DÍA DA PATRIA GALEGA

Posted: under Política.

Si, chegou o noso día, o DÍA DA PATRIA GALEGA. Esta nación que moitos se empeñan en que desapareza e nós nos empeñamos no contrario, neste tira-puxa no que imos gañando, pero non debemos desfalecer porque o inimigo é moi duro e non pode gañar, nin hoxe nin nunca e, polo camiño, que morra no seu intento.

As cousas non están ben, nin no ámbito político xeral nin no noso particular cun nacionalismo que segue dividido e todo cunhas eleccións á vista para o vindeiro outono onde as galegas e galegos nos xogamos moito. Aínda non somos conscientes de canto porque outros 4 anos de Feijoismo na Xunta poderían ser criminais para acabar co que supón a nosa cultura e patrimonio.

Por isto e moito máis toca xuntarnos e deixarnos de lerias e leas para derrotar ao noso inimigo común e que o pobo galego poda progresar por si mesmo cunhas políticas de esquerdas mirando polo país que é onde vivimos e vivirán os nosos descendentes.

Toca de novo, un ano máis, recordar ás vítimas do accidente de Angrois e máis agora no que cada día que pasa seguen sen esclarecerse as cousas e, aínda por riba, parece que se rin de nós despois de todos os acontecementos ocorridos nas últimas semanas co informe da Unión Europea e o nomeamento de Ana Pastor, ministra de Fomento, coma presidenta do Congreso dos Deputados.

ADIANTE A PATRIA GALEGA!!!

Comentarios (0) Xul 25 2016

DÍA DA PATRIA GALEGA

Posted: under Política.

Xa chegou o 25 de xullo e toca celebrar o noso día, o Día da Patria Galega, esa á que moitos aínda seguen tentando esnaquizar, pero non o dan conseguido nin o conseguirán porque o pobo galego revelarase contra iso e sairá fortalecido.

Por fin este ano parece que hai unidade, ou polo menos iso parece. Ten que ser un grupo de cidadáns os que lle/nos den unha boa lección aos políticos para poder manifestarnos todos xuntos, sen signos partidistas e defendendo unha causa común, que non é outra que A NACIÓN GALEGA.

Esperemos que isto sirva de precedente e dea o pistoletazo de saída para a unión de todas e todos de cara as vindeiras eleccións de finais de ano nas que Galiza se xoga moito, máis do que moita xente pensa. Pois iso, de que “a unión fai a forza”. Polo tanto, hai que deixar de lado as diferenzas que haxa e xuntar as cousas positivas de cara a derrotar ao inimigo común que nos está a levar ao pasado coas súas medidas e á pobreza cando se fala de cuestión sociais e económicas.

Non podo esquecerme un ano máis 8
de lembrar ás vítimas do accidente do tren en Angrois e ás súas familias e se esclarezan prontamente as causas do accidente e as/os culpables do mesmo paquen por elo.

IMG_20150719_174837

ADIANTE COA PATRIA GALEGA!!

Comentarios (0) Xul 25 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS: Xosé Filgueira Valverde

Posted: under Política.

Hoxe, 17 de maio, celebramos novamente que o GALEGO é a nosa lingua e pilar fundamental da nosa cultura.

O mellor sería non ter que celebrar este día. Iso significaría que o idioma está totalmente vivo e non morrendo, máis ben, o están matando pouco a pouco debido ás non políticas que as institucións que nos gobernan están a quitarlle todo o poder que ten que ter como vehículo principal para o transporte da cultura galega non só no país senon tamén cara o exterior.

Polo tanto, o único que nos queda é que nos mesmos a defendamos e, cal é a mellor forma? Pois USALA en todas as súas expresións, tanto oralmente coma na escrita. E non só esta é unha forma, tamén hai outra e que é facendo que sexa usada por todos e cada un de nos porque non supón vergoña algunha o facer uso dela; mais ao contrario aumentará o nivel cultural de quen a usa.

carra9-5-15Con todo isto na mente, hai que recordar á personaxe da cultura galega escollida para homenaxear neste día de hoxe e este ano toca honrar ao historiador, arqueólogo, antropólogo e escritor polígrafo do que tedes cumprida información sobre a súa traxectoria tanto na web da Real Academia Galega, coma na Wikipedia, deixando de lado a idoneidade ou non da súa escolla, nas que non entro e me centro unicamente na homenaxe á lingua, ao galego.

