E será certo que volve o frío?

Posted: under O tempo.

Ben, seguimos con este tempo tan case de verán que parece que nos está a dar un mes de abríl con poucas augas mil. E que, como remata o mes? Pois cóntocho agora mesmo.

O que temos nestes momentos son algunhas nubes sobre o ceo peninsular e que mesmo deixou algunha que outra treboada, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, esta historia do tempo vai a seguir cambiando un chisco. Unha masa de aire frío vaise achegar polo norte inestabilizando a atmosfera peninsular e provocando que aparezan máis nubes e deixen precipitacións polo centro e norte peninsulares, sendo algunhas destas de caracter treboento. Xa canto máis ao sur un pouco máis tranquilo. O resumo en imaxes do modelo, neste caso o GFS, pódelo ver nos campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Como podes imaxinar, se ven unha masa de aire frío, baixan as temperaturas, así que aínda non toca sacar a roupa de verán e gardar a de abrigo porque falta vai facer. E aínda que non o creas, este aire frío provocará que baixe a cota de neve e, si case en maior, teremos algunha que outra nevarada en cotas preto dos 1000 metros.

O vento si estará tranquilo en liñas xerais. Unicamente polo sueste e norte soprará con más intensidade, especialmente o sueste.

E si, volve a chuvia a Galicia. Non será gran cousa, pero algo será no día de mañá martes, con maior probabilidade canto máis ao norte do país sen ser de xeito continuo, mais ben a ratos. Xa logo volve a estabilidade e as nubes irán marchando e voltará o sol, aínda que non quentará moito porque a masa de aire frío da que levo falando este rato tamén nos afectará e as temperaturas baixarán notablemente comparadas coas destes días. A partir de mañá pola tarde o vento fará acto de presenza durante o que quede de semana deixándose notar un pouco.

Como les, toca deixar a roupa de abrigo, a gorda gorda non, pero a outra aínda a man porque esta calor vai a marchar e volveremos a unha situación un pouco bastante máis fresca.

Comentarios (0) Abr 24 2017

Seguiremos nas mesmas?

Posted: under O tempo.

Xa estamos a finais desta semana que nas cousas estas do tempo nos deixou algo de movemento, especialmente do vento polo norte e sur peninsulares xunto con algunha que outra treboada. E nos seguintes días, que? Iso vémolo agora mesmo.

O que xa se poder ver é como a península Ibérica xa non está completamente despexada e son bastantes as nubes que a cubren sobre todo polo centro e sur, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, a situación esta de relativa tranquilidade vaise manter e mesmo tenderá a ser maíor porque a inestabilidade irá marchando e a probabilidade de treboadas diminuirá. Todo isto tendo en conta que as altas presións manteranse ao norte da península facendo que haxa moito sol e pouca nube; estando éstas máis cara o sur e que mesmo no final da fin de semana poderían deixar algunha que outra treboada. Podes ver isto na saída do modelo GFS prevista para este sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

As temperaturas en liñas xerais estarán sen moitos cambios, agás polo leste onde ascenderán co paso dos días.

O vento seguirá a ser noticia pola súa intensidade polo sur peninsular xa que na zona do estreito de Xibraltar manterase esta forte intensidade mentres que polo norte irá diminuíndo ata calmarse na fin de semana. No resto do territorio estará tranquilo.

Aínda que non o creas, a fin de semana en Galicia pinta con sol. Algunha nube podería colarse para estropear o ceo completamente azul, pero a chuvia non se ver por ningún lado. Iso si, as temperaturas non variarán moito, agás na mariña luguesa onde ascenderán e se notará máis a calor debido á marcha do vento forte que estes días están a sufrir por todo o litoral norte; volvendo todo o país a un vento moi frouxo.

Como les, volve a case estabilidade completa á península e sen chuvia á vista neste mes de abril algo rariño que estamos a ter.

Comentarios (0) Abr 20 2017

Fin da estabilidade?

Posted: under O tempo.

Xa rematou esta Semana Santa que no meteorolóxico non estivo tan mal, verdade? Para que logo digas que sempre chove. Agora toca ver como continúa o tempo e para iso estou eu aquí de novo, así paso a dicircho.

