De basket…

Posted: under Deportes.

Hoxe toca cambiar a temática do meu blogue abandonando por unhas horas o tempo, pero non moito xa que mañá volto coa predición para a fin de semana, e falar algo de baloncesto para facer balance final do que deu esta temporada que acaba de rematar a semana pasada.

Comezarei segundo o que eu considero que teñen máis importancia e baixando na escala, é dicir, primeiro irá a NBA, continuando pola Euroliga, pasando á ACB e rematando coa LEB.

Na NBA recén rematada non houbo novidade en canto ao campión xa que o gran favorito ao comezo da temporada, os Heat de Miami, foi ao final o gañador. Iso si, non sen sufrimento xa que os Spurs de San Antonio, puxéronos contra as cordas e levando a serie final aos 7 partidos e decidindo o factor cancha por seren os Heat o mellor equipo da temporada regular. Valeu o seu peso en ouro o ter un xogador como Lebron James que foi o artífice de que puideran gañar, levando ao equipo con el. Tamén moi meritorio os vellos rockeiros de San Antonio con Duncan, Ginobili e, sobre todo, Parker capaces de plantar cara aos Heat. Este é o bando dos victoriosos, pero tamén hai que comentar o dos derrotados e aí aparecen os Lakers, equipo, a priori, candidato a todo cun quinteto de asustar con Nash, Kobe, Meta World Peas, Gasol e Howard, pero que non deu o nivel desde o banquillo, tanto desde o punto de vista do entrenador que non os soupo dirixir, coma de efectivos xa que unha vez fora os titulares, o resto de xogadores non aportaron o que debían. En menor medida aparecen outras franquicias como Thunder, Mavericks, Knicks ou Celtics que se quedaron polo camiño. Pola contra, aparecen sorpresas agradables como Warriors e Grizzlies que loitaron ata case o final cando apenas estaban nas quinielas. Agora, coas franquicias de vacación e á espera do DRAFT desta semana, toca ir movendo as pezas e configurar as plantillas para o ano que ven e tentar afastar aos Heat do título.

No seguinte escalón atópase a Euroliga, cun Olympiakos vencedor con todo merecemento ante un Madrid que chegou á final cargándose ao seu eterno rival, o Barça, pero que pagou cara a inexperiencia e facer un primeiro cuarto espectacular que fixo desperatar á besta grega dirixida por un maxistral Sapanioulis. Destacar o fracaso absoluto do CSKA de Moscú que aspiraba a gañar o título con todos cartos invertidos, pero que se tivo que rendir ante o basket grego e esperar a mellor ocasión. Sobre o Barça, pois meritoria a súa participación con bastante xente lesionada que ata os últimos minutos da semifinal estivo aí, pero foi cando xa os seus efectivos non deron para máis.

Agora tócalle a quenda á ACB onde o gran candidato a gañar a liga, o Madrid, foi quen a gañou. Ao mesmo que na NBA, tamén sudou tinta para gañala ante un Barça moi mermado por culpa das lesións, pero que soupo estar arriba cunha fortaleza mental importante e forzando un quinto e definitivo partido en Madrid ao cal a súa gran estrela, Navarro, non puido axudar debido a unha lesión. Destacar, desde o meu punto de vista, o repaso táctico de Pascual a Laso e que se non tivesen tanta lesión, veremos como lle andaría o conto. Entre os derrotados desta liga atopamos a Unicaja que, a pesares do presuposto, non conseguiu entrar nin na fase final da Copa do Rei nin nos Play-offs, consumando un fracaso para ese equipo. En menor medida, Baskonia e Valencia tamén levaron cadansúa decepción ao non chegar ás semifinais e caer en cuartos co seu presuposto. Do mesmo xeito que hai decepcións, hai ledicias e nestas atopamos a CAI Zaragoza e Gran Canaria que conseguiron chegar ás semifinais sen estar nas quinielas e, sobre todo, o Obradorio que chegou por primeira vez na súa historia aos playoffs, sendo un equipo modesto. Por último, comentar que os equipos descendidos foron Manresa e Lagun Aro e salientar o mérito de Valladolid, ao que moitos dábamos por descendido antes de comezar a liga, en manterse na categoría sen problemas a pesares de todos os problemas económicos que tiveron (moitos meses sen cobrar); aínda que esto último foi pan de cada día de moitos outros equipos como Manresa, Bilbao, etc.

Sobre a LEB non vou a contar moito e limítome a dicirvos que tanto Burgos como Alicante foron os que se gañaron o ascenso na pista e Melilla e Clube Ourense Baloncesto os que se gañaron o descenso. Sobre o COB xa din cumprida conta da temporada aquí. Agora ven a explicación do matiz de se gañaron o ascenso/descenso na pista porque acabamos de saber que tanto Burgos coma Alicante a temporada que ven seguirán xogando na liga LEB, se non desaparecen, sobre todo Alicante; porque non conseguiron os cartos necesarios que pide a ACB para poder inscribirse. Estamos a falar de case 9 millóns de euros e pabillón novo para Burgos e case 7 para Alicante. Requisitos, para a miña opinión excesivos e mais nos tempos nos que estamos, pero o telderete está así montado e xa está. Polo tanto, Manresa e Lagun Aro, manteranse na ACB. En canto aos descensos, pois o mesmo, xa hai equipos que se gañaron o seu posto na LEB e non van ir, para, acto seguido, a Federación ofrecerlle a praza ao COB para que sexa o que siga na liga a temporada que ven.

E agora me pregunto eu, para que xogamos se logo nos despachos se cambia o gañado/perdido na cancha? Non se está eliminando o espíritu deportivo? Outro tema a debater sería o das ligas da Federación e o descoidadas que as ten. Parece que o único que lles importa é sair nas fotos cada verán coas medallas que acadan as diferentes seleccións nos distintos campionatos que participan. Cada ano cambios nos formatos, no número de equipos, etc e mareando  todo para que os afeccionados perdamos o fío de todo e acabemos escapando do baloncesto.

Creo que son uns puntos a reflexionar e dos que quero coñecer a vosa opinión, así que invítovos a que participedes.

Comentarios (0) Xuñ 26 2013

Rompinme…

Posted: under Calquer cousa, Deportes.

Si, rompinme, pero non vos asustedes, é máis a expresión dun sentimento de frustración que o que realmente me aconteceu.