Agardemos que isto sexa para durar, non só hoxe, e nos conciencemos en que a nosa língua é o noso gran patrimonio como galegos e nos acordemos dela todos os días do ano, non só hoxe.

Comentarios (0) Mai 17 2015

Día da Patria Galega

Posted: under Política.

Si, chegou o 25 de xullo e toca celebrar o noso día, o Día da Patria Galega, esa á que moitos queren matar aplicándolle doses de veleno anti galego cada día por parte dos nosos gobernantes. Non conseguirán o seu obxectivo e, coma sempre fixo o pobo galego, revelarase ante iso e sairá fortalecido.

Para que iso ocorra temos que estar unidos e afrontar a loita conxuntamente seguindo o dito de que “a unión fai a forza”. Pois iso!! Temos que deixar de lado todo o que nos poida separar, tanto a cada un de nos individualmente coma aos distintos colectivos, asociacións, partidos políticos, etc e cinguirnos ao que nos une, que é moito, para polo en valor e loitar contra este goberno retrógrado que nos está a devolver a anos pasados en canto a niveis de vida, recortando todo o posible e máis para darlle os cartos aos seus e se enriquezan con eles e fagan os seus negocios. Así que, como digo, pensar en conxunto e en unión para derrotalos civicamente e que sexamos nos, o pobo, o que goberne o noso futuro.

Non quería rematar estas liñas sen recordar o acontecido fai un ano en Angrois e ter en consideración ás victimas de tan tráxico accidente e as súas familias e que, dunha vez por todas, se esclarezan as circunstancias do sinistro e, se houbo algunha neglixencia técnica, os culpables paguen por ela e non quede ningún responsable, directo ou indirecto, libre de culpa.

ADIANTE A PATRIA GALEGA!!!

Comentarios (0) Xul 25 2014

DÍA DAS LETRAS GALEGAS: Xosé María Díaz Castro

Posted: under Política.

Hoxe, 17 de maio, celebramos novamente que o GALEGO é a nosa lingua e pilar fundamental da nosa cultura.

Outro ano máis toca reinvindicar esta nosa lingua que tan inxustamente é tratada polas institucións que nos gobernan. Polo tanto, o único que nos queda é que nos mesmos a defendamos e, cal é a mellor forma? Pois USÁNDOA en todas as súas expresións, tanto oralmente coma na escrita. E non só esta é unha forma, tamén hai outra e que é facendo que sexa usada por todos e cada un de nos porque non supón vergoña algunha o facer uso dela; mais ao contrario aumentará o nivel cultural de quen a usa.

E, como é tradición, toca escoller unha personaxe da cultura galega para homenaxear neste día de hoxe e este ano toca honrar ao poeta e tradutor lucense Xosé María Díaz Castro do que tedes cumprida información sobre a súa traxectoria na web da Real Academia Galega (http://www.realacademiagalega.org/letras-actual).

Agardemos que isto non sexa flor dun día e nos conciencemos en que a nosa língua é o noso gran patrimonio como galegos e traballemos a prol dela todos os días do ano, non só hoxe.

Comentarios (0) Mai 17 2014

Loito patrio

Posted: under Política.

Como ben sabedes onte foi o Día da Patria, que dicimos os galegos, e como tal toca reivindicar o noso que os que nos gobernan tratan de quitarnos a pasos axigantados, pero todo isto quedou aparcado polo sinistro dun tren á entrada de Santiago que causou a morte a 80 persoas e feriu a máis de 100.

Simplemente usar este rinconciño da rede para acompañar na súa dor a todas esas familias que perderon a algún dos seus membros ou ben están pendentes dalgún familiar ingresado e pendente da súa evolución e felicitar a todo ese pobo galego que mostrou toda a súa solidariedade, unha vez máis, ante esta traxedia, non so coas ringleiras de xente que se acercou a doar (motivos médicos impedíronmo a min como doante de sangue habitual que son), senon tamén aos membros dos servizos públicos (bombeiros, policias, médicos, enfermeiros, etc) que deron un exemplo grandioso co seu traballo e predisposición a traballar e axudar nun caso como este.

