Repito media maratón!!!

Posted: under Deportes.

Si, din que non hai 2 sen 3 e iso vou facer eu correndo a media maratón de Zamora outra vez máis. E aquí estou, acabando de prepararme para comezar a dar zapatilla polos 21.097 metros que separan a Praza Maior de Zamora do Polideportivo Municipal.

Os motivos seguen a ser os mesmos que cando a fixen fai 2 anos: o seguinte paso cando levas correndo moito tempo, o ser máis sinxela que outras que hai nesta época do ano, que a miña parella é zamorana e tamén engado o feito de ter un obxectivo que me incite a sair a correr e non quedarme tirado sen facer deporte.

O obxectivo non deixa de ser o mesmo que nas dúas anteriores edicións: rematala en condicións físicas decentes e en menos de 2 horas. A intención era máis arriscada, pero acontecementos varios (sempre hai algo) impediron que perdera todo o peso que necesitaría, así como entrenar un pouco máis e en mellores condicións por culpa dunha caída que me deixou o xeonllo dereito fastidiado unhas semanas cunha boa ferida. Aínda así, chego con máis quilómetros nas pernas que o ano pasado e creo que cunha pouca mellor forma a pesar de non poder quitarme eses quilos de máis que teño.

Non me lío máis, remato de por todo en orde, quento un pouco e a correr.

Emprázote á semana que ven para ler como me foi.

Comentarios (0) Mar 19 2017

Acabou a medio maratón!!!

Posted: under Calquer cousa, Deportes.

Ben, xa fai 15 días que rematei coa medio maratón, que non ela comigo. Si, o pasado domingo 13 cumprín polas rúas de Zamora, como xa vos adiantara ese día, e corrín os 21.097 quilómetros que a compoñen.

E que? Cumpríronse os obxectivos marcados? Iso é o que te estás a preguntar, non si? Pois a resposta é que SI. Todos. Fai uns días che contaba aquí mesmo cales eran e podo dicir que, con esforzo, foron cubertos con creces.

Este ano tamén baixei das 2 horas de carreira, de feito, fixen 1 hora 57 minutos 54 segundos, así que me sobraron 2 minutos 6 segundos. E o máis importante para min, fixen mellor tempo que o ano pasado, 1 minuto e 1 segundo menos e con moi boas sensacións. Vamos, que cheguei á meta, obviamente canso, pero en mellores condicións que fai un ano.

Todo isto ten máis mérito se se teñen en conta as condicións coas que chegaba. Si, con máis quilómetros de entrenamento, pero con entre 5 e 6 quilogramos de peso máis co que iso supón para o meu ritmo de carreira (1,5 segundos por quilómetro máis lento) e o esforzo que un ten que facer para desprazarse, así que me podo considerar moi contento. Parece que ese maior entrenamento compensou o exceso de peso.

Non quero perder a oportunidade de agradecer publicamente ao meu amigo Gelo que me acompañou nesta miña segunda aventura e me guiou ao longo do camiño facéndome as indicacións axeitadas en cada momento para poder conseguir este gran éxito persoal.

Sobre a carreira en si, pois, coma o ano pasado. Fun de máis a menos, pero non tan brusco como outras veces. A segunda parte da carreira, os últimos 7 quilómetos, volveu a “atragantárseme” nesa parte un pouco rompepernas, pero afronteina mellor que o ano anterior para chegar á meta cun ritmo máis lento que ao comezo da carreira, pero non tan malo como na miña experiencia anterior.

Novamente agradecer á toda esa xente de Zamora que saiu á rúa e nos deu azos a todos os “runners” que dedicamos ese domingo a correr.

Queda marcada esta carreira no meu calendario para voltar o ano que ven e mellorar en todos os aspectos, pero mentres xa pensar nas vindeiras carreiras curtas que aparecen no calendario galego e porque non correr a medio maratón de Pontevedra en outubro. Intentarase, xunto con outros obxectivos persoais.

Comentarios (0) Mar 27 2016

A pola media maratón, de novo!!!

Posted: under Calquer cousa, Deportes.

Ben, chegou o día!!

Por segundo ano consecutivo toca correr unha medio maratón. Si, repito experiencia e volvo a correr os 21,097 quilómetros que a compoñen.

Despois da experiencia do ano pasado, como digo, repito o mesmo recorrido e aquí me tedes. A uns minutos de comezar a correr polas rúas de Zamora e cuxos motivos xa che contei fai un ano.

A diferenza radica na miña preparación. Despois de analizar o “erros” cometidos o ano pasado, tocou mellorar a preparación e penso en canto a quilómetros recorridos en entrenamentos foi superado con creces, con ata dous simulacros de carreira, a última aínda fai 15 días. O que si non foi superado foi a forma, mais ben o meu peso, xa que me presento con entre 5/6 quilogramos máis que o ano pasado por estas mesmas datas. Unha serie de acontecementos de índole persoal foron os culpables que me fixeron non manter unha alimentación tan axeitada para manterme no mesmo peso, ou mesmo menos, durante este tempo.