Non é nada grave, simplemente que onte á noite, despois de tres anos, alá polo San Martiño do 2010, cando comezou a miña experiencia nisto das carreiras populares, vivín a experiencia de non poder rematar unha carreira.

Eran as 9 e pouco da noite no barrio ourensán do Couto e me dispuña a comezar esta 2ª carreira do circuito “Correndo por Ourense” despois de seguir a rutina habitual nestes casos, é dicir, estirar un pouco e quentar músculos para non ter problemas, cando comezou a carreira e con el os meus problemas. Aos 50 metros de comezar a correr notei unha molestia na parte de atrás do meu muslo dereito; non lle din importancia ata que uns 300 metros máis adiante, baixando a rúa Greco xa foi cando o muslo dixo “ata aquí cheguei” e notei un pinchazo, suave, pero pinchazo ao fin e o cabo. Seguín correndo para probar se podía seguir o resto da carreira, pero nada, a medida que seguía notaba máis dor no muslo e fun perdendo ritmo de carreira ata verme superado por bastantes corredores nos seguintes metros. Visto que era incapaz de seguir correndo en condicións e co risto de que o músculo rompera de todo; ao pasar pola meta por primeira vez (eran 3 voltas a un circuito de 1900 metros), decidín retirarme e non provocar males maiores.

Doeme bastante aínda no día de hoxe despois dun tratamento cunha pomada antiinflamatoria e ibuprofeno, xunto con algunha que outra masaxe e repouso. A tendencia está sendo a ir remitindo pouco a pouco e convererse máis molestias na perna que non dor, pero a maior dor téñoa no feito de non poder rematar a carreira. Como dicía anteriormente, levo 3 anos correndo e esta foi a primeira vez que non puiden rematar unha carreira. Espero que sexa a derradeira e todo quede nesta anécdota que vos conto aquí. Iso si, isto quizais fixo que a partires de agora vaia con un pouco máis de medo cada vez que me enfrente a unha carreira.

Todo quedará nun susto, nun aviso; pero o sentimento de frustración que está desde onte comigo non mo quita ninguén.

Comentarios (2) Mai 26 2013

C’est fini COB!!!

Posted: under Deportes.

Pois si, rematouse a temporada como para Clube Ourense Baloncesto (COB) e non por esperado, polo menos para min, deixa de ser triste e doer. Si, descendimos de categoría. Xa non somos de Leb Ouro e pasamos á 3ª división do baloncesto español.

Despois dun play-out agónico, que rematou na noite deste martes 7 de maio, para desfacer o empate a 2 victorias que había na eliminatoria, chegou Clavijo e no último cuarto pasou por riba nosa, literalmente. Quizais ese partido xa se perdeu o domingo no Pazo cando Galarreta nos clavou un triple a falta de 9 segundos despois dunha mala xogada defensiva por parte do COB. Que é mellor, facer falta ou defender? Esa é a eterna cuestión nos últimos minutos cando todo vai tan axustado. Iso si, o que nunca debes facer é conceder un triple e menos ao seu mellor tirador (ben coñecido por nos).

O problema do COB non estivo no play-out que se xogou senon en toda a temporada na que foi incapaz de ser regular cun comezo desastroso, para despois ser o Pazo o seu único punto forte xa que a primeira victoria fora del non chegou ata case finais da temporada regular e así se chegou á situación final de ter que xogar o play-out de descenso.

Pero imos a comezar polo inicio e botar a cabeza ao verán pasado onde comeza a andar este COB, é dicir, onde se confeciona a plantilla actual co entrenador como artífice da mesma. Partindo de que a economía do clube non permitía moitas aspiracións, creo que, non se fixo unha mala plantilla; polo contrario,  por nomes penso que deberíamos manternos na categoría facilmente e ata poder entrar nos play-offs polo título polos pelos. Entón que foi o que fallou? Pois, desde a miña humilde opinión, que houbo fallos na dirección do equipo e algúns xogadores aportaron menos do que se esperaba.

Imos por partes: na dirección tanto Mena como Rai non estiveron á altura do que se contaba xa que non mostraron unha regularidade durante a temporada e eso o equipo notouno, faltaba dirección e liderazgo. Foron poucos os partidos onde se impuxeron aos bases dos rivais e marcaron o ritmo do partido e cando un base non funciona, pódese dicir que non funciona o equipo. En canto aos escoltas e aleiros, pois salvo Movilla (xa sabíamos o que aportaba polo que nos mostrou a temporada pasada) e Barbour, moi grata sorpresa, por certo, para un recén chegado á nosa liga e que se adaptou moi rápido; os outros dous estiveron por baixo do que eu esperaba deles porque a Alfonso aínda se lle está esperando polo Pazo. Tamén é certo que viña dunha longa lesión e arriscouse, pero hai que recoñecer que non saiu ben a súa fichaxe e queda Julio González que, para min insisto, estivo moi por debaixo do agardado, sobre todo en ataque xa que creo que debería aportar máis do que o fixo e, iso si, en defensa non estivo mal. E remato cos interiores, Ogide e Kedzo estiveron moi irregulares alternando partidos bastantes bos con desastres absolutos, non houbo regularidade. En canto a Múgica e Serrano, pois correctos, estando Serrano un pouco peor que Múgica. A súa misión era dar descanso a Ogide e Kedzo e cumpliron, en maior medida Múgica destacando algún que outro partido, especialmente co tiro exterior porque, esa é outra, hai que dicir que xogo interior como tal, nunca tivemos, so Ogide e en pouca medida Serrano eran incapaces de destacar na zona. Non quero “fardar” agora, pero xa cando xogamos a final da copa Galicia contra Obradoiro, dixen que necesitábamos un 5 potente para axudar a Ogide porque Kedzo xogaría máis por fora que dentro, pero nada, á hora de reforzar fixérono cun base-escolta coma Gibbs. Recoñezo a calidade do xogador, moi por riba da liga na que xogou, pero tamén é certo que o seu individualismo e o xogar para el fixo que, nalgúns momentos e especialmente no play-out, non soupésemos xogar e puido ser contraproducente para os nosos intereses. Tamén é certo que se non fose por el, non chegaríamos ao 5º partido do play-out. Creo que a combinación do xogo colectivo e individual debería ter sido mellor.