De momento seguimos co ceo pouco nubrado ou despexado sobre a península Ibérica, con algún núcleo treboento; tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite correspondente a esta mesma tarde.

Pois ben, parece que tanta estabilidade non vai a continuar nos vindeiros días. A baixa que estes días estivo sobre as Azores vaise a ir achegando á península Ibérica provocando que aumente a inestabilidade. Polo tanto, as nubes irán en aumento e deixarán algunhas treboadas polas tardes polo centro e leste peninsulares, mentres que nas outras zonas as probabilidade será menor. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Con todo isto tamén teremos cambios nas temperaturas cun descenso progresivo das mesmas, especialmente polo leste da península; rematando con estes valores por riba do normal nesta época do ano.

O vento voltará a facer acto de presenza ao longo desta semana, sobre todo polo norte e sur penisulares deixándose notar, e moito na metade da semana principalmente.

Aínda que leas isto e penses en que cambia o tempo en Galicia, non será tanto. Si haberá máis nubes e a posibilidade dalgunha treboada no día de mañá martes, pero logo volta a tranquilidade con moito máis sol que nubes no resto de días da semana. As temperaturas non variarán moito durante os vindeiros días, agás un lixeiro descenso polo norte debido ao nordés. O vento si que será noticia porque se vai deixar notar en xeral en todo o país e moito polo norte.

Como les, esta tranquilidade que tivemos durante días pasados rómpese e chegamos a unha semana un pouco máis inestable onde as treboadas poderán ter algo que dicir, mentres o sol xa non é o protagonista total.

Comentarios (0) Abr 17 2017

O tempo para a Semana Santa traenos…

Posted: under O tempo.

Xa estamos en Semana Santa e ao mellor xa estás de descanso/vacacións ou estás esperando aos días festivos e sempre co tempo a voltas, non si? Pois si, agora xa podo dicirche algo un pouco máis fiable, pero tampouco te creas que moito para o final de semana.

De momento segue o tempo seco e solleiro, practicamente sen nubes sobre o ceo peninsular, tal e como podes observar na seguinte imaxe de satélite desta tarde.

Pois ben, parece que non vai a haber cambios importantes ata a vindeira fin de semana. Bueno, pero antes da fin de semana temos por diante unha semana na que as altas presións seguirán mandando sobre a península e, polo tanto, aportando certa estabilidade, salvo algunha treboada solta por aí. Así, outra vez a ausencia de nubes e a presenza do sol será o que predomine, tal e como mostra a saída do modelo GFS para o vindeiro mércores ao medio día para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Agora ben, os cambios dos que che falaba antes virán a partir do venres e que afectarían principalmente polo noroeste e norte onde a inestabilidade fará acto de presencia con algunha nube máis e mesmo algo de chuvia. Volvo a porche unha imaxe do ensemble de medio praza de MeteoGalicia a probabilidade de chuvia para os vindeiros días onde podes ver como para os últimos días desta Semana Santa ésta aumenta nas zonas que che comentei anteriormente.

 Ao mesmo tempo que luce o sol, tamén quentará porque seguiremos con temperaturas máis que agradables nestes días, cun lixeiro descenso polo norte no remate da semana e a fin de semana.

En canto ao vento, éste apena se notará ao longo da semana con aumento da súa intensidade polo oeste e sur na fin de semana.

Ben, xa che digo que a Semana Santa non pinta bastante mal en Galicia. Aínda que non o creas, a chuvia estará ausente neste comezo de semana, salvo algún que outro chuvasco treboento polo interior na xornada do xoves. Xa, a partir do venres a situación cambia un chisco e a probabilidade de chuvia aumenta provocando que se vexan máis nubes e mesmo algo de chuvia. Iso si, frío non imos pasar porque as temperaturas seguirán a ser calorosas en moitos puntos do país. E do vento ata a fin de semana non haberá noticias del.