En canto ao obxectivo deste ano non me cabe máis que repetir o mesmo do ano pasado e que non é outro que o de rematar a carreira en boas condicións. O de repetir o tempo e, polo tanto, baixar das 2 horas vai a ser máis complicado debido a que teño dúbidas a que a mellor preparación compense o lastre de correr cos quilos de máis.

Pois ben, vou acabar de prepararme e a pola carreira. Xa a semana que ven che conto como me foi.

Comentarios (0) Mar 13 2016

Que nolo ía dicir!!!

Posted: under Deportes.

Pois iso mesmo, quen nos ía dicir a comezos de temporada que o COB (Clube Ourense Baloncesto) ía quedar no segundo posto da liga regular e partir con factor cancha en toda a serie de play-offs cara o ascenso á ACB; si á ACB.

Alá polo mes de agosto expresaba a miña opinión de como estivemos a piques de irnos á LEB Prata e mira ti por onde, agora estamos máis preto da ACB que desa LEB Prata.

Agora que xa rematou a temporada regular e xusto a unhas horas de comezar a loitar polo ascenso á ACB nos play-offs tócame facer un primeiro balance de como vin ao COB durante este tempo, tanto nos partidos que vin no Pazo Paco Paz como algún que outro que puidemos ver na televisión a través da canle local Teleminho.

Viuse un equipo unido, que había compañeirismo e unión no vestiario o que deu un punto máis a canto loitar na pista. A plantilla está equilibrada e malia as baixas, estas foron cubertas con solvencia polos seus substitutos. En canto ao xogo despregado, é aí onde eu non o vin tan claro. Si, non pensaba nas 20 victorias en outubro e se me preguntabas que esperaba che ía contestar que con non sufrir me chegaba, pero tamén hai que recoñecer que en determinados partidos, e case en liñas xerais, hai cousas que mellorar. Me explico. Abusamos moito do tiro exterior coma se os nosos interiores fosen mancos e/ou coxos. No serán os mellores interiores da liga, pero poden xogar ben e marcar o seu territorio, como fixeron Busma, Fieler e Rejón nalgúns partidos. Que hai que sacar partido a un dos mellores xogos exteriores da liga? Pois si, pero sen facer o noso ataque en función diso. Ah, e controlar a Suka-Uma e o seu instinto de querer ser Jordan. Non sei se estas arroutadas súas son de iniciativa propia ou é orde desde a banda, ou unha mezcla das dúas; pero que as modere e que hai máis xogadores na plantilla totalmente válidos para xogarse o tiro cando o partido está que ferve. E as Rejonadas, tamén de cando en vez nos “deleita” con algunha das súas e que nos deixa a grada cun certo cabreo.

Deixando de lado as cuestións persoais de determinados xogadores, vou comentar agora outras cousas a mellorar desde a banda. Sigo vendo o pouco poder de reacción que ten o entrenador ante determinadas situacións. Foron varias ocasións nas que o entrenador, ante un resultado adverso durante o partido, se lle vía perdido, case sen saber que facer, e cando o facía era tarde. Non cambiar cando o parcial do equipo contrario era claro, tanto en mover ao banquillo coma o pedir un tempo morto que cortara o xogo do equipo contrario. Cousas deste estilo foron as que nos costaron algunha derrota na casa (quizais nos privou iso de sermos primeiros) e que algún partido moi claro ao noso favor fose máis axustado. Si, segue sen gustarme Gonzalo. Xa o dixen cando rematou a temporada pasada e o manteño agora. Recoñezo a gran campaña que está facendo, pero hai algo no seu basket que non me acaba de convencer e tan equivocado non debo estar cando nas gradas, polo menos por onde me sento eu, tamén se comenta isto mesmo.

Non quería rematar estes comentarios sobre a temporada regular sen personalizar, neste caso para ben, o que está sendo o COB esta temporada. Ese personalismo chámase Pedro Rivero. O mellor base da liga, así de simple, así de claro. Dirixe ao equipo, anota puntos; é o lider do equipo. Xa se sabe, se o base xoga ben, o equipo xoga ben. E este está sendo caso esta temporada. Esperemos que siga así nos play-offs.

Xa para ir rematando, toca felicitar á directiva polo traballo feito. Poderase estar o non dacordo con moitas cousas, pero traballo si están facendo e especialmente na campaña de marketing que están a levar a cabo, non so promocionando o COB pola cidade e provincia, senon tamén nas redes sociais onde, desde aquí, felicito aos encargados o twitter, facebook, páxina web e montaxes audiovisuais varios.