E remato, sentíndome orgulloso do pobo galego, encarnado na súa reacción ante situacións como esta ou como a do Prestige de fai uns anos.

GRANDE O POBO GALEGO!!!

Comentarios (0) Xul 26 2013

DÍA DAS LETRAS GALEGAS: Roberto Vidal Bolaño

Posted: under Política.

Hoxe, 17 de maio, celebramos, coma todos os anos o día da nosa lingua, o GALEGO que é a base sobre a que se cimenta a cultura  dun país.

Quizais o mellor sería non celebrar nada porque iso significaría que o idioma está totalmente vivo e non matándoo pouco a pouco como seguen a facer desde moitas das institucións que nos gobernan que, a golpe de decreto e leis, están a quitarlle todo o poder que ten que ter o vehículo principal para o transporte da cultura galega.

Ante tanto traballo desta “brigada de demolición”, tal e como Xosé Manuel Beiras define a este goberno da Xunta, temos que ser nos quenes loitemos contra eles e as súas políticas. Non so están matando aos sectores económicos e industrais que agora tamén está o cultural, afogando e/ou marxinando todo o que cheira a galego. E que temos que facer? Pois USAR esta fermosa lingua que temos e defendernos destes ataques e pasando ao contraataque, nada de quedarnos de brazos cruzados e/ou axeonllarnos.

Como xa dicía fai un ano e vos volvo a recordar hoxe, non é vergoña algunha falar e escribir en galego, mais todo o contrario, é un feito de expresión cultural e sabiduría. De seguro que cometeremos erros en moitos casos, pero a base deles é como se aprende. Polo tanto, este humilde blogueiro que son eu, anímavos a que vos expresedes nesta nosa lingua que tan bonita é durante todo o ano non só no día de hoxe.

E como ano tras ano, escóllese unha figura da cultura galega para resaltar o seu traballo e neste caso o homenaxeado é Roberto Vidal Bolaño, autor, director e actor de teatro galego con multidude de obra as súas costas, tal e como podedes comprobar nesta web: http://robertovidalbolano.org, onde tedes todo o que precisades saber sobre a súa vida e obra.

Agardemos que isto non sexa flor dun día e nos conciencemos en que a nosa língua é o noso gran patrimonio como galegos e traballemos a prol dela todos os días do ano, non só hoxe.

Comentarios (0) Mai 17 2013

Post-eleccionando…

Posted: under Política.

Xa pasou un mes desde que se celebraron as eleccións á Xunta de Galicia e xa temos o novo parlamento constituído e a piques de comezar a sesión de investidura. Penso que foi tempo dabondo para poder facer unha análise sobre os resultados das mesmas xunto co todo o seu debate posterior, sen actuar en quente.

Nin que dicir ten e é maioritariamente notorio que houbo dous vencedores claros e outros tantos derrotados. Polo bando dos vencedores temos a Feijoo que revalidou o ser presidente da Xunta e penso que case contra prognóstico xa que todas as enquisas dos días anteriores non o daban tan claro, pero é que non só revalidou, senon que tamén ampliou en 3 deputados a súa maioría absoluta. E, por ese mesmo bando, o outro gran vencedor foi Xosé Manuel Beiras e a súa coalición electoral de AGE (Alternativa Galega de Esquerdas) que conseguiu en menos dun par de meses un gran número de votos ata acadar 9 deputados que nin eles mesmos contaban. Pola contra, no bando dos derrotados temos ao PSdeG e ao BNG, cada un coas súas cousas propias, pero co argumento principal de defraudar aos seus siareiros durante os últimos anos, non só como resultado do seu goberno durante a época do bipartito cando non souperon demostrar unha ruptura co pasado, senon tamén por un discurso monótono sen presentar oposición algunha que fixera que a xente os considerase unha alternativa cribel contra as políticas do Partido Popular. En menor medida cabería dicir que tamén sairos derrotados outras formacións políticas que contaban, a priori, con entrar con algún deputado no parlamento e que foron Compromiso x Galicia, Sociedad Civil y Democracia de Mario Conde e UPyD de Rosa Díez.