E para rematar quédame o entrenador, si Rafa Sanz, que ten a súa parte de responsabilidade na situación. Primeiramente concordo con que tiña que ser a persoa que dirixira o proxecto de Leb Ouro pola súa experiencia e darlle un proxecto completo despois de ascendernos. Pero tamén é certo que se equivocou na dirección do equipo. Quizais non recoñeza a súa parte de culpa, pero tena. É a súa responsabilidade sacar todo o mellor dos xogadores, que, como dixen antes, era boa plantilla, e non o fixo. Como comentei máis arriba, se o base non funciona, non funciona o equipo; pois ben, o base é a extensión do entrenador, así que como creo que Mena e Rai non actuaban pola súa conta e si co que Rafa lle indicaba, pois tiramos cara atrás e temos outra parte de responsabilidade no que aconteceu toda a temporada.

E por último temos á directiva que colleu o equipo para que non desaparecese. Felicitala por esa decisión e todo o traballo feito, pero tamén darlle o seu tironciño de orellas por andar coas leas e cruces de declaracións deste final de temporada cunha das institucións socia maioritaria do clube. Non estou a dicir que se eses cartos estaban prometidos, fixeran ben en non darllos, pero podíase deixar iso para agora, cando xa rematase a temporada e non mezclar todo o deportivo co dos despachos. É agora cando hai que falar todo con calma, olvidar partidismos e demais historias e remar todos a favor do COB.

E o futuro que? Son dos que penso que o descenso foi deportivo porque nos despachos imos a recuperar a categoría de Leb Ouro, que é onde temos que estar. Non sei como solucionará o conto a Federación Española de Baloncesto, supoño que tarde, mal e daquela maneira (o importante é sair na foto coas medallas das seleccións), pero dime un paxariño que outra temporada con 14 equipos non a van a permitir, así que remítime ao comentado no parágrafo anterior e todos a por ao COB por diante e deixarse de lerias. Iso si, con borrón e conta nova, sobre todo no banquillo.

E xa para rematar non me podo esquecer da AFECCIÓN, si, nos que sempre estamos aí, que sufrimos, que gozamos do noso equipo. Temos que seguir sempre aí, non o podemos deixar e facer que este COB siga tan vivo como estivo sempre e loitar e pelexar ao lado del, así que grazas a todas e a todos os que imos ao Pazo e amamos a este clube.

AUPA COB!!!!

Comentarios (1) Mai 09 2013

Comeza o baloncesto…

Posted: under Deportes.

Rematou o verán e chegou o outono e con comezan as competicións de baloncesto, nesta fin de semana comeza a ACB e para a seguinte serán as ligas ADECCO onde na categoría de Ouro poderemos atopar ao meo Clube Ourense Baloncesto (COB) do que xa vos darei a miña opinión a semana que ven.

Esta fin de semana tivemos un adianto do que a ACB nos pode deparar coa celebración da Supercopa onde o xusto campión foi o Real Madrid a gañar con claridade ao Barça Regal na final deste domingo. Iso si, sen descartar aos outros equipos encabezados por Baskonia e Unicaja como grandes favoritos a gañar este ano.

Os participantes deste ano eran o Valencia Basquet contra o Barça Regal que xogaban a primeira semifinal para dar paso ao rematar á segunda semifinal que enfrontaba ao equipo anfitrión CAI Zaragoza Real Madrid. A primeira estivo igualada entre os dous equipos que xa durante esta temporada se coñecían ben debido a un par de enfrontamentos previos onde o Valencia vencera pola mínima e que non puido conseguir desta vez. A pesares das baixas tan importantes como as de Navarro e Jasikevicius por parte blaugrana, puideron facer fronte a todo un Valencia que se viu mermado coa lesión de Kelati mediado o partido e mellor conxuntado. Ao final a victoria caeu de lado catalán e aí esperaban rival para o día seguinte  e que viña da outra semifinal. Nesta segunda semifinal non houbo cor, ben, houbo unha e foi a branca. Cun comezo de partido igualado, o Madrid foi collendo pouco a pouco vantaxa grazas aos seus exteriores e conseguiron gañar sen problemas a un correoso CAI Zaragoza chamado a xogar por outras cousas na liga.

E chegou a gran final, a esperada por todos os siareiros do baloncesto, o clásico por excelencia. O resultado final foi que o Madrid vengou a súa derrota na anterior final da liga ACB e con total claridade ante un Barça que, por unha banda, notou en demasía as ausencias de Navarro e Jasikevicius que mermaron o seu xogo exterior e, por outra banda, notou a falta de conxunción entre as novas fichaxes. O partido foi un recital de xogo exterior por parte madridista coa figura destacada de Rudy Fernández que fixo case o que quixo coa canasta acabando con 22 puntos e designado MVP do torneo. Porén, non foi o único xa que todo o perímetro do Madrid estivo á altura e será unha parte fundamental e máis perigosa do equipo durante toda a temporada, quedando o xogo interior un poco máis mermado e menos potente. En troques, polo visto o domingo, no Barça ocorre o contrario, sendo o xogo interior o seu punto forte coa sorpresa agradable de Jawai facendo da zona a súa casa e ben secundado por Lorbek e Tomic. Polo contrario, o xogo exterior, non sen calidade, é inferior e máis coa as ausencias comentadas anteriormente. Isto foi o que, desde o meu punto de vista, ocurriu o domingo na final e penso que será así durante a temporada.

E para rematar, penso que a liga voltará a ser un man a man entre estes dous equipos no que vexo un peldaño por riba ao Madrid, como xa o vía nas finais do ano pasado e que aumenta coa incorporación de Rudy este ano. Pola contra, o Barça con boas fichaxes, máis de futuro que de presente, vexo que segue na mesma liña do ano pasado coa aínda non tanta compenetración entre os xogadores. Iso si, aínda hai moita liga por diante e o resto de equipos que non llo van por doado a ningún dos dous, así que nos espera una apaixoante liga este ano.

Comentarios (0) Set 25 2012

Rematamos o basket de equipo…

Posted: under Deportes.

Remata o mes de xuño e con el rematan as competicións no baloncesto mundial. Se fai semana e media foi a liga ACB a que decidiu o seu campión, esta fin de semana tocoulle á NBA escoller o seu. Nas categorías inferiores da Federación Española xa o tiñan feito unhas semanas atrás e a súa análise xa se fixo en canto á Leb Prata con respeito ao Clube Ourense Baloncesto (COB) e nun último parágrafo farei á da Leb Ouro e de como os que gañaron o ascenso na pista, o perderon nos despachos.