Como les, non pinta mal a Semana Santa, tomándonos con reservas a parte final onde a fiabilidade é menor, así que non perdas o fío por se a partir do venres a situación cambia dado que o que che acabo de contar non deixa de ser unha das opcións, a de maior probabilidade, pero non a única posible.

Comentarios (0) Abr 10 2017

Tempo en Semana Santa?

Posted: under O tempo.

Ben, xa estamos cheirando a Semana Santa e ti ansiosa/o en saber que tempo fará, non si? Nesta nosa semana de paixón aínda non está claro o tempo, pero algo che adiantarei, así que non me lio máis e paso a contarche.

Xa podes imaxinar como ven a imaxe de satélite, verdade? Pois como ves, con moi pouca nube sobre a península Ibérica deixando un día moi solleiro.

Pois ben, esta situación anticiclónica vai a continuar nos vindeiros días. Deste xeito, o tempo con moito sol e pouca nube vai seguir sendo o protagonista. Cara a finais da fin de semana poderían aparecer algunhas nubes polo este e mesmo cunha pequena probabilidade de chuvia, pero nada importante. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

De temperatura pasaremos calor, quizais un chisco máis altas do normal nesta época do ano, especialmente polo sur.

O vento estará tranquilo, agás polo leste e sur onde se notará moito máis durante os vindeiros días.

E si, a chuvia non vai a aparecer en Galicia, así que o tempo solleiro e con calor vai a manterse ata comezos de semana e co vento tendendo a diminuir a súa intensidade.

E a Semana Santa, que? Pois a día de hoxe aínda hai bastante incertidume sobre como evolucionará, pero parece que o escenario máis probable é que a probabilidade de chuvia é baixa en xeral, sendo máis problable, dentro desta baixa probabilidade, canto máis ao oeste peninsular, tal e como che mostro na seguinte imaxe da probabilidade de chuvia a medio prazo que nos da o ensemble de MeteoGalicia. Isto é o que che podo adiantar a día de hoxe e emprázoche ao luns para unha actualización máis centrada nos días festivos de finais da vindeira semana.

Como les, segue a estabilidade e parece que, aínda que se perda algo na Semana Santa, non vai a ser moito e o tempo tranquilo e con bastante sol estará garantido como mínimo ata comezos da semana.

Comentarios (0) Abr 06 2017

Verán de novo?

Posted: under O tempo.

Xa temos aquí o mes de abril e parece que comeza tranquilo, con sol e temperaturas máis que agradables polo visto no día de onte e hoxe, non si? Pero, ata cando durará isto? Agora cho digo.

Como ves na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, as nubes practicamente están ausentes sobre o ceo peninsular, salvo algunha nube por aí solta e algunhas altas estropeando o ceo completamente azul.

Pois ben, esta situación manterase durante a semana. As altas presións seguirán mandando sobre a península e, polo tanto, a estabilidade será a tónica predominante. Así, o ceo pouco anubrado ou despexado estará garantizado, agás polo norte onde sí aparecerán algunhas nubes e mesmo poderían deixar algo de chuvia por Cantabrio e Euskadi na metade da semana. Non se descarta que polo sueste poida tamén aparecer algo de chuvia. Podes ver todo isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e precipitación (dereita).

As temperaturas seguirán a ser agradables, especialmente polo centro e sur da península, cunha lixeira tendencia descendente polo norte segundo avance a semana.

O vento si dará a lata esta semana. Será pola zona do estreito de Xibraltar onde se notará máis xunto co norte.

Si, descansa a chuvia en Galicia. Xa onte e hoxe foron un adianto do que se nos ven no tempo desta semana con moito sol, algunha nube alta, sen chuvia, néboa matinais nalgúns do interior, e temperaturas agradables, mesmo calorosas polo interior no remate da semana. Iso si, vento haberá e notándose na metade e final da semana.

Como les, toca estabilidade e tempo primaveral, lonxe de chuvia e frío; así que a gozar del que a Semana Santa está aí a volta da esquina e vai ti saber que tempo virá (o xoves caerá un adianto).

Comentarios (0) Abr 03 2017

E de tempo como andaremos?

Posted: under O tempo.