E por que de todo isto? Pois en parte xa o comentei anteriormente coa derrota do PSdeG e BNG, éstes non souperon canalizar todo o descontento existente na sociedade e víronos como algo do mesmo os que estaba a gobernar; o mesmo can con distinto colar, como se soe dicir. E ese descontento canalizouno a alternativa que presentaba a coalición AGE con Beiras e o seu discurso rupturista, alleo e diferente ao que se está a oír e facer neste momento e avalado pola experiencia e sabiduría de el mesmo. E o éxito do PP que? Pois baseouse na gran cantidade de xente que quedou na casa que fixo que a abstención fose case do 46% e non do 36% tal e como se explica aquí e que agora anda a tirarse do pelos e laiarse de non ter ido a votar. Outro dos factores da victoria popular foi a axuda prestada pola extensa rede clientelar e de caciquismo que mantén no país e que fixo que a carretaxe, ameazas e demais artimañas fosen aínda maiores do que soe ser habitual en calquer proceso electoral.

E agora que? Pois comeza unha gran e crucial lexislatura coma xa se pudo entrever o outro día na toma de posesión cando Beiras xa mostrou o que vai a ser, polo menos pola súa parte. Preséntase unha lexislatura de retos e desafíos, tanto polos vencedores coma dos perderdores que comentei anteriormente:

   1.- O PP ten o reto de non crerse que o resultado avala toda a súa política de recortes (menos para os seus) e desmantelamento do estado do benestar que estiveron a facer durante toda a lexislatura anterior e pensar que ten carta branca para seguir por ese camiño. Ademais agora non hai herdanza recibida á que botar man para excusarse pola súa acción de goberno nin goberno “inimigo” en Madrid que lles esté a facer a puñeta. Coido que van seguir polo mesmo camiño, dalles exactamente igual que día tras día estemos na rúa protestando e reivindicando o gañado durante estes últimos anos que eles seguirán ao seu pensando que as súas políticas son “dogma de fe” que hai que facer e cumplir a toda costa.

   2.- AGE ten ante si o desafío máis grande de todos os grupos parlamentarios. Se xa foi difícil conseguir o que acadou o día das eleccións; aínda será máis difícil o cumplir as expectativas que moita xente puxo nas súas mans que non son baixas, é dicir, manterse e como non superarse. Tamén é verdade que co seu discurso rupturista e anovador puxeron alicerces para que sexan mirados con lupa e o resultado deixe de ser anecdótico e pase a ser un continuo en vindeiras citas electorias. Pero máis que as citas electorias estará o seu traballo de cara a cidadanía que ten que ser a que acapare e disfrute de todo o seu traballo parlamentar, tanto aportando para desenvolvelo como o de conseguir os seus resultados a raíz diso.

   3.- PSdeG e BNG pois nuns primeiros meses estarán nunha travesía do deserto entre o de desenvolver a súa actividade parlamentaria e pilotar o seu camiño interno cara unha renovación e/ou reformulación das súas estruturas co obxectivo de recuperar eses votos perdidos e máis importante aínda, o de atopar un discurso que os volva a conectar coa cidadanía.

      3.1.- No caso de PSdeG non é nada novo ese camiño xa que na súa historia xa son varias veces que o tivo que facer; o que pasa agora é que a parte do carro que tira a súa pata PSOE non é tan grande xa que éstes aínda andan na súa travesía despois do resultado das eleccións de fai un ano e fará máis complicado que ese camiño do PSdeG sexa máis sinxelo. E aínda por riba temos unhas memoria do ex-presidente Touriño nas que non deixa moi ben parado a ese partido e, sobre todo, a moitos dos seus dirixentes.