Comezo pola ACB onde puidemos ver unhas series de play-offs e mais concretamente unha final do máis apaixoante. Quizais o camiño que tivo o Barça foi un pouco máis fácil que o do Madrid, pero aínda así as dúas eliminatorias de semifinais foron bastante axustadas resoltas en 4 e 5 partidos, respectivamente. Comezo polo Barça que foi o que primeiro conseguiu o seu paso á gran final. Para iso derrotou a todo un digno Valencia Basquet en 4 partidos, pero cuns resultados moi axustados, primando a maior experiencia e calidade da plantilla blaugrana. Na outra semifinal a intensidade e emoción foi moito maior xa que tanto o Baskonia coma o Madrid dérono todo e chegaron ata un 5º partido que se resolveu a favor do Madrid facendo valer o factor cancha. Nuns primeiros partidos parecía que o Baskonia ía mellor, normal nos equipos de Ivanovic que se preparan a conciencia para esta parte da temporada; pero foi cando apareceron Sergio Rodríguez e Velickovic, tan cuestionados toda a temporada, para guiar ao Madrid para pasar a eliminatoria. Isto unido a unha gran efectividade nos lanzamentos desde a liña de 6.75 deu coa eliminación de Baskonia. E chegamos á gran final, un Barça-Madrid, nesa orde porque o factor cancha estiba a favor do equipo blaugrana. Viuse que o Madrid estaba en mellor forma e o Barça cun Navarro tocado non tiña outra alternativa en ataque. Ainda así o primeiro partido será recordado polo triple, case milagroso, de Marcelinho desde case o medio do campo e que deu a victoria ao seu equipo. No segundo equipo o Madrid repúxose do mazazo que puido supor ese triple e levouse a victoria do Palau quitándolle o factor campo ao Barça e con isto marchouse a Madrid, onde, nun terceiro partido memorable para o madridismo e patético dos blaugranas, gañaron de 26 puntos dándolle un auténtico baño ao equipo culé que, á postre, serviu para que reaccionaran e sacaran o orgullo que xunto coa calidade levou a eliminatoria a un 5º partido a Barcelona. Neste partido, xa máis de partida de xadrez que de basket, o Barça conseguiu gañar o partido, non sen sufrimento, e alzarse co título de campión cun Lorbek e Mickeal maxestuais.

Neste punto teño que confesar que era dos que non daba un peso polo Barça xa que a súa traxectoria non estaba sendo tan boa como a do Madrid e eran estes os que chegaban en mellor forma e cunhas porcentaxes de tiro moi boas, especialmente en triples. De non ser ese triple milagreiro no 1º partido, sería un claro 3-0, pero como o baloncesto é así de  imprevisible e despois dunha malleira de 26 puntos no 3º partido, o Barça espabilou e conseguiu remontar todo contra prognóstico. Espero que esta victoria non faga que os directivos blaugranas pensen que  non hai que renovar e remozar o equipo que claramente está case ao final dun ciclo e se ve que o Madrid xa está aí ao par e cun equipo bastante máis novo e de futuro, así que tócalles traballar de abondo nos despachos este verán.

Iso si, parece que esta final levantou expectación televisiva xa que os índices de audiencia foron bastantes bos con respeito aos que se estaban a dar durante a temporada. Isto debeuse, desde o meu humilde punto de vista, a que eran os dous grandes, Barça e Madrid, os finalistas e que a canle que os retransmitiu foi a La 1 de Televisión Española. Con isto tampouco hai que dicir que a xente está enganchada ao baloncesto e na temporada que ven se rompan os audímetros, simplemente situar o acontecemento nas circunstancias anteriores e mirar de como aproveitarse diso e do presumible bo papel da selección española de baloncesto na olimpiada, e ofrecer un bo e atractivo producto que leve á xente diante do televisor durante toda a liga regular e posteriormente nos play-offs.

Rematada a ACB, foi a NBA á que lle tocou por fin á súa temporada coa final case esperada por todos entre os Heat de Miami e os Thunder de Oklahoma; cos seus xogadores franquicia á cabeza, Lebron James e Kevin Durant, respectivamente. Previamente a esta final, cada un deles deixou eliminado a outros grandes equipos como foron os Celtics de Boston por parte dos Heat, non sen chegar a un 7º e definitivo partido. Sorprendentemente os Thunder tivérono máis fácil do que parecía contra os Spurs (mellor equipo da temporada regular) e cun 4-2 pasaron á final. Xa na final, Lebron James asumiu galóns e cunha media de 30 puntos por partido convertiuse no heroe dos Heat e deulle o tan ansiado anel de campions e creo que con todo merecemento. Agora virá o ruxe-ruxe de traspasos e axentes libres previos á elección do “draft” que nos vindeiros días terá lugar e cando os equipos cambiaran xogadores e rondas coma se fosen unha colección de cromos.

Díxenvos ao comezo que deixaría para o final os comentarios da Leb Ouro onde os equipos que na cancha se gañaron o seu dereito a xogar na ACB foron o Iberostar Canarias e o Menorca, pero que nos despachos perderon esa oportunidade de xogar ao non conseguiren os cartos suficientes que se esixen para xogar esa liga que anda ao redor dos 7-9 millóns de euro para o primeiro e 4-6 no segundo, entre canóns de entrada, de regularización, presuposto mínimo, etc. Se xa en circunstancias normais son cantidades considerables, na situación de crise que estamos a ter é moi difícil chegar a eses cartos e que non deben ser aportadas polas institucións públicas cuxos gastos deberían ir enfocados noutras actividades máis importantes como poden ser os servizos sociais, sanitarios e educativos. Polo tanto, é unha cousa que a ACB debería revisar para vindeiras ocasións e que o gañado na pista non se perda nos despachos. É unha mágoa que isto ocorra.

Comentarios (0) Xuñ 27 2012

Ascensos ourensáns…

Posted: under Deportes.

