meteorolóxico que, ao fin e ao cabo, é ao que me dedico e me da de vivir. E dentro disto tocame traballar cos modelos meteorolóxicos, esa “bola de cristal” que é a que nos mostra como vai a evolucionar a atmosfera, sendo das ferramentas máis importantes para a predición. Polo tanto, desde agora tedes unha pestaña máis na parte de arriba deste blogue onde vos conto un pouco o que son os modelos meteorolóxicos. Iso si, estes modelos dos que vos falo nada teñen que ver con este tipo de modelos que vedes na foto e que os meus amigos en forma de brincadeira me regalaron.

Irei pouco a pouco introducindo cousas novas, tanto por iniciativa propia como as que mo poidades achegar vos que, en definitiva, sodes os usuarios finais desto que vos escribo; así que benvida sexan os vosos comentarios e suxerencias que me podedes facer chegar pola vía que estimedes oportuna: mail, twitter, facebook, comentarios aquí mesmo.

E para rematar simplemente me queda agradecervos de corazón que estedes pendentes do que vos conto neste “burato” da rede e, mentres poida, aquí estarei e penso que será durante bastante tempo.

MIL GRAZAS!!!

Apertas rapaces e bicos raparigas.

Marcos Tesouro Montecelo

Comentarios (0) Abr 25 2013

Desculpándome

Posted: under Calquer cousa.

Aquí me tedes de novo no blogue, non me esquecín del e menos deixei de publicar cousas. O que pasou nesta última semana e media na que non se actualizou foi simplemente que estiven ausente fora do país de vacacións e non puiden actualizarvos nada.

Sei que ao estar unha ponte polo medio, a información meteorolóxica que vos poño é interesante, pero unha serie de cuestións persoais impedíronme porvos un avance antes de irme e mantervos informados no durante. Polo tanto, pídovos desculpas neste momento e espero que cando volte a ter unha ausencia longa, poda avisarvos con tempo.

Unha vez que xa volvín á rutina, seguirei mostrándovos a información meteorolóxica e as miñas opinións persoais sobre os temas que considere interesantes. De feito, quédame por escribir a terceira e derradeira crónica sobre as eleccións que temos este domingo, así que nos vindeiros días terédela dispoñible, xunto coa predición para a fin de semana.

O dito, mil desculpas pola miña ausencia estes días e, como diría o outro: “lo siento, me he equivocado, no volverá a ocurrir”

Comentarios (0) Out 17 2012

Seica apareceu o bosón de Higgs…

Posted: under Calquer cousa.

Antes de nada pedirvos disculpas por non vos ter posto a predición desta semana. Unha serie de cuestións persoais fixeron que o tempo do que dispuxen nestes días pasados fose pouco e aínda hoxe saco un oco para contarvos o que foi o gran descubrimento de hoxe, e non estou a falar do Códice Calixtino. Falarei sobre o bosón de Higgs que seica o teñen practicamente localizado e daría explicación a moitas cousas neste universo.

De seguro que no día de hoxe xa vistes, oistes o lestes moito sobre o que é e como é o experimento, así que tentarei ser breve e ilustrareivolo cunha serie de enlaces a informacións moi detalladas e explicativas que aparecen hoxe na prensa dixital.

O bosón de Higgs sería a partícula que daría orixe a masa do Universo, de aí a súa gran importancia e é máis importante aínda porque é unha partícula predita no Modelo Estandar da Física de Partículas, é dicir, que ata o momento so existe teoricamente, non fisicamente que é o que este experimento tenta demostrar e mostrar. Este experimento foi levado a cabo no CERN (Centro Europeo de Investigación Nuclear) a través do proxecto ATLAS durante estes últimos anos ata que hoxe deron a coñecer a posibilidade da súa existencia e xa cara a finais de ano ter unha certeza maior da mesma.