      3.2.- E no caso do BNG o reto da súa refundación aínda é máis grande xa que nunca antes se vira nunha destas e agora non hai a quen botarlle a culpa de que está a entorpecelos no seu traballo. Moito se falou cando o Encontro Irmandiño e +Galiza abandonaron a fronte alá por febreiro e marzo, invitandoos a abandonar canto antes a casa común do nacionalismo se non estaban a gusto e de que se fora ía ir moito frío, etc. Pois ben, parece que tanto frío non fai e os que o colleron foron eles dentro da casa. Nunha precampaña e campaña con certa soberbia pensaron que con quedarse coas siglas e a experiencia dos últimos anos íalles chegar para manterse como terceira forza política e porque non, pasar por riba dun PSdeG en horas baixas. Viuse que non, que pasaron a ser a cuarta e o que máis lle doe, con Beiras pasándolle por riba (o demo e culpable dos males do BNG nos últimos anos para moita xente dentro do BNG) e aparecendo como rutilante figura da nova lexislatura. Agora acordan ou lanzan ao ar que hai que unificar o nacionalismo e todo iso porque lles foi mal nas eleccións. E preguntome eu, se o resultado non fose o que foi, estarían a dicir o mesmo? Penso, sinceiramente, que non. Mal faría Anova, unha das patas de AGE en atender a estes cantos de serea agora e que desestabilizasen todo o traballo que teñen por diante no parlamento. Agora ben, tampouco pode pechar a porta de todo de cara a un futuro, non sei se curto, medio ou longo prazo.

E dito todo isto, creo que estamos ante unha gran e apaixoante lexislatura para os que temos este vicio de gustarnos a política, onde o nivel do debate debería aumentar e non cinguirse a un “ti máis” como estaba a ser nestes últimos meses. Esperemos que faga que moitas e moitos que agora mesmo están asqueados coa clase política actual, podan volver confiar nela porque os atenden e lexisltan para o pobo. Iso si, non debemos esquecer o feito de reivindicar pacíficamente todos os nosos dereitos ante todos os atentados que estamos a sufrir mediante estas políticas capitalistas que non están a impor.

Comentarios (0) Nov 21 2012

Rematou a campaña…

Posted: under Política.

Ben, aquí me tedes co meu terceiro e último post adicado ás eleccións antes de que o domingo pasemos polo colexio electoral correspondente a exercer o noso dereito ao voto. Os seguintes posts xa serán para analizar os resultados e as súas consecuencias.

Son dos que sempre dixo que as campañas electorais non valen para nada e xa case todo está vendido, mais desta vez teño que recoñecer que esta campaña foi distinta e de seguro que moita xente a tomará como guía para ir o domingo a votar. Son moitos os que aínda hoxe están indecisos e non saben a quen votar ou ben están pensando en quedar na casa. O meu humilde consello é que vaian a votar, especialmente en contra dos actuais inquilinos na Xunta. Xa foron varios os posts adicados ao seu goberno neste blogue, así que non vou repetir os seus “méritos”, só tedes que ir a buscalos á sección de política neste blogue e lelos.

Como dicía, coido que esta campaña si fixo que a xente se movilizase, tanto os de un bando como os do outro, entendendo bandos como goberno e oposición, esta última nas súas distintas forzas políticas. A xente estase a implicar un pouco máis no desenvolvemento desta campaña que remata hoxe e hai unha forza política que o fixo especialmente e que non é outra que a liderada por Xosé Manuel Beiras, a Alternativa Galega de Esquerdas. Creo que nin el mesmo, como repetiu en varias entrevistas estes días, contaba ter ese gancho cara a xente nin que a fose a aguantar, pero aí estivo, pateando todo o país para explicar o seu programa. Nestes días foron varios os actos nos que ateigaron os recintos reservados e incluso quedou xente fora escoitando todo o que tiña que dicir por megafonía. O resto de partidos tamén tiveron os seus incondicionais, uns en maior medida polo seu poder de convocatoria con compañeiros de fora do país e as outras dúas forzas do país coa súa xente e pateando o país tanto para a celebración de mitines e reunións con diversos colectivos.