Aínda que xa o tiña que ter feito en semanas atrás, hoxe rompo a temática da que estou a escribir ultimamente e que se estaba a cinguir ás predicións meteorolóxicas e a cuestións políticas, tanto persoais coma da situación do nacionalismo galego. Rómpoa para facer balance, neste caso exitoso, de como foi a temporada dos dous principais equipos da miña cidade, Ourense, tanto do Clube Ourense Baloncesto (COB) e do Clube Deportivo Ourense que acaban de acadar sendos ascensos a categorías superiores ás que estaban a competir, Leb Ouro e 2ª B, respectivamente. Se me seguides por twitter (@omtesouro) xa estivestes puntualmente informados de como transcorreu a temporada, pero agora toca facelo máis ampliamente.

Comezo por orde cronolóxica na fazaña de conseguir o seu obxectivo e neste caso foi o COB o primeiro que o conseguiu na noite do venres pasado. Como non podía ser doutro xeito, o ascenso foi sufrido, pero conseguido ao fin e ao cabo que era o obxectivo principal da temporada. Neste caso os problemas dos despachos non existiron xa que o equipo dirixido desde a presidencia de Jorge Bermello xa fixera os deberes económicos en temporadas anteriores e os patrocinadores estaban aí e as débedas ausentes; así que puideronse centrar só no aspecto deportivo que é o que nos importa principalmente aos siareiros. Para elo contrataron a un director deportivo, Miguel Angel Hoyo, para diseñar unha boa plantilla cun entrenador que tiñan que lograr o ascenso si ou si e a iso se puxo. Confioulle a dirección a Rubén Dominguez e fichou a xogadores suficientemente contrastados, a priori, e con coñecemento da categoría. Xuntouse unha boa plantilla, desde o meu punto de vista, que tiña que loitar de ti a ti con Andorra pola praza de ascenso directo que estaba en xogo e non xogarse a temporada á lotaría dos play-offs. Pronto se viu que o equipo non carburaba, especialmente fora do Pazo onde as victorias estaban practicamente ausentes e iso fixo que Andorra se escapase na cabeza da clasificación e xa non se puidese alcanzar. Pero o problema estaba en que o COB tampouco era capaz de asegurar esa segunda praza que dera o factor cancha nos play-offs e vagamos polo medio da clasificación durante varias xornadas, todo iso debido á que non éramos capaces de gañar fora da casa e nos quedamos fora da copa; feitos que lle costaron a destitución ao adestrador pouco despois de mediada a temporada e que, a súa vez, levou consigo a dimisión do director deportivo por tomarse tal decisión sen ter en conta a súa opinión (acto, por certo, de coherencia dado que se te fichan para levar a parcela deportiva e te “puentean” cunha decisión coma esa, pois é o normal se eres un bo profesional con sentido de responsabilidade e coherencia). Isto, que parece que podería ser un erro e podería desestabilizar o clube, desta vez, saiu ben porque a fichaxe de Rafa Sanz fixo de revulsivo para enderezar o camiño xunto coa fichaxe de dous bos xogadores coma Kyle Hill (gran xogador con experiencia en ACB, pero con problemas nos xeonllos e con 18 meses sen xogar) e de Alberto Miguel (tamén con gran experiencia en categorías superiores), tal e como demostraron especialmente nos play-offs. Con estes vimbios conseguiuse o obxectivo secundario de quedar segundos na liga regular e ter o factor cancha en todas as eliminatorias de play-offs. Estes play-offs non foron un camiño de rosas xa que tanto na 1ª eliminatoria a 3 partidos conta Lan Mobel, coma na 2ª a 5 partidos contra Aurteneche, fixéronnos sufrir ata o último partido no Pazo onde se conseguiu gañar e chegar á final contra o Prat, filial dun histórico coma o Juventud de Badalona, aos que despois de 4 partidos conseguiuse o tan ansiado ascenso que ben se celebrou na cidade coa súa correspondente festa en Prat e, ao mesmo tempo, na fonte de Concepción Arenal, fronte ao Pazo de Xustiza, lugar de celebración por excelencia na cidade de As Burgas.

En canto a Clube Deportivo Ourense que logrou superar todos os problemas alleos ao campo de xogo, tanto económicos coma de directivos para rematar primeiro no grupo galego da 3ª división do fútbol español, permitíndolle xogar unha eliminatoria a doble partido con outro campión para xa ascender directamente e non andar eliminatoria tras eliminatoria polos campos da península co conseguinte gasto de cartos e o mal recordo de temporadas anteriores. A temporada no deportivo comezou bastante ben con Patxi Salinas no banquillo e foi líder durante moitas xornadas, pero xa os problemas na directiva estaban aí e levaron á dimisión do presidente, do director deportivo e, por conseguinte, do adestrador; quedando un baleiro de poder que ata que o novo presidente colleu o mando mantivo ao equipo un pouco á deriva perdendo o liderato tranquilo que tiña na táboa de clasificación. Despois da interinidade do entrenado do filial, chegou Luisito a coller o equipo e conseguiu enderezar o rumbo ata rematar 1º e campión do grupo galego. Esta boa marcha no deportivo fixo que os xogadores case se esqueceran de que se chegaba con dificultade a fin de mes, incluso se lle cortou a luz no campo e os directivos tiveron que pagar do seu peto as débedas para que lla volvesen conectar; sin contar as dificultades no pago aos xogadores. E con todo isto, como digo, quedou 1º e chegou a eliminatoria contra o C. D. Laudio de Llodio onde polo visto no resultado e sobre todo no xogo, non houbo cor, “bueno si”, a cor “rojilla” do Ourense e despois de gañar alá 1-3 quedaba o trámite, en teoría, de xogar este domingo no campo do Couto e o Ourense volveu a gañar 1-0 e certificar o seu ascenso á 2ª B do fútbol español e a súa conseguinte festa no propio campo e posteriormente tamén na fonte de Concepción Arenal, fronte ao Pazo de Xustiza.