Quizais mellor ca min, que aínda que son físico non son especialista na física de partículas, hai unha serie de catedráticos nesta disciplina da física que fixeron artigos e comentarios que tentan explicar que supón todo isto para que o non expertos o poidades entender:

Estes non son os únicos enlaces que podedes atopar hoxe na rede sobre tal fenómeno, pero son os que eu humildemente considero que son os máis didácticos para que o poidades entender.

E ben, parece que o atoparon, así que seguro que vos estaredes preguntando: e agora que? acabouse o conto? Pois non, aínda queda demostrar que realmente o atopado é “O BOSÓN DE HIGGS” e segundo o que sexa ou non, pois aparecerán aínda máis preguntas que coas súas respostas, podédelas ver, de novo, neste enlace ao diario lainformacion.com, onde un par de catedráticos de Física tentan aclarar o que pode pasar se o é ou non: ¿qué pasa si no es el bosón de Higgs?

Ben, como podedes comprobar, a investigación na física é un traballo apaixoante que explica o que somos e facemos neste Universo, así que vos animo a seguir loitando por el, sexa a disciplina que sexa.

Comentarios (0) Xul 04 2012

2º aniversario

Posted: under Calquer cousa.

Si, o que ledes, xa van dous anos desde que comencei a contarvos cousas neste blogue persoal. Maioritariamente son predicións meteorolóxicas, é a miña profesión; pero, de cando en vez, toca facer algunha que outra entrada de índole político, como a de onte mesmo; ou de índole deportivo, aínda que as teño un pouco abandonada e tentarei porvos algo en breve.

Como na vida mesma, co paso do tempo as cousas evolucionan e este blogue non foi menos. Hoxe mesmo, co fito deste 2º aniversario, puxen unha nova pestaña cunha pequena guía de estilo para que vos sexa máis fácil a interpretación das miñas predicións. Do resto, xa o fostes vendo nestes meses, dunhas imaxes máis esquemáticas para a predición, pasei a usar mapas un poco máis complexos sobre os cales vos fun explicando o seu significado meteorolóxico e como iso se traducía no que a vos realmente vos interesa. Tamén introducín as imaxes de satélite para ilustrar a situación actual antes de comezar coa predición.

A miña idea non é quedarme nisto, é a de mellorar as miñas predicións para que vos sexa máis fácil de entender e útiles a vos que sodes os usuarios das mesmas. Para elo, xa teño en mente unha serie de cousas que irei pondo nos vindeiros días, e que, se mo permitides, vos de a sorpresa cando estén listas. Pero tamén me gustaría que vos me propuxérades cousas porque, como dixen antes, sodes os que utilizades este blogue, así que anívovos a que me deixedes comentarios aquí mesmo, por correo electrónico (mtesouro@gmail.com) ou vía twitter (@omtesouro) co hastag #oburatodotesouro e así tomar nota e comezar a desenvolvelas para polas aquí o antes posible.

Tamén quero que me plantexedes cousas a nivel xeral, non só meteorolóxico, é dicir, dos outros temas que trato ou outros posibles temas a tratar. Calquera aportación pola vosa parte é agradecida.

E xa, para rematar, agradecervos de corazón que estedes pendentes do que este rapaciño vos conta por aquí e sigades aí despois de 2 anos e espero que algúns máis tamén porque, de momento, non teño pensado deixar isto, avisados quedades.

Facer un agradecemento aínda maior e especial a todos os que non sodes galegos e facedes o esforzo de ler isto na miña lingua. Coido que se entende bastante ben, se non, pois póñome á vosa disposición para calquer aclaración.

Graciñas mil!!!

Apertas rapaces e bicos rapazas.

Marcos

Comentarios (1) Abr 25 2012

De novo físicas…

Posted: under Calquer cousa, Política.

Quizais moitos de vos non sepades a que ven isto ou que quere dicir eso de “De novo físicas”, sobre todo se non eres de Ourense. Aínda así, anímote a que lle botes unha ollada e vexas o que, desde o meu punto de vista, é todo bombazo á unha facultade e polo tanto a unha Universidade e, por estensión, á Consellaría de Educación da Xunta de Galicia.