E si, xa remato, que amago e amago, e non paro do escribir, citándote para esta noite no Pazo Paco Paz no comezo da parte final deste sono que estamos a ter os ourensáns en ver ao noso equipo de baloncesto de novo entre os grandes, na ACB.

FORZA COB!!!!!!

Comentarios (0) Abr 24 2015

Alá foi a medio maratón!!!

Posted: under Calquer cousa, Deportes.

Pois si, alá foron xa os 21.097 quilómetros da medio maratón de Zamora que corrín o domingo pasado, tal e como vos contei e o que podo dicir é que teño ganas de volver, non só a esa cidade senon tamén a facer unha medio maratón. Iso si, mellorando determinados aspectos.

O obxectivo principal que me marcara foi cuberto con creces. Chegue a meta en condicións decentes para levar esa distancia nas pernas. Obviamente que estaba canso, pero non me derrumbei ao chegar a meta e cun refrixerio e algo de comida puiden tirar ata a ducha e seguir sendo persoa.

E o segundo obxectivo, o secundario, tamén foi cuberto. Si, baixei das 2 horas de carreira. Por pouco, pero sobraráronme 1 minuto e 7 segundos xa que o meu tempo oficial foi de 1h 58 minutos 53 segundos. Como ves, polos pelos, pero foi que tal e como ía rematando a carreira non o tiña eu tan claro.

E a carreira? Pois ben, de máis a menos, como case soe ser habitual en min (aspecto que teño que mellorar). Comecei cun ritmo cómodo despois do barullo dos primeiros quilómetros con tanta xente e polas rúas estreitas do centro. Logo xa “en campo aberto” foi cando me puxen un ritmo, co meu amigo “Piloto” ao lado regulando e dando consellos (el xa leva unhas cantas medio maratóns no lombo) e así ata a falta de 7 quilómetros onde chegou a sopresa por unha zona rompepernas de subidiñas e baixadas (esta parte do recorrido non a coñecía) e un punto no xeonllo esquerdo que, aínda que non doía, si molestaba un pouco e toco facer os últimos 5 quilómetros con esa molestia. Malia a iso tentei manter o ritmo ata que xa no derradeiro quilómetro e medio foi cando as forzas comezaron a chegar ao seu fin e tocou sufrir un chisco, pero iso non impediu chegar a meta en condicións decentes e en menos das 2 horas que me gustaría.

Agradecer a toda a xente que saiu á rúa e nos deu azos en cada punto da carreira. Así da gusto correr!!

O dito, toca mellorar determinadas cousas, é dicir, entrenar máis para que o ano que ven sexa mellor e agora a centrarse nas carreira máis curtas que hai no calendario e por a mente na San Martiño e tentar baixar dos 50 minutos tranquilamente e canto menos, mellor.

Comentarios (0) Mar 20 2015

A pola medio maratón!!!

Posted: under Calquer cousa, Deportes.

Hoxe é o día. Xa chegou. Ano e pico rompéndome a cabeza e, sobre todo, o corpo e por fin podo cumprir o obxectivo que me marquei: vou correr a miña primeira medio maratón! Si, 21.097 quilómetros de carreira.

O conto comeza xa fai ano e medio cando se me pasou pola cabeza o facelo. Seica é o paso lóxico cando xa levas tempo correndo, ou facendo “running” que como se lle coñece agora. A miña idea era preparar a tan famosa Vig-Bay, pero como o seu perfil parece ser que non é fácil, pois funme a outra cun perfil máis sinxelo para comezar. Foi aí onde entra o meu amigo Javi, zamorano residente en Ourense e me comenta o da medio maratón de Zamora, na mesma época que a Vig-Bay, pero máis sinxela. Tamén influiu, e bastante, que a miña parella tamén é zamorana; así que, branco e en botella, e me dispuxen a preparala.

A primeira opción era facela o ano pasado, pero o meu baixo estado de forma, tanto físico coma de peso, fixo que o descartase e quedei emprazado mentalmente para a deste ano e así foi, púxenme en serio a entrenar.

Primeiramente tocou baixar de peso, 15 quilogramos menos e máis entrenamento, sobre todo do verán pasado ata aquí e intensificado despois do Nadal grazas á axuda do mesmo Javi e de Gelo que me levaron con eles a correr polas marxes do Miño e do Barbaña a un ritmo maior do que o faría eu se fose só.

E aquí me tedes, a uns minutos de porme a quecer e correr os 21.097 quilómetros coa única meta de rematalos en boas condicións. Si, o obxectivo é así de simple. Con iso me conformo. Ben, hai algo máis, tamén se pode ser en menos de 2 horas, mellor, pero non o vexo fácil; dependerá de como me vaia encontrando ao longo da carreira.