E agora que? Xa temos conseguidos os ascensos no campo, pero penso que aínda queda un, espero que non moi longo, camiño nos despachos xa que á de por si difícil tarefa de encontrar patrocinios, hai que ter en conta que a situación económica actual non axuda moito e menos nunha provincia como a ourensá que non sae dos últimos postos en canto a índices económicos no estado español. Estes cartos non so deben pagar as débedas existentes, sobre todo no CD Ourense, senón tamén para poder confeccionar unhas plantillas de xogadores competitiva que permita manter as respectivas categorías na próxima temporada sen moitas dificultades dada a competencia que vai a existir, tanto no grupo de 2ªB que lle toque ao Ourense como a Leb Ouro, onde está suficientemente demostrado o nivel baloncestístico que hai alí. Quizais, na miña modesta e humilde opinión, a posibilidade de acadar máis cartos en patrocinios podería pasar por patrocinios conxuntos para os dous equipos, é dicir, dado que van a ir a buscar os cartos aos mesmos sitios (en Ourense non hai moitas portas nas que petar), pois non estaría de máis que os dous equipos directivos se sentasen xuntos e buscar conxuntamente eses cartos que son tan necesarios en base á publicidade que poidan facer da cidade e provincia, recorrendo case toda a xeografía española durante a competición. Non son experto en marketing nin economista nin nada que se lle pareza, pero penso que non estaría de máis buscar esas sinerxias entre ámbolos dous equipos polo ben deles, dos siareiros e da provincia. Resumindo, unha especie de 2×1 na que as empresas se involcren nos dous proxectos.

Comentarios (2) Mai 29 2012

Basketeando sobre a copa…

Posted: under Deportes.

Como ven sabedes, esta fin de semana pasada celebrouse no Palau Sant Jordi de Barcelona a fase final da Copa do Rei de baloncesto. Durante unha fin de semana, esta competición, organizada pola Liga ACB, agora Liga Endesa (os cartos son necesarios), xunta aos mellores 8 equipos clasificados na primeira volta da liga. O seu sistema de competición é o que a fai atractiva dado que se xogan eliminatorias a un único partido, onde calquera equipo pode gañar, independentemente da súa clasificación na liga e/ou presuposto. Tal é a atracción que, ano tras ano, son numerosos os “scouters” da NBA os que se deixan ver por alí coa finalidade de cazar ao talento de turno e levalo con eles.

Din que é a competición das sorpresas, pero xa vai sendo hora de quitarlle ese nome porque nos derradeiros 3 anos a final foi a mesma, o Real Madrid contra o FC Barcelona, eso si, con distinto resultado este ano, pero eso xa o comentarei nos seguintes parágrafos. Quizais varias sorpresas xa estaban no inicio porque equipos que non soían faltar á cita, pois este ano non estaban. Estou a falar de Bilbao Biskaia Basket (finalista de liga a temporada anterior), Valencia Basket (equipo de Euroliga e presuposto alto) e dous clásicos coma Estudiantes e Joventud. En troques, apareceron Alicante (equipo revelación no que vai de temporada), Lagun Aro de San Sebastián, Banca Cívica de Sevilla e Fuenlabrada xunto cos cabezas de serie Barça. Madrid, Caja Laboral, Unicaja.

O sorteo fixo que todos os derbis que podía haber, pois coincidiran: derbi madrileño (Madrid-Fuenlabrada), derbi andaluz (Banca Cívica-Unicaja) e derbi vasco (Caja Laboral-Lagun Aro) e logo os que quedaban (Barça-Alicante). A priori, os cabezas de lista deberían ser os que pasaran a eliminatoria de cuartos, pero aí apareceu a primeira e única sorpresa, ao meu entender, da copa e que foi a derrota de Unicaja ante un moi bo partido de Banca Cívica. Do resto, pois o esperado, pasaron Barça sen problemas e Caja Laboral e Madrid con un pouco máis de sufrimento.

En semifinais a cousa prometía xa que, por unha banda, Caja Laboral e Barça decidían un finalista e pola outra eran Madrid e Banca Cívica os que decidían a outra praza. Cada eliminatoria tiña o seu aquel porque eran entrenadores enfrontándose a ex-equipos, Ivanovic ao Barça co recordo das eliminatorias perdidas entre copa e liga e a pouca graza que lle fai perder ante o que fora o seu pupilo Xavi Pascual; e Joan Plaza ao Madrid. Desde o meu punto de vista foron semifinais doadas para os dous grandes, non sen atrancos porque os outros equipos non son mancos, pero con certa tranquilidade conseguiron o seu pase á final do domingo.

E chegou o domingo, enfrontábanse os dous clásicos do deporte español: Real Madrid e FC Barcelona; con 22 títulos de copa cada un, así que esa final desfaría o desempate. O favorito, a priori, era o Barça xa que viña de gañar as 2 últimas edicións da copa ao Madrid e ademáis é o lider destacado da liga nestes momentos; pero xa se sabe, nesto do baloncesto e máis a un partido como este, calquer cousa é posible. E así foi, o Madrid plantexou o seu partido, é dicir, a xogar ofensivo, tal e como ven facendo ao longo da temporada; mentres que o Barça fixo o que sabe facer, plantexar os seus partidos en base á súa defensa. Neste caso, quen gañou foi o ataque xa que o Madrid se impuxo en todas as facetas ao Barça, no que tanto Navarro coma Lorbek, os seus máximos exponentes, non funcionaban como é costume neles. Xavi Pascual non daba coa tecla adecuada para parar os ataques do Madrid, onde Llull, en liñas xerais, e Carrol no 3º cuarto executaron ao Barça e gañaron con todo merecemento o título. Din que Laso comezou a gañar este partido despois de perder de malleira en Bilbao varios días antes da copa; non so levantando o ánimo dos xogadores, senon tamén preparando a estratexia para o partido e, neste caso, gañoulle con ela a Xavi Pascual.

E agora que? Estamos ante un fin de ciclo do Barça e comezo do ciclo madridista? Eu non son tan rotundo, pero algo así pode acontecer se no Barça non analizan ben o que pasou. Se miramos a media de idade dos ámbolos dous equipos, vese como a do Madrid é moito menor, é dicir, teñen xa rapaces con presente e mais con futuro. Pola contra, no Barça esta media de idade xa é maior, estamos a falar de case 3 anos, onde xa moitos xogadores o seu futuro xa non está tanto por escribir. Tamén hai que ter en conta que as fichaxes feitas polo Barça esta temporada non están a funcionar todo o ben que se esperaba porque tanto Wallace coma Marcelinho non están a ser o que eran a temporada pasada nos seus equipos anteriores e Ingles, que chegou mediada a temporada pasada, non entra moito na dinámica de equipo. En troques, no Madrid parece que todo comeza a funcionar mellor, incluído o estilo de xogo e a pesares dunha baixa tan importante como a de Rudy Fernández.

Eso si, aínda queda moita liga e Euroliga por diante, así que haberá que facer unha análise máis profunda ao rematar a temporada.

Comentarios (0) Feb 23 2012

Algo de baloncesto…

Posted: under Deportes.

