Crónica dun desencontro anunciado…

Posted: under Política.

O que mal empeza, mal acaba. Así se podería resumir, desde o meu punto de vista, todo o proceso da creación de alternativas políticas nacionalistas e de esquerdas despois do que pasou ao rematar a XIII Asamblea Nacional do BNG en Amio. Naquel entonces e non sen intentalo outras veces, creouse unha gran corrente interna dentro do BNG para contrarrestar o poder que o partido maioritario, a UPG, e os seus afíns tiñan sobre a fronte e ata estivo a piques de derrotalos Nun exercicio totalmente democrático escolleuse que o BNG seguise o camiño que viña tendo nos últimos anos con practicamente as mesmas persoas á fronte, nunca mellor dito, tal e como xa contei no seu momento.

Logo da asamblea comezaron as baixas, tanto a título individual como a título colectivo por parte do Encontro Irmandiño e +Galiza, principalmente. O que se bautizara como Novo Proxecto Común nesa asamblea comezou a andar fora do BNG. Nun primeiro momento foron as súas cara visibles as que a través de charlas-coloquio explicaron a súa folla de ruta e programa. Despois uníronse a eles a xente de Acción Galega, cuxas caras visibles son Rafa Cuiña, Teresa Táboas e Xosé Manuel Pérez Bouxa xuntos cos Ecogaleguistas-Espazo ecosocialista. Paralelamente e, sobre todo, despois de diversas conferencias e reunións por todo o país, decidiron sentarse a traballar en prol dese Novo Proxecto Común e aí foi onde xa, nun primeiro momento, comezaron as diverxencias polo ritmo de traballo todo enfocado cara as eleccións por parte de +Galiza e Acción Galega principalmente e en menor medida os Ecogaleguistas; aínda non convocadas nese momento. Tras varias xuntanzas procedeuse á ruptura por parte do Encontro Irmandiño que pedía un pouco máis de pausa e que as asambleas que xa se estaban a celebrar por todo o país derán a súa aportación como síntoma de pluralidade e non que se decidise todo nas cúpulas; o que tanto se fartaron de dicir dirixentes dun e doutro lado de construir o Novo Proxecto Común de abaixo a arriba.

E con este panorama sairon dous proxectos paralelos, similares, nun principio, no fondo, pero distintos na forma. Naceu, por unha banda, Compromiso por Galicia (CxG) aglutinando a +Galiza, Acción Galega e Ecogaleguistas e, por outra banda, Anova-Irmandade Nacionalista con Encontro Irmandiño xunto coa FPG (Fronte Popular Galega) e moitos independentes. E así estiveron meses coa data do Día da Patria Galega para tentar chegar xuntos, pero nada, en vez de converxer nos puntos comúns, foron diverxendo máis e máis ata chegar separados aos actos dese día, tal e como xa vos contei ese mesmo día.

E chegou finais de agosto cando o presidente de Xunta decidiu convocar eleccións e o proceso de formación e consolidación desas forzas políticas sufriu un acelerón cara estar presentes nas mesmas. Xa no seu día expresei a miña opinión ao respeito, tanto sobre o goberno nestes 3 anos e pico e como se debería artellar a súa alternativa. Moi equivocado non andiven coa miña predición de como se presentarían as forzas políticas e cumpliuse o que eu xa prognosticaba, non sen certa polémica polo medio. A esa fronte de esquerdas caeronlle 3 patas, cada unha por distinto motivo. Ao PSdeG non se lle invitou, supoño que debido á herdanza política de Zapatero debido á súa toma de decisións políticas alonxadas do seu ideario e mais proprias do neoliberanismo imperante en Europa. Ao BNG si que se lle ofreceu e rexeitouna e baseando a súa campaña en que son eles o futuro do país. A terceira pata que caeu foi CxG, non sen certos reproches pola súa parte cara as outras dúas partes que si se coaligaron, Anova e Esquerda Unida.

O conto foi que tanto CxG e EU fixéronse reproches mutuos de cara a non ir xuntos, que se os primeiros ían cara a dereita do espectro político e os segundos cara a extrema esquerda. A verdade era que moitas ganas de ir xuntos non tiñan e non sabían como facer para que Anova se fose con eles, incluso chegando a falar de vetos por ámbalas partes. Aínda así, as bases de CxG, no último momento, vendo que sós non ían a bo lado, decidiron que se unían ao máis que posible pacto EU-Anova, chegando tarde, mal e daquela maneira; de xeito que se quedaron fora e aí foi onde comezou a polémica destes días pasados en canto aos vetos, aos personalismos de Xosé Manuel Beiras e demáis historias. Visto isto, pódese dicir que en CxG quedaron compostos e sen moza de cara as eleccións, tal e como eu xa pensaba nun primeiro momento. Resulta paradóxico que nos comezos do Novo Proxecto Común o prepararse para as eleccións foi un punto diverxente e era CxG os que tiñan presa por ter todo listo e agora son os que en peores condicións chegan xunto coa baixa dun dos seus referentes persoais como é Teresa Táboas por razóns persoais; penso eu. Iso si, foron os únicos que someteron aos seus cabezas de lista e candidato á presidencia da Xunta nunha primarias nas que non houbo sorpresas e sairon elexidos todos os que, a priori, contábamos que fosen os elexidos.