E listo, xa vos contarei a vindeira semana como foi o conto.

Comentarios (1) Mar 15 2015

E o COB, que?

Posted: under Deportes.

Xa fai uns cantos meses que rematou a liga e deportivamente o COB estaba salvado do descenso e digo deportivamente porque administrativamente estivo a piques de non o estar ata que o venres pasado, despois da votación da Comisión Delegada da FEB (Federación Española de Baloncesto), cando se deu luz verde para a ampliación da Liga LEB Ouro a 15 equipos e que o COB fose ese 15º equipo nela.

Antes de facer a miña análise toca porse en antecedentes. Alá polos comezos do mes de abril rematou a liga na que o COB conseguiu manter a categoría, non sen sufrimento, e despois dunha temporada mala, tal e como xa escribin aquí. Fai un mes e uns días rematou o prazo de inscrición na vindeira temporada da liga LEB Ouro e cal foi a nosa sorpresa? Pois que o COB non se inscribiu en tempo e forma xunto co equipo de Basquet Coruña. A FEB deulle un prazo duns días para subsanar os erros e poder entregar a documentación. Así o fixeron os dous equipos. Ata aquí todo ben. Agora é cando comeza o conto que tivo e aínda ten á cidade de Ourense revolta.

A cuestión desta revolución entre siareiros, xornalistas e directiva entre as redes sociais, comunicados de prensa e artigos de opinión radica no porqué da non inscrición en tempo e forma, aparte doutro tipo de reproches.

Como soe ser habitual, as institucións pasaron un pouco de todo. Si, as cousas non están para equipos profesionais e hai outras prioridades; iso din. Totalmente dacordo, pero como máximos accionistas, deberían velar un pouco e se prometen determinada cantidade de cartos, toca cumplir e entregalos, senon que non os prometeran. Porque supoño que calquera directiva, sexa cal sexa, adaptará o seu presuposto contando con esa cantidade. Eu o faría.

Pois ben, ante esa falta de diñero, co que a directiva contaba tramitouse o papeleo, pero entón cal foi o problema? Pois que os cartos non chegaron e na directiva se viron sen poder tramitar os avais e de aí que non se puidese entregar a documentación. Creome esta versión, pero tamén hai que darlle un tirón de orellas á directiva por non ser previsores. Non é a primeira vez que desde as institucións os cartos chegan tarde e daquela maneira, así que non estaba mal ter un plan B que evitase o que pasou. É dicir, que o que se conseguiu despois para entregar todo á FEB no prazo ampliado, penso eu que se podía ter previsto antes e se non había noticias das institucións a 1 ou 2 días vista de rematar o prazo executar a inscrición e logo arranxar coas institucións. É a miña modesta opinión. Que podo estar errado? Por suposto, descoñezo como son os trámites e todo o papeleo que hai que facer, así como cal é a excusa das institucións e o como conseguir os cartos, pero se se conseguiron despois, telo xa previsto non estaba de máis.

Por este retraso na inscrición xunto coa actitude da FEB é onde se orixinou o debate todo na sociedade ourensá, ou polo menos, na baloncestística e que xa vos comentaba anteriormente. Primeiramente vou falar do “problema” xerado e deixo para o final o tema FEB.

O problema xerado foi comezar a atacar á directiva actual pola súa xestión, mais ben errónea xestión, en vez de arrimar o hombreiro para ver como se solucionaba o problema. Opinións de todo tipo, tanto nas redes sociais coma na prensa foron lidas na semana pasada cun encendido ataque e non menos resposta, como é lóxico, polos actuais dirixentes. Volveu a sair o tema de que había/hai grupos que están dispostos a coller o COB e que non lle deixan. O mesmo conto de todos o veráns, pero ao final nada, en vez de sumar, quedan aí esperando a que o COB “agonice” e poidan collelo, resucitalo e porse a medalla. Tamén é verdade que a comunicación por parte dos actuais dirixentes non foi a máis axeitada, mais ben houboa tarde. Se foran informando do proceso e dos atrancos que se ían atopando quizais a solución chegaría antes e non habería que andar esperando a unha resolución especial por parte da FEB. Así que, agora que o conto está resolto e xogaremos na LEB Ouro a vindeira temporada, é hora de estar todos unidos, esquecer a diverxencias e por ao COB por diante de todo que para iso é o noso equipo e agora aínda máis trala desgraciada desaparición do Clube Deportivo Ourense.

Obviamente todo isto fixo que a planificación da temporada vaia con retraso. Como dixo en twitter o entrenador, este mes e pico de incertidume fixo que fixaches feitos e/ou apalabrados se esfumaran. Supoño que durante os vindeiros días nos irán contando cousas e anunciando xogadores. De todos os xeitos, isto non pode ser excusa se durante a temporada as cousas veñen mal dadas, esperemos que non. Agora ben, parte da culpa tena o propio COB por non facer os deberes ao seu debido tempo e depois a FEB polo seu cachondeo, por chamalo dalgún xeito á hora de decidir.