Estamos rematando este mes de marzo que no meteorolóxico nos trouxo de todo: desde un amago de verán ata un amago de inverno duro. Agora toca ver como comeza o mes de abril e se fai caso ao dito de “en abril, augas mil”. De momento só che conto como ven esta primeira fin de semana do mes.

Se ves a seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde verás como o sol é o protagonista xeral sobre a península, coa excepción do rincón noroeste onde as nubes son as que mandan e mesmo xa están a deixar chuvia.

Pois ben, a situación vai cambiar nas vindeiras horas coa entrada da fronte que xa podes ver na imaxe anterior. Durante esta madrugada e mañá venres recorrerá todo o norte peninsular deixando o ceo nubrado e con precipitacións, algunhas delas importantes e en forma de treboada. Xa para o leste e sur estará moito máis tranquilo, aínda que con nubes. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para mañá ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Xa na fin de semana a situación irase compoñendo e aínda que polo norte quedarána as nubes coa chuvia, no centro e sur xa máis sol con continuación na xornada do domingo onde en practicamente toda a península a estabilidade será a tónica dominante e, polo tanto, con baixa probabilidade de precipitación malia algunha nube. O resumo visual disto telo nas seguintes imaxes do modelo previstas para a medianoite do sábado ao domingo para os mesmos campos anteriores.

Iso si, tralo paso destas frontes entra aire frío e fai que as temperaturas baixen e deixen estes valores tan agradables de hoxe e mañá, sendo xa máis frescas na fin de semana.

O vento estará presente por todo o norte peninsular, notándose principalmente polo nordeste durante a fin de semana.

E si como xa estás a comprobar, despois de dous días de relativa tranquilidade, volta a chuvia a Galicia e por momentos importantes nesta vindeira madrugada e mañá pola tarde, quedando o tempo intermedio con algún que outro chuvasco. Xa a partir da tarde do sábado a situación irase compoñendo e o domingo promete ser tranquilo. Con isto tamén teremos un pouco máis de fresco dado que as temperaturas baixarán mañá e o sábado, recuperándose un chisco o domingo. O vento cesará tamén o domingo, pero mentres tocará sufrilo un par de días.

Como les, aínda queda algo de tempo perralleiro para mañá e o sábado polo norte, pero xa logo todo se axeita para rematar o domingo con día bastante xeitoso.

Comentarios (0) Mar 30 2017

Tranquilizándose o tempo?

Posted: under O tempo.

Estamos xa rematando este mes de marzo que tanto contraste meteorolóxico nos está a dar, así que agora toca ver que nos depara esta semana a atmosfera, así que paso a contarcho agora mesmo.

Como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, as nubes son as protagonistas sobre a península Ibérica cubríndoa na súa meirande parte e mesmo deixando precpitacións en moitos puntos dela.

Pois ben, xa che digo que esta inestabilidade vai a ir rematando polo menos uns días. A partir de mañá martes a atmosfera estabilizarase e o sol será moito máis protagonista que as nubes, aínda que seguirán presentes, pero con moi baixa probabilidade de chuvia, tal e como mostran as saídas do modelo GFS para este mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Xa o xoves comeza a cambiar o conto co achegamento dunha profundo borrasca ás illas británicas e cuxa fronte asociada comezará a afectar á península polo oeste na tarde dese día e logo se estenderá ao resto, pero iso xa cho conto mellor o xoves.

En canto ás temperaturas, éstas irán en ascenso progresivo segundo avancen os días da semana, notándose moito máis nas diurnas, non sendo tanto nas nocturnas.

De vento a península estará relativamente tranquila, agás dúas zonas: o noroeste e, sobre todo, polo sur onde si se notará e máis, especialmente esta última zona.

Si, chega unha tregua ao tempo en Galicia deixándonos un martes e mércores e case o xoves. Aínda que as nubes seguirán presentes, serán menos e con baixa probabilidade de chuvia ata o xoves pola tarde que será cando, coa entrada da fronte, aumenta a nebulosidade e trae consigo chuvia. Polo menos non irá frío porque as temperaturas irán subindo, malia ao vento que aportará esa parte de sensación de frío maior que o que nos marque o termómetro.