En canto á coalición formada por EU e Anova penso que se xuntaron a fame e as ganas de comer. Explícome, como xa dixen EU non tería problemas en conseguir os votos necesarios para entrar no Parlamento e o mesmo Anova co referente de Beiras á cabeza. Agora ben, unidos a súa proxección multiplicase, en vez de sumarse e a iso me refiro coa expresión anterior. Unha potente coalición que se ve refrendada pola entrada de Equo e a sorpresa de última hora dos Ecogaleguistas que se desvincularon fai unhas semanas de CxG ante a súa deriva cara a dereita do espectro político, segundo a súa opinión e maioritaria en bastante xente. Penso que poden sacar bos resultados, pero esa valoración do escenario político deixo para máis adiante.

Polo tanto, e para rematar, só dicir que é unha mágoa que esta coalición non sexa a tres bandas, xa descartados PSdeG e sobre todo BNG, para que a súa forza sexa maior (que o sería) e o voto anti PP non estivese tan dividido que é o que buscaran eles porque é o que lles favorece para revalidar a maioría absoluta.

Un resumo visual de todo isto tédelo na gran pelicula dos Monty Python, LA VIDA DE BRIAN, dado que se pode aplicar a todo este proceso político no país.

Comentarios (2) Set 22 2012

Habemus eleccións…

Posted: under Política.

Desde este luns ao mediodía sabemos que as galegas e galegos teremos que acudir a votar o próximo 21 de outubro para escoller a un novo presidente da Xunta de Galicia ou ben manter ao que levamos sufrindo desde fai 3 anos e medio. E digo sufrindo porque, desde a miña humilde opinión, o que fixo non foi gobernar, senon desgobernar e obedecer ordes, como ben vos resumín neste mesmo blogue fai 6 meses co gallo do seu aniversario da chegada ao poder.

Para non repetirme moito, recoméndovos a lectura do post anterior que virá a ser un moi bo resumo do acontecido estes anos co actual goberno da Xunta e ao que só habería que engadir uns cantos detalles, non sen certa importancia. Estes detalles serían, nun primeiro lugar, a confirmación do que xa naquel momento viñan dicir os tribunais sobre o concurso eólico e que na semana pasada se viu reafirmado coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia onde dicía que a anulación de dito concurso do goberno anterior polo actual foi ilegal, acusándoos de “desviación de poder”, xa que carecían de razóns para tal anulación. Outro dos detalles a engadir é o das mentiras nas que incurriu durante todo este tempo: prometeu unha pranta de creación de coches eléctricos en Ourense e nada, seguimos esperando aos “Baltarcitos” (nome co que a insigne persoaxe ourensá bautizou tal coche); logo foi o gran contrato coa petroleira mexicana PEMEX para construir un feixe gordo de barcos nos asteleiros galegos e seguimos esperando aos “manitos” co contrato; e, por último, chegou a confirmación da data das eleccións: enchéuselle a boca dicindo que ía agotar a lexislatura ata marzo e que se tal e se cual, e aquí estamos, con eleccións á menos de 2 meses vista. Ten que ser o lehendakari vasco e un aviso de Rajoy de que cousas máis gordas están por vir (máis recortes e un posible rescate da economía española neste outono, casualmente despois das eleccións galegas e vascas) para que nos convoque as urnas. E para rematar, quizais o detalle máis importante que é o de matar a lingua e cultura galegas. Foron moitos decretos e reducción de subvencións encamiñadas a rematar co que nos distingue como pobo e reducilo á mínima expresión como primeiro paso para a súa extinción.

E con este programa de goberno feito e a austeridade por bandeira, preséntase o PP de Galicia a estas eleccións con Feijoo como candidato. A verdade é que non sei que vai prometer porque diga o que diga, será mentira; como ben demostrou o seu xefe Rajoy fai uns meses co seu programa oculto e que nestes momentos está a desbotar por completo ao mandado das altas instancias internacionais, tal e como vos relatei nestas entradas do 10 e 12 de xullo: “do dito ao feito, hai un longo treito”. Iso si, tampouco o terán fácil coa tarefa da elaboración das listas e apañar os postos de saída porque, como ocorre nestes casos onde a maioría absoluta andará moi xusta, todos quererán amarrar a silla antes de quedar na casa a dúas velas e aí é onde os Baltar son uns expertos e xa andan argallando algo (só hai que ler o xornal La Región estes días) coa ameaza de arrimarse ao novo partido político creado por Mario Conde (afincado na provincia de Ourense) e levar os seus votos onda el. Será un bo tira e afrouxa entre eles e a dirección do PP de Galicia.