Si, por último, toca falar deste cachondeo da FEB, da súa actitude durante todo este proceso e que deixa moito que desexar. Sábese de sobra que o que lle importan as súas ligas, LEB Ouro e LEB Prata, é pouco ou nada. Son como un gran no cu co que teñen que tragar para estar entretidos durante a temporada á espera de que cada verán os distintos equipos lle deixen os seus xogadores para participar en torneos, tanto masculinos coma femeninos, e dada a calidade que teñen, se colguen medallas e os directivos da FEB podan sair na foto. E este ano aínda foi peor dado que ao organizares o campionato do mundo en España, a atención e actos aínda era maior, así que as súas ligas era o menor problema. Aínda así, non é de recibo que para decidir se se ampliase a liga ou non tivese que pasar mes e medio cando o resto de equipos estaban dacordo nesa ampliación favorecendo a competitividade da liga. Se o ían facer, pois que o fixeran no primeiro momento, cando foi analizada a documentación e subsanados os fallos por parte do COB e do Basquet Coruña e deixar en espera a Planasa Navarra, que deportivamente non merecía o ascenso, ata que arranxasen os seus problemas COB e Basquet Coruña e non momento de estar os dous solucionados, admitilos conxuntamente, non a un si e a outro non. Non quero pensar nunha man negra na FEB para fastidiarnos, penso que non a merecemos como clube histórico que somos. Polo tanto, a actitude da FEB co COB foi de puteo inmerecido e innecesario, xunto con pseudo-desplantes ao non conceder entrevistas entre presidentes. Esperemos que durante os vindeiros meses sirva para que se restablezan unhas relacións máis cordiais entre ambas institucións polo ben do baloncesto.

Resumindo, o COB fixon mal os deberes e é culpa súa ao non ter previsto un plan B que evitase isto ante os antecedentes e saber “como as gastan as institucións ourensanas”. Despois está o pitorreo da FEB co COB e como lle tomou o pelo durante mes e medio ata que tivo que tragar coa liga de 15 que me da que non quería. E por último, a sociedade baloncestística ourensana tampouco axudou ante tal situación e dedicouse a intentar recoller o que quedase do COB.

Polo tanto, agora que xa se sabe en que categoría imos xogar e hai unha directiva disposta a seguir dirixindo o clube, axudemos todos e poñamos ao COB por diante de todo, deixando a un lado as diferenzas que poida haber, sexan do tipo que sexa, e unámonos polo ben do COB sen renunciar a unha crítica constructiva polo ben do clube que todos levamos dentro.

Comentarios (0) Ago 12 2014

O mesmo conto de todos os anos…

Posted: under Deportes.

Xa pasasaron un par de semanas desde que rematou para o Clube Ourense Baloncesto (COB) a temporada e toca facer balance do que foi ésta, desde o meu humilde punto de vista como socio do clube que son.

Se fai uns meses escribía neste mesmo blogue as miñas primeiras impresións sobre o comezo da temporada e comentaba as boas impresións que me deixara o equipo no comezo da mesma; agora teño que dicir o contrario e calificar a temporada como mala en liñas xerais. Voume a explicar.

Partindo da base que o obxectivo era non descender, poderíase dicir que si se cumpliu, pero tendo en conta a plantilla que había, coido que o lugar máis acaído tiña que ser o de andar polo medio da táboa e, se tal, entrando dos últimos no play-off de ascenso. Xogadores de contrastada categoría na liga, xunto coa do entrenador e un non mal comezo de tempada dando a cara contra algúns dos favoritos ao ascenso; podían facer crecer as ilusións nunha temporada tranquila e sen sobresaltos.

Todo o contrario foi o que ocorreu ao longo da temporada onde só se gañaron 3 partidos na casa e con derrotas que doen en moitos deles. De ir gañando de máis de 15 puntos ao descanso, deixáronse remontar para acabar perdendo. Ademais, a sensación de non xogar a nada estivo presente en moitos partidos, sen ideas claras en ataque deixando todo para o lanzamento exterior, sen que o xogo interior impuxese o seu poder, salvo nos partidos de finais de temporada, unha vez Moretín volveu da súa lesión. Unido a isto está o aspecto defensivo onde apenas houbo intensidade o que fixo que nos meteran moitas canastas e provocara as nosas derrotas. Todo isto non ten un único culpable, aínda que a maior parte desa culpa si debería caer sobre e non é outro que no entrenador. Gonzalo en moitos partidos non soupo facer que o equipo xogase e, para máis, o seu poder de reacción tampouco estivo á altura non transcurso de moitos partidos. Pero non só vai levar a culpa o entrenador, os xogadores tamén teñen a súa parte xa que algúns deles non deron, desde o meu punto de vista, todo o que se esperaba deles, centrándome en dous xogadores que, por caché e experiencia, deberían ser decisivos e non o foron tanto. Estes xogadores son Huertas e Kale que, por un ou outro motivo, rendiron intermitentemente sen mostrar unha regularidade ao longo da temporada e o equipo notouno.