A verdade é que me sinto sorprendido da limpeza da campaña, salvo o típico de pegar cartaces uns por riba doutros e algunha cousa máis, do resto transcurriu con tranquilidade e os cruces de declaracións típicos nestes casos coa novidade do uso das redes sociais para elo en moitos casos non foron moi subidos de tono. Como novidade tivemos a celebración de dous debates na televisión pública galega, e digo ben porque o terceiro, entre os candidatos do PSdeG e BNG foi unha pantomina tendo en conta que queiran ou non queiran son compañeiros de viaxe cara o obxectivo común de derrotar á maioría absoluta do PP. Nos dous debates verdadeiros non se puido apreciar nada novo mais que o típico “e ti máis” de como transcurriu a lexislatura e reproches mutuos. Faltaban o resto de formacións políticas para entrar no debate, pero non conviña non vaia ser que lle quitaran protagonismo, especialmente o animal político que é Beiras que non rexeita calquer tipo de confrontación dialéctica sabedor de que a súa experiencia e sabiduría fanlle gañar por goleada.

E con isto chegamos ao día de reflexión de mañá e ao de votación o domingo coa incerteza de se o PP será capaz de revalidar a maioría absoluta ou non e no caso de non facelo, as forzas que entren no parlamente sexan capaces de armar unha alternativa de goberno eficaz ante todos o retos que se aveciñan. Por mal camiño irán se PSdeG, BNG, AGE e demais formacións que poidan entrar no parlamento se non poñen os intereses do país por riba de calquer outro para que este pais levante cabeza e mellore que boa falta nos fai.

E para rematar só me queda facer a miña quiniela de como será o resultado. Nunca soio acertar, pero desta vez espero que si e se cumpla porque de non ser así, mal imos. Coido que o PP non revalida a maioría absoluta, cun empate técnico entre BNG e AGE, co PSdeG por riba deles e con CxG a piques de entrar ou entrando cunha mínima representación. Pase o que pase, haberá un gañador moral e que non é outro que Beiras que conseguirá que o seu grupo entre no parlamento e puidésemos disfrutar da súa oratoria e sabiduría estes días facendo que a xente se movilizase a redor da súa figura e volte a ilusionarse cara o fin deste goberno.

Comentarios (0) Out 19 2012

Crónica dun desencontro anunciado…

Posted: under Política.

O que mal empeza, mal acaba. Así se podería resumir, desde o meu punto de vista, todo o proceso da creación de alternativas políticas nacionalistas e de esquerdas despois do que pasou ao rematar a XIII Asamblea Nacional do BNG en Amio. Naquel entonces e non sen intentalo outras veces, creouse unha gran corrente interna dentro do BNG para contrarrestar o poder que o partido maioritario, a UPG, e os seus afíns tiñan sobre a fronte e ata estivo a piques de derrotalos Nun exercicio totalmente democrático escolleuse que o BNG seguise o camiño que viña tendo nos últimos anos con practicamente as mesmas persoas á fronte, nunca mellor dito, tal e como xa contei no seu momento.

Logo da asamblea comezaron as baixas, tanto a título individual como a título colectivo por parte do Encontro Irmandiño e +Galiza, principalmente. O que se bautizara como Novo Proxecto Común nesa asamblea comezou a andar fora do BNG. Nun primeiro momento foron as súas cara visibles as que a través de charlas-coloquio explicaron a súa folla de ruta e programa. Despois uníronse a eles a xente de Acción Galega, cuxas caras visibles son Rafa Cuiña, Teresa Táboas e Xosé Manuel Pérez Bouxa xuntos cos Ecogaleguistas-Espazo ecosocialista. Paralelamente e, sobre todo, despois de diversas conferencias e reunións por todo o país, decidiron sentarse a traballar en prol dese Novo Proxecto Común e aí foi onde xa, nun primeiro momento, comezaron as diverxencias polo ritmo de traballo todo enfocado cara as eleccións por parte de +Galiza e Acción Galega principalmente e en menor medida os Ecogaleguistas; aínda non convocadas nese momento. Tras varias xuntanzas procedeuse á ruptura por parte do Encontro Irmandiño que pedía un pouco máis de pausa e que as asambleas que xa se estaban a celebrar por todo o país derán a súa aportación como síntoma de pluralidade e non que se decidise todo nas cúpulas; o que tanto se fartaron de dicir dirixentes dun e doutro lado de construir o Novo Proxecto Común de abaixo a arriba.