Como les, toca máis tranquilidade e estabiliade ao tempo da que estivemos a ter en días e semanas pasadas, así que a gozar del á espera de novos cambios o día que cheguen.

Comentarios (0) Mar 27 2017

Primavera? Non, case inverno…

Posted: under O tempo.

Que? Estamos en primavera, non si? Pero, a que non o parece? Pois non, non o parece porque como xa ben saberás nevou en moitos lugares, mesmo en Madrid capital. Xa o dicía o meu avó Ramón, “aínda queda a neve do cuco”. E canto vai durar isto? Marchará este frío? Agora cho digo.

O que temos enriba son os restos do paso do sistema frontal do martes/mércores deixando chuvascos espallados por case toda a península en forma de chuvia e neve en moitos puntos, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, esta situación de baixas presións vai a continuar nos seguintes días. Deste xeito, a inestabilidade continuará con moita nube sobre a península Ibérica e deixando precipitacións que serán en forma de neve por riba dos 500/600 metros no día de mañá e subindo progresivamente ata os 1000 metros no remate da fin de semana. Unicamente polo sueste se librarán disto porque malia as nubes, a probabilidade de precipitación será menor. Deixoche as imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para que te fagas mellor á idea disto que che acabo de contar: á esquerda os campos de isóbaras e nebulosidade e á dereita o campo de precipitación.

O frío este de marzo aínda continuará uns días. Iso si, con lixeira tendencia ao ascenso, especialmente polo sur. Será o domingo xa cando se note máis o ascenso en case toda a península.

O vento seguirá presente, por momentos máis e por momentos, menos; pero sin librarnos del na fin de semana e facendo que a sensación de frío sexa un pouco maior.

E si, en Galicia imos seguir con este tempo tan farragoso de agora chove, agora non (nalgúns sitios neva), ata se ve o sol. É dicir, a inestabilidade permanece e os chuvascos seguirán presentes, sendo por momentos máis probables (mañá venres e o domingo pola tarde) e por outros menos (sábado e domingo pola mañá), pero con ambiente húmido. O que si irán subindo as temperaturas un chisco, tampouco moito; manténdose o vento presente durante toda a fin de semana.

Como les, mantense este tempo máis de inverno que de primavera durante a fin de semana, así que tocará abrigarse e andar co paraugas a man.

Comentarios (0) Mar 23 2017

Festexando o noso día!!!

Posted: under O tempo.

Hoxe, como todo os 23 de marzo desde 1950, a xente relacionada coa meteoroloxía e baixo o amparo da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) estamos de festa celebrando o “Día Meteorolóxico Mundial”.

Mediante un tema escollido “ad hoc” cada ano é sobre o que se fan xirar todas as actividades desenvolvidas este día. Neste ano o lema é “ENTENDENDO AS NUBES” pola transcendencia que teñen non só nas predicións e os avisos meteorolóxicos, senón tamén polo seu vital papel no ciclo da auga e todo o sistema climático. Todo isto sen ter en conta, desde o punto de vista estético e visual, as súas formas e como “decoran” o ceo dando unhas imaxes expectaculares. Se queres máis información, só tes que pasarte por esta web da OMM (https://public.wmo.int/es/D%C3%ADa-Meteorol%C3%B3gico-Mundial-2017) para o día de hoxe e terás moita máis información sobre este tema.

Outro ano máis, en MeteoGalicia abrimos (aínda máis) as nosas portas para que poidas coñecer de primeira man o noso traballo diario; tanto desde o punto de vista de facer as predicións e subilas á web, pasando pola execución dos modelos numéricos de predición atmosférica e oceanográfica, antendendo aos medios de comunicación, recollendo datos das estacións meteorolóxicas e un largo etcétera de traballo diario.

E xa, para rematar, só me queda desexarche un moi bo día e teñas en conta o noso traballo meteoróxico no teu día a día, tanto para ben como cando erremos nas predicións.

Comentarios (0) Mar 23 2017