Polo tanto, agora que por un verán non hai que andar pensando en comprar praza, toca só pensar na confección da plantilla e na persoa que a dirixa, porque si, penso que Gonzalo non demostrou que deba seguir ao fronte do equipo. De non cesalo mediada a temporada xa o menos malo era que rematase a temporada e logo que veña outro, antes de hipotecar a vindeira temporada traendo a un entrenador a falta de 5 partidos (cando o Pazo era un clamor co “Gonzalo vete ya!!”) que, de seguro, pediría firmar o que quedaba desta e a seguinte. Así da tempo a buscar un novo entrenador e preparar a temporada con calma. Sobre os xogadores, penso que hai boa base para traballar e que sigan uns cantos e, na medida do posible, traer xogadores novos e así evitar o de todos os anos co borrón e conta nova, configurando unha plantilla de cero. Dentro destes xogadores, e me mollo, penso que tanto Rivero, Morentin, Zamroz, Riley e posiblemente algún outro como Huertas, deberían seguir e completar o resto con xogadores que aporten e se comprometan co equipo e, sobre todo, acertar coa parella de estranxeiros para que sexan os que aporten ese plus definitivo que se espera deles.

Desde o punto de vista directivo poderíase dicir que mal non o fixeron. Despois de todo o que aconteceu no verán pasado que si collían eles o clube, o collía o grupo de Armando Álvarez ou entre os dous, foron eles os que deron o paso e tomaron o mando no COB e coas súas ideas e traballo chegamos ao final da temporada, a pesares de ter un medio de comunicación local en contra e vertendo informacións contrarias á súa xestión. Habería cousas que fixeran mal, é de humanos o errar, pero esa campaña é difícil de entender para un socio coma min e facendo comparacións con ex-presidentes dunhas temporadas atrás, non co inmediatamente anterior. Deixando os aspectos “políticos” sobre a directiva, toca falar do deportivo. Xa teñen falado que este seu proxecto é a medio prazo e comprendo que teñan dúbidas en canto a manter o entrenador (aínda que dependendo das informacións que leas unhas digan unha cousa e outros case a contraria), pero aínda que non contiuase, esa perspectiva de proxecto non se perde se se inclúe aos xogadores, de aí o que comentaba no parágrafo anterior sobre a continuidade da plantilla. Polo tanto, e visto que a idea da directiva con Antonio Gavilanes á cabeza é seguir, non estaría mal un cambio na dirección deportiva mantendo a base do que hai en canto a xogadores e facer unha plantilla competitiva que nos devolva ao lugar que debemos estar, no medio da táboa, como mínimo, e de aí tirar ata arriba ata onde se poida.

Resumindo, estamos como todos os veráns, pero neste caso con praza fixa para repetir na categoría e só co pensamento de configurar o equipo, fora de preocupacións administrativas de compra de praza e interrogantes en canto á dirección do clube.

Comentarios (0) Abr 19 2014

COB: comenzando…

Posted: under Deportes.

Ben xente, desta vez cambio de rexistro por un día e vouvos falar de deporte e mais concretamente do meu Clube Ourense Baloncesto, o COB, como comunmente o coñecemos.

Despois dun comezo de verán convulso, como xa soe ser habitual todos os veráns con este equipo, confeccionouse unha nova xunta directiva que aglutina a xente que levaba nela os anos anteriores, outra que voltou a entrar e algunha que non tiña estado no basket, todos con Antonio Gavilanes ao fronte dela e na que ao final non puido/quixo entrar o grupo de Armando Álvarez e uns empresarios que estaban con el aportando os cartos necesarios para inscribir ao equipo en LEB Ouro.

Non vou entrar no conto dese desencontro ou non encontro entre ámbolos grupos xa que descoñezo as interioridades e voume centrar no que veu posteriormente e cales son as miñas sensacións cara esta temporada despois de xa ver ao equipo en acción nesta primeira xornada de liga. Unicamente salientar neste sentido que é primordial unha estabilidade institucional cun proxecto a medio prazo como mínimo para que o equipo progrese mantendo unha base de xogadores que eviten ter que andar cambiando practicamente todo o equipo de temporada en temporada e aumente a masa social que acude ao Pazo xornada tras xornada.