E a oposición en Galicia que? De momento creo que ausente. A ver se me explico ben para que non haxa malentendidos. Haber, haina, pero ata o día de hoxe máis pendente das súas loitas internas que de mostrar á sociedade galega que poden ser unha boa opción de goberno. Vou a ir por partes:

1.- O PSdeG-PSOE ata o momento da convocatoria das eleccións andaba coas súas loitas internas e non pechadas no congreso de fai uns meses cando Pachi Vázquez foi elexido secretario xeral e decidiron que unhas primarias elexirían o seu candidato á Xunta. Velaí é onde estivo o problema e varios candidatos saíron á luz, como eran José Blanco (ex-ministro de Fomento na época de Zapatero) e Francisco Caamaño (ex-ministro de Xustiza tamén con Zapatero). Ámbolos dous tiveron que recuar e deixar case camiño libre a Pachi como candidato (creo que era o que el quería por atrasar tanto a elección por primarias sabendo que o adianto electoral era posible, como así foi), á espera de que saia algún militante que queira dar algo de guerra. Aínda que sexa aclamado, non as terá todas consigo e as distintas diverxencias que hai dentro e que non foron pechadas, estarán aí tamén na conformación de listas e farán que esa paz sexa aparente e poida non facer crer ao electorado da posibilidade eficaz de goberno.

2.- Que dicir do BNG que non dixera eu xa neste blogue. Quizais o mellor é que lle botedes un ollo as miñas crónicas preasamblearia, á post asamblearia e á do Día da Patria Galega e teredes un resumo do que lle aconteceu durante estes últimos meses. E despois disto, pois penso que son os que mellor encaran as eleccións organizativamente falando e cun candidato xa elexido desde fai meses, aínda que non moi coñecido a nivel galego debido aos seus anos coma deputado en Madrid. Unha vez que a xente que non quería estar alí, fose o motivo que fose, marchou; atópase nunha paz interna que pode dar lugar a unha formación máis unida onde as disputas polas listas electorais sexan mínimas e todo vaia rodado coa experiencia doutras veces. Agora ben, outra cousa son as políticas que practican e/ou practiquen e que coa súa actitude poidan convencer á xente de que son unha alternativa fiable e de futuro para este país.

3.- Esquerda Unida – Izquierda Unida (EU) é outra das formacións que xa ten case todo listo e parece que apunta a que conseguirá romper esa barreira do 5% que Fraga puxo para entrar no Parlamento e que os tiña afastados do mesmo desde fai varias lexislaturas para entrar no mesmo. Cunha candidata escollida fai unhas semanas e un programa xa feito e cos ánimos altos despois dos resultados da súa matriz a nivel estatal, afrontan con ilusión estas eleccións e creo que non andan errados se poden ser a sorpresa o 21 de outubro. Para ampliar e quizais afianzar ese mínimo do 5% lanzou a proposta de formar unha alianza de esquerdas, anticapitalista, similar á coalición Syriza que tan bo resultado tivo nas últimas eleccións gregas e que a formación Anova-Irmandade Nacionalista recolleu con bo agrado, aínda que non necesite ir coaligada para colleitar un bo resultado electoral.

4.- Compromiso por Galicia (CxG) é a plataforma xurdida da unión de +Galiza (formación escindida do BNG despois da XIII Asamblea de Amio), Acción Galega e Espazo Ecosocialista (Ecogaleguistas) coas caras de Pérez Bouza, Teresa Táboas, Xoan Báscuas, Xosé Hermida, Rafa Cuíña, etc e que en semanas atrás acadaron un acordo con Terra Galega de cara a estas eleccións. Din que están abertos a pactar con Anova-Irmandade Nacionalista, pero parece que o din coa boca pequena xa que aínda hai rencillas entre diversas persoas de cara a algunhas desta outra formación (e viceversa). Moita xente está pola confluencia (xa tiña que ter sido fai meses e non andar con monsergas e historias por parte dos dous bandos) e o ofrecemento está aí, agora tócalle aos de Anova decidir con quen van porque desde Compromiso por Galicia xa dixeron que o pacto a tres con Anova e EU, non era posible; remarcando que eles por sí sós non terían problema algún en presentarse ás eleccións.

5.- E, por último, Anova-Irmandade Nacionalista que é o resultado final dunha serie de asambleas que se celebraron nos últimos meses por todo o país e onde xente que viña do Encontro Irmandiño (outra das formacións escindidas do BNG), a FPG e independentes que ou ben nunca estiveron en política ou veñen desencantados co BNG desde fai tempo. Quizais esta sexa a formación coa que todos queren ir xa que teñen en Xosé Manuel Beiras o seu atractivo electoral pola súa valía e experiencia, aínda que os seus