O conto comeza na primavera do 2009 cando desde a Xunta da Facultade de Ciencias de Ourense decide transformar a licenciatura en Física, que desde 1995 se viña impartindo alí, nun grao de Ciencias Ambientais. Eso foi aprobado en Xunta, convocada con nocturnidade e alevosía, se se me permite a expresión, é dicir, con pouca marxe de maniobra para preparar un debate en condicións e unha votación seria; tal e como requería un asunto deste calado. Unha vez aprobado en Xunta de Facultade, foi a Universidade de Vigo quen lle deu para adiante á transformación e a Consellaría de Educación da Xunta de Galicia quen executou o cambio e desde o curso seguinte estase a importir dito grao de Ciencias Ambientais no Campus de Ourense.

E diredes, onde está o bombazo? Pois está en que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de tumbar dito acordo, previa denuncia dun grupo de profesores de física que presentaron os correspondentes recursos ante unha deficiencia no proceso, aos que lle acaban de dar a razón. Esta deficiencia non é outra que a de que dita transformación tiña que ter sido feita pola Xunta de Titulación de Física e non pola Xunta de Facultade, como foi feita. Así que, salvo novos recursos e historias varias, o que a Universidade de Vigo ten que facer é indicarlle á dita Xunta de Titulación que faga o grao de Física que tiña que ter feito fai 3 anos.

E como se chega a esta situación? Pois ben fácil, cando as enemistades persoais entre distintos membros de departamentos e áreas da Facultade, xunto con algunhas económicas e de carácter persoal outras, se xuntan; a cousa nunca acaba ben. De todos os que vivimos nesa Facultade e nos implicamos en certa medida nela, aínda que levemos xa varios anos fora dela, e coñecemos os protagonistas, pois non nos é estraño que se chegase a esta situación de enquistamento. Eran anos de loita silenciosa cara afora, con trabas burocráticas, respostas dunha e doutra parte; ata que algún día o asunto tiña rebentar e a oportunidade veu coa transformación e instauración de novos graos debido ao plan Bolonia.

E que opino eu? Pois cando as cousas se fan mal, pasa isto. Xa o dixen no seu momento e sigo pensando que ámbolos dous graos tiñan cabida na Facultade. Ben é certo que o número de alumnos que estudaban física era baixo, mais tamén nas outras carreiras da facultade o eran, así como en toda a Universidade en xeral; así que usar o número de alumnos como única escusa penso eu que non é suficiente. Non pensades que quedando tanta xente fora no grao de Ciencias Ambientais como está quedando, non habería moitos deles que se animaran á estudar física? Creo que si. Como? Facendo que, dentro do que é a física, fose máis atractiva a súa docencia para que eses alumnos ficasen durante todo o grao e non tivesen a tentación de abandonar ao curso seguinte. Ademais, tendo a especialidade de meteoroloxía e climatoloxía, como se tiña en físicas, podíase vender todo nun conxunto que fose beneficioso para a Facultade establecendo sinerxias entre ámbolos graos e facer da Facultade de Ciencias todo un referente na meteoroloxía e medio ambiente galegos.

Que se fará? Pois o que di a sentenza, pero sen chegar a oficilizarse o retorno xa que unha vez que a Xunta de Titulación faga o grao, pois en Xunta de Facultade o tumbarán. O que deberían ter feito fai tres anos para facer as cousas ben, desde o seu punto de vista. Espero e desexo trabucarme, pero dame no lombo que Físicas non volta a Ourense e esas sinerxias das que vos falaba antes, pois nada de nada; porque, e que conste en acta, non desexo que Ciencias Ambientais se vaia, simplemente que se sume Física á oferta académica do Campus de Ourense.

Unha verdadeira mágoa que ocorra todo isto!!!

Comentarios (0) Mar 07 2012