Sobre a confección da plantilla. A elección do entrenador paréceme correcta dada a súa traxectoria na liga, a pesares dunha mala última campaña, aunando experiencia nos banquillos e na liga, así como dos xogadores que militan nela. Destacar a súa integración na cidade e no clube e o ser activo nas redes sociais interactuando cos siareiros. Sobre os xogadores comentar que a confección da plantilla está equilibrada e onde a maior parte dos xogadores teñen ampla experiencia na liga. Solventárose rapidamente os problemas xurdidos pola baixa de dous dos xogadores incorporados e substituídos por outros dous no menor tempo posible para poder integrarse no grupo o máis aixiña posible.

Teño que recoñecer que non vira partidos de pretemporada, así que a opinión que me fixen do equipo viña dada polo que lera na prensa e diversos siareiros comentaron nas redes sociais, así como o coñecemento previo dos xogadores. Agora xa visto o primeiro partido podo dar unha opinión máis persoal sobre o que penso que o equipo nos pode mostrar ao longo da temporada.

En primeiro lugar dicir que as sensacións foron boas, nada que ver coas que tiven despois do primeiro partido da temporada pasada. Parece que teñen medianamente claro ao que queren xogar e conseguir o que o entrenador quere deles. Poderá gustar ou non o estilo, aínda hai que deixar pasar uns partidos para telo máis definido, pero vese que está trazada a folla de ruta.

Sobre os bases dicir que son dous bos directores de xogo, tanto Rivero coma Frutos e que se complementan ben, así como con experiencia na liga. Non serán anotadores, pero, como digo, son directores e xa se sabe, cando o base dirixe o equipo xoga; trasladando á pista o que o entrenador lles indica.

Ao respeito dos escoltas e aleiros dicir que teñen boa pinta, pero algúns deles deben aportar máis e entrar máis en xogo, especialmente Huertas que, se mo permitides, estaría chamado a ser o líder do equipo e parece que aínda non arranca fino. A grata sorpresa nese primeiro partido foi Riley cun moi bo acerto e anotación. Julio necesita estar máis concentrado para non fallar canastas fáciles como as dúas que tivo o sábado e Edu estar aí para cando se lle necesite desde o perímetro.

En canto a xogo interior de Kale non se pode dicir nada, todos e todas o coñecemos e como lin por aí, veu sendo neno e volta sendo un home. Moretín fixo o traballo correcto aportando rebote e anotación, mentres que Iván García estivo máis discreto. De Carter non se poden sacar conclusións dos apenas 5 minutos xogados e recén chegado ao equipo.

En xeral, ten boa pinta este equipo unha vez se corrixan fallos que houbo o sábado centrados principalmente nas perdas de balón e ter máis intensidade defensiva. Correxido iso e unha vez complementados os xogadores co entrenador non deberíamos pasar os problemas que tivemos a temporada pasada e estarmos na metade da táboa de clasificación entrando en play-offs e mesmo disputándoos en condicións co resto de equipos xa que a igualdade na categoría é grande.

Polo tanto, para min o equipo apunta boas maneiras e aínda que temos un comezo complicado con equipos, en teoría, máis fortes, non debemos desilusionarnos e confiar neles.

Nuns meses comprobaremos o acertado ou errado deste post, pero polo momento acepto comentarios e opinións.

Comentarios (0) Out 09 2013

De basket…

Posted: under Deportes.

Hoxe toca cambiar a temática do meu blogue abandonando por unhas horas o tempo, pero non moito xa que mañá volto coa predición para a fin de semana, e falar algo de baloncesto para facer balance final do que deu esta temporada que acaba de rematar a semana pasada.

Comezarei segundo o que eu considero que teñen máis importancia e baixando na escala, é dicir, primeiro irá a NBA, continuando pola Euroliga, pasando á ACB e rematando coa LEB.

Na NBA recén rematada non houbo novidade en canto ao campión xa que o gran favorito ao comezo da temporada, os Heat de Miami, foi ao final o gañador. Iso si, non sen sufrimento xa que os Spurs de San Antonio, puxéronos contra as cordas e levando a serie final aos 7 partidos e decidindo o factor cancha por seren os Heat o mellor equipo da temporada regular. Valeu o seu peso en ouro o ter un xogador como Lebron James que foi o artífice de que puideran gañar, levando ao equipo con el. Tamén moi meritorio os vellos rockeiros de San Antonio con Duncan, Ginobili e, sobre todo, Parker capaces de plantar cara aos Heat. Este é o bando dos victoriosos, pero tamén hai que comentar o dos derrotados e aí aparecen os Lakers, equipo, a priori, candidato a todo cun quinteto de asustar con Nash, Kobe, Meta World Peas, Gasol e Howard, pero que non deu o nivel desde o banquillo, tanto desde o punto de vista do entrenador que non os soupo dirixir, coma de efectivos xa que unha vez fora os titulares, o resto de xogadores non aportaron o que debían. En menor medida aparecen outras franquicias como Thunder, Mavericks, Knicks ou Celtics que se quedaron polo camiño. Pola contra, aparecen sorpresas agradables como Warriors e Grizzlies que loitaron ata case o final cando apenas estaban nas quinielas. Agora, coas franquicias de vacación e á espera do DRAFT desta semana, toca ir movendo as pezas e configurar as plantillas para o ano que ven e tentar afastar aos Heat do título.