E con este panorama sairon dous proxectos paralelos, similares, nun principio, no fondo, pero distintos na forma. Naceu, por unha banda, Compromiso por Galicia (CxG) aglutinando a +Galiza, Acción Galega e Ecogaleguistas e, por outra banda, Anova-Irmandade Nacionalista con Encontro Irmandiño xunto coa FPG (Fronte Popular Galega) e moitos independentes. E así estiveron meses coa data do Día da Patria Galega para tentar chegar xuntos, pero nada, en vez de converxer nos puntos comúns, foron diverxendo máis e máis ata chegar separados aos actos dese día, tal e como xa vos contei ese mesmo día.

E chegou finais de agosto cando o presidente de Xunta decidiu convocar eleccións e o proceso de formación e consolidación desas forzas políticas sufriu un acelerón cara estar presentes nas mesmas. Xa no seu día expresei a miña opinión ao respeito, tanto sobre o goberno nestes 3 anos e pico e como se debería artellar a súa alternativa. Moi equivocado non andiven coa miña predición de como se presentarían as forzas políticas e cumpliuse o que eu xa prognosticaba, non sen certa polémica polo medio. A esa fronte de esquerdas caeronlle 3 patas, cada unha por distinto motivo. Ao PSdeG non se lle invitou, supoño que debido á herdanza política de Zapatero debido á súa toma de decisións políticas alonxadas do seu ideario e mais proprias do neoliberanismo imperante en Europa. Ao BNG si que se lle ofreceu e rexeitouna e baseando a súa campaña en que son eles o futuro do país. A terceira pata que caeu foi CxG, non sen certos reproches pola súa parte cara as outras dúas partes que si se coaligaron, Anova e Esquerda Unida.

O conto foi que tanto CxG e EU fixéronse reproches mutuos de cara a non ir xuntos, que se os primeiros ían cara a dereita do espectro político e os segundos cara a extrema esquerda. A verdade era que moitas ganas de ir xuntos non tiñan e non sabían como facer para que Anova se fose con eles, incluso chegando a falar de vetos por ámbalas partes. Aínda así, as bases de CxG, no último momento, vendo que sós non ían a bo lado, decidiron que se unían ao máis que posible pacto EU-Anova, chegando tarde, mal e daquela maneira; de xeito que se quedaron fora e aí foi onde comezou a polémica destes días pasados en canto aos vetos, aos personalismos de Xosé Manuel Beiras e demáis historias. Visto isto, pódese dicir que en CxG quedaron compostos e sen moza de cara as eleccións, tal e como eu xa pensaba nun primeiro momento. Resulta paradóxico que nos comezos do Novo Proxecto Común o prepararse para as eleccións foi un punto diverxente e era CxG os que tiñan presa por ter todo listo e agora son os que en peores condicións chegan xunto coa baixa dun dos seus referentes persoais como é Teresa Táboas por razóns persoais; penso eu. Iso si, foron os únicos que someteron aos seus cabezas de lista e candidato á presidencia da Xunta nunha primarias nas que non houbo sorpresas e sairon elexidos todos os que, a priori, contábamos que fosen os elexidos.

En canto á coalición formada por EU e Anova penso que se xuntaron a fame e as ganas de comer. Explícome, como xa dixen EU non tería problemas en conseguir os votos necesarios para entrar no Parlamento e o mesmo Anova co referente de Beiras á cabeza. Agora ben, unidos a súa proxección multiplicase, en vez de sumarse e a iso me refiro coa expresión anterior. Unha potente coalición que se ve refrendada pola entrada de Equo e a sorpresa de última hora dos Ecogaleguistas que se desvincularon fai unhas semanas de CxG ante a súa deriva cara a dereita do espectro político, segundo a súa opinión e maioritaria en bastante xente. Penso que poden sacar bos resultados, pero esa valoración do escenario político deixo para máis adiante.

Polo tanto, e para rematar, só dicir que é unha mágoa que esta coalición non sexa a tres bandas, xa descartados PSdeG e sobre todo BNG, para que a súa forza sexa maior (que o sería) e o voto anti PP non estivese tan dividido que é o que buscaran eles porque é o que lles favorece para revalidar a maioría absoluta.

Un resumo visual de todo isto tédelo na gran pelicula dos Monty Python, LA VIDA DE BRIAN, dado que se pode aplicar a todo este proceso político no país.

Comentarios (2) Set 22 2012