Con varias semanas de retraso, hoxe toca falar un pouco de baloncesto e facer un balance de como vai a temporada nas distintas ligas que se están xogando.

Comezo de maior a menor importancia, así que toca falar da NBA que, debido ao lock-out, van coma tolos xogando entre 3-4 partidos por semana todos os equipos ata completar unha temporada de 66 partidos de liga regular e logo os play-offs. Neste ritmo frenético, a día de hoxe, quenes mellor o levan son os de Oklahoma e Chicago, sendo líderes das súas respectivas conferencias. Non son unha sorpresa xa que ámbolos dous equipos teñen moi boas plantillas con cadansúa estrela, Kevin Durant en Oklahoma e Derrick Rose en Chicago; firmes candidatos a premio de MVP de liga regular. Seguidos destes, un bo pelotón de equipos, algúns dos cales é sorprendente o rendemento que están a ter, como son Philadelphia, Clippers, Denver ou Indiana. Do mesmo xeito que hai sorpresas, tamén hai fiascos momentáneos como poden ser os actuais campións que parece que non arrancan esta temporada, Memphis que non están ao nivel que a temporada pasada os levou aos play-offs e, sobre todo, os Lakers que despois das movidas de despachos con varios intentos de troco de xogadores, tivo que quedarse practicamente como estaba, pero cunha peza importante menos (Lamar Odom), ademais de que co entrenador novo non están a dar coa tecla para xogar ben xa que a táctica de pasarlla a Kobe e que tire, pois non está a funcionar. Polo tanto, e visto o visto, pois vou ver se me tiro á piscina e fago o meu prognóstico para a final e os tiros van por ver unha final entre Oklahoma e Chicago, pero aínda hai moita liga por diante. E non quero rematar este parágrafo sen facer mención á o xogador sensación da temporada e que non é outro que Ricky Rubio. Parece que foi soltarlle a cadea que o tiña tenso no Barça e ser o xogador espectacular que é.

Baixando un nivel, toca falar un pouco da Euroliga onde a sorpresa estivo no Baskonia xa que non conseguiu pasar ao Top-16 de mellores equipos e si o fixo o Biskai Bilbao Basket. Do resto parece discurrir con dous favoritos claros como son o Barça e o CSKA Moscú, que teñen un amplo número de papeletas para xogar a Final Four, pero sen descartar ao Madrid, Siena ou os equipos gregos.

Baixando outro nivel, agora vou coa ACB onde parece ser que a historia vai ser cousa de dous equipos: Barça e Madrid. Neste momento é o Barça o que manda, pero con Madrid soprándolle no cogote e así seguirá ata final de temporada, debido principalmente aos recursos de xogadores dos que dispoñen ao seren dos equipos máis ricos da liga. Por detrás están os de sempre, Baskonia e Unicaja con Alicante de sorpresa tamén metido aí. Por abaixo volve a estar a verdadeira liga, a liga da supervivencia, onde un bo feixe de equipos, entre eles os históticos Estudiantes e Joventud, están a xogarse o non descender á Leb Ouro. Desde o meu punto de vista, quenes mellor o teñen poden ser Obradoiro e Estudiantes que parece que non andan a facer trocos drásticos tanto na plantilla como de adestrador, confiando nun proxecto.

E xa para rematar, vou a Leb Prata (sáltome a posta a Leb Ouro) onde está o meu Clube Ourense Baloncesto (COB). Non está a facer boa campaña, ou a campaña que os siareiros esperábamos. Cunha plantilla, desde o meu punto de vista para estar loitando polo liderato, estamos terceiros e con remotas posibilidades de quedar xa non primeiros, senon segundos. O problema está nas 5 derrotas consecutivas fora do Pazo e que lastran a que o equipo mostre regularidade. Para elo, pois na semana pasada, desde a directiva, decidiron prescindir do entrenador Rubén Domínguez e contratar a Rafa Sanz outra vez e fichar a Kyle Hill, un moi bo xogador que, aínda que está en baixa forma, apunta moi boas cousas, por riba da categoría na que está xogar. Aínda queda traballo por facer, pero visto o visto o domingo, parece que van polo bo camiño. A próxima fin de semana, fora do Pazo, verase se melloramos ou seguimos igual. E por se fora pouco o que hai no clube, o sábado dimite o director deportivo. Acción lóxica cando se decide cambiar de entrenador sin consultarlle e pasando por riba das súas funcións por parte da directiva. Esperemos que estes movementos sirvan para acadar o único obxectivo para o equipo que é o de ascender a Leb Ouro.

E para rematar, emplazarvos a un próximo post, onde vos porei a miña reflexión sobre as competicións FEB, fora das de seleccións xa que non está a ser moi boa a súa planificación.

Comentarios (0) Feb 07 2012

Volve a NBA

Posted: under Deportes.

Pois si, parece que despois de cento e tantos días do xa aburrido “lockout”, os propietarios dos equipos NBA e os xogadores chegaron a un acordo sobre o convenio colectivo para os vindeiros anos. Tería validez durante os próximos 10 anos, podéndose revisar a partir dos 6.

Posiblemente a ti, se non eres aficionado ao baloncesto, esto darache igual e o verás como unha discusión entre multimillonarios e millonarios sobre uns cartos cos que ti vivirías case o resto da túa vida. Razón non che falta, pero imos ao mesmo caso que co fútbol; a todos nos parece unha animalada o que cobran os xogadores, pero estamos coma tolos diante do televisor para ver calquera que sexa o partido. Pois coa NBA nos pasa o mesmo aos que nos gusta o baloncesto.

Centrándome agora nesta nova, veremos como moitos dos xogadores NBA que estaban a xogar en Europa para non perder a formar e gañar máis cartos, van ter que facer as maletas e voltar para os Estados Unidos xa que o 9 de decembro comezarían a adestrarse cos seus equipos de alí, que, en definitiva, son os que lle pagan e dos que viven, e o 25 de decembro comezaría a temporada que tería 66 partidos de liga regular e logo os play-offs. Ademáis, non comezaría con calquera partido, se non con 3 auténticos partidazos de clásicos: Celtics-Knicks, Bulls-Lakers e Heat-Mavericks (campión e subcampión da temporada pasada).