No seguinte escalón atópase a Euroliga, cun Olympiakos vencedor con todo merecemento ante un Madrid que chegou á final cargándose ao seu eterno rival, o Barça, pero que pagou cara a inexperiencia e facer un primeiro cuarto espectacular que fixo desperatar á besta grega dirixida por un maxistral Sapanioulis. Destacar o fracaso absoluto do CSKA de Moscú que aspiraba a gañar o título con todos cartos invertidos, pero que se tivo que rendir ante o basket grego e esperar a mellor ocasión. Sobre o Barça, pois meritoria a súa participación con bastante xente lesionada que ata os últimos minutos da semifinal estivo aí, pero foi cando xa os seus efectivos non deron para máis.

Agora tócalle a quenda á ACB onde o gran candidato a gañar a liga, o Madrid, foi quen a gañou. Ao mesmo que na NBA, tamén sudou tinta para gañala ante un Barça moi mermado por culpa das lesións, pero que soupo estar arriba cunha fortaleza mental importante e forzando un quinto e definitivo partido en Madrid ao cal a súa gran estrela, Navarro, non puido axudar debido a unha lesión. Destacar, desde o meu punto de vista, o repaso táctico de Pascual a Laso e que se non tivesen tanta lesión, veremos como lle andaría o conto. Entre os derrotados desta liga atopamos a Unicaja que, a pesares do presuposto, non conseguiu entrar nin na fase final da Copa do Rei nin nos Play-offs, consumando un fracaso para ese equipo. En menor medida, Baskonia e Valencia tamén levaron cadansúa decepción ao non chegar ás semifinais e caer en cuartos co seu presuposto. Do mesmo xeito que hai decepcións, hai ledicias e nestas atopamos a CAI Zaragoza e Gran Canaria que conseguiron chegar ás semifinais sen estar nas quinielas e, sobre todo, o Obradorio que chegou por primeira vez na súa historia aos playoffs, sendo un equipo modesto. Por último, comentar que os equipos descendidos foron Manresa e Lagun Aro e salientar o mérito de Valladolid, ao que moitos dábamos por descendido antes de comezar a liga, en manterse na categoría sen problemas a pesares de todos os problemas económicos que tiveron (moitos meses sen cobrar); aínda que esto último foi pan de cada día de moitos outros equipos como Manresa, Bilbao, etc.

Sobre a LEB non vou a contar moito e limítome a dicirvos que tanto Burgos como Alicante foron os que se gañaron o ascenso na pista e Melilla e Clube Ourense Baloncesto os que se gañaron o descenso. Sobre o COB xa din cumprida conta da temporada aquí. Agora ven a explicación do matiz de se gañaron o ascenso/descenso na pista porque acabamos de saber que tanto Burgos coma Alicante a temporada que ven seguirán xogando na liga LEB, se non desaparecen, sobre todo Alicante; porque non conseguiron os cartos necesarios que pide a ACB para poder inscribirse. Estamos a falar de case 9 millóns de euros e pabillón novo para Burgos e case 7 para Alicante. Requisitos, para a miña opinión excesivos e mais nos tempos nos que estamos, pero o telderete está así montado e xa está. Polo tanto, Manresa e Lagun Aro, manteranse na ACB. En canto aos descensos, pois o mesmo, xa hai equipos que se gañaron o seu posto na LEB e non van ir, para, acto seguido, a Federación ofrecerlle a praza ao COB para que sexa o que siga na liga a temporada que ven.

E agora me pregunto eu, para que xogamos se logo nos despachos se cambia o gañado/perdido na cancha? Non se está eliminando o espíritu deportivo? Outro tema a debater sería o das ligas da Federación e o descoidadas que as ten. Parece que o único que lles importa é sair nas fotos cada verán coas medallas que acadan as diferentes seleccións nos distintos campionatos que participan. Cada ano cambios nos formatos, no número de equipos, etc e mareando  todo para que os afeccionados perdamos o fío de todo e acabemos escapando do baloncesto.

Creo que son uns puntos a reflexionar e dos que quero coñecer a vosa opinión, así que invítovos a que participedes.

Comentarios (0) Xuñ 26 2013