Foron moitos os equipos en Europa os que se “arriscaron” a fichar a estes xogadores sabendo que en calquer momento se arranxaría a situación e terían que deixar o equipo, como así foi porque tanto os donos dos equipos coma os xogadores non se podían permitir un ano sen xogar, tanto desde o punto de vista económico (o principal) coma desde o punto de vista deportivo, especialmente os xogadores importantes dado que a olimpiada de Londres está á volta de esquina o verán que ven.

Con esta situación, sáltame unha cuestión para facervos: fixeron ben os equipos arriscándose a fichar e agora perder os xogadores ou coma fixeron Barça e Panathinaikos que non ficharon a ningún e non sufren cambios agora que se van? Persoalmente penso que a segunda foi a correcta xa que, tal e como puxen no parágrafo anterior, non se podían permitir estar parados e ao final ía a haber acordo. Así agora, seguen cos mesmos esquemas de traballo e xogadores xa acoplados para toda a temporada, mentres que os equipos aos que se lle marchan xogadores, terán que fichar (acaba de saltar a nova de que Singler-Alicante parece que vai ser o substituto de Rudy no Madrid e á súa vez Morrison o substituto de Singler en Alicante), acoplarse de novo ao xogo do equipo e o equipo co xogador novo coa conseguinte perda de tempo en canto a xogo de conxunto que os equipos xa rodados poden aproveitar. Tamén é verdade que o Barça non fichou porque o seu obxectivo eran os irmáns Gasol que estaban tolos por xogar no alí, pero se non había NBA, é dicir, que se non había acordo eran un reforzo de luxo para o equipo de cara a competir contra os que xa tiñan NBAs nas súas plantillas.

Agora só nos queda disfrutar da temporada, aínda que sexa máis corta do normal, pero antes anímovos a comentar a pregunta que vos fago no parágrafo anterior.

Comentarios (0) Nov 30 2011

Non sei de que falar…

Posted: under Calquer cousa, Deportes, Política.

Mais que non saber que contarvos hoxe aquí, sería mellor dicir que son tantas as cousas das que quero falar que me pode quedar un ladrillo infumable de post.

Hoxe á mañá ao levarme estaba coa idea de escribir un post para falar de baloncesto, sobre o comezo da ACB e da Euroliga e as perspectivas que eu vexo para esta temporada en ámbalas dúas competicións. Ía dar a miña predición de equipos favoritos e falar dos mínimos índices de audiencia que se estan a dar en televisión, a pesares de que o baloncesto é considerado o segundo deporte no estado español, por detrás do fútbol e diante de “deportes de moda” como pode ser a Fórmula 1, o ciclismo ou o motociclismo.

Despois cheguei ao meu traballo en MeteoGalicia (si, xa volto a estar alí grazas a que se fixo xustiza, pero esa historia xa a contarei no seu debido tempo) e me atopo cunhas “sorprendentes” declaracións do Conselleiro de Medio Ambiente onde tiraba ao lixo todo o traballo que estamos a desenvolver non atendendo a un informe que nos pide porque “non lle gusta” e que como as solucións a tomar non son eleitoralmente boas a un mes vista de pasar polas furnas; pois hai que menospreciar o traballo feito por un organismo propio. Non me vou a estender mais nesto e vouvos a remitir a blogue que o meu compañeiro Lino Naranjo ten, onde o explica moi ben (http://linonaranjo.blogspot.com) e concordo totalmente co alí escrito.

Xa cando ía pasando a mañá e ía dándolle volta a que escribir e como, tiña decidido comentar algo sobre os lumes que están a producirse na miña provincia, Ourense, e como desde a fin de semana se atopa baixo unha cuberta nebulosa de fume e o ar é irrespirable debido a todo ese fume que se está a producir. Ía facer notorio como o presidente da Xunta fai 5 anos estaba a denunciar ao goberno bipartito sobre a súa non política en contra do lume e como este ano él se atopaba facendo as Américas á busca de votos para que o seu querido Rajoy poida instalarse na Moncloa e o que é maís lamentabel, como o delegado da Xunta en Ourense, este mesmo martes, con todo ardendo, marcha a Madrid gran parte do día para ver un partido de fútbol no Bernabeu (http://www.elpais.com/articulo/Galicia/superdelegado/Xunta/fue/Bernabeu/mientras/ardia/Ourense/elpepuespgal/20111020elpgal_6/Tes) nunha deixadez de funcións equiparable á de Fraga e Álvarez Cascos cazando cando o Prestige afundía na costa galega.

Pero aquí non acaba o meu barullo mental, xa que xa remantando a mañá saltaba a nova do asasinato de Gadafi e todo o que esto conleva. Digo asasinato porque entre a OTAN e os propios inimigos libios, acabaron con el. Non son partidario do “ollo por ollo, dente por dente”, así que coido que se realmente fixo o que fixo e que me parece atroz, pois habería que mantelo con vida, que fose xulgado e se un tribunal o decide, pois que pague o que fixo. E o peor de todo é hipocrisía dos que hoxe festexan a súa morte e non fai moito tempo pelexaban por facerse unha foto con el, presumir da súa amizade e firmar contratos de negocios.

E cando pensaba eu que non quedaba nada novo para decidir que contarvos e voltaba da miña clase de inglés xa intentando decidir sobre que falar, chego a casa e me atopo coa gran noticia de que a banda terrorista ETA emite un comunicado onde anuncia o seu cese definitivo. Como digo é unha gran nova para todos e que agora so se traten todos estes temas de forma democrática, sen pistolas, bombas, etc polo medio. Esperemos que os políticos sepan estar á altura de tan grande acontecemento e non comecen agora a intentar conseguir réditos eleitorais á conta de esto. Seguro que algún que outro sacará a súa lingua a pacer (estamos a pensar nos mesmos seguro) e sexa tomado como unha vitoria da democracia. Quizais de todas as declaracións que teño escoitado e lida ata o momento, á que mellor resume todo é a que dixo Zapatero: “Esta será unha democracia sen terrorismo, pero non unha democracia sen memoria”, porque si, hai que recordar a todas e todas vítimas que este terrorismo sen sentido deixou polo camiño. Desde este burato da rede unha aperta enorme a todas e todos eles.

E ben, como ledes (se non vos quedastes durmidos) ao final falei de todo, pero non falei de nada á espera de que mañá vos actualice a predición meteorolóxica xa que se presenta algún cambio con respeito ao que vos comentei onte.

Comentarios (1) Out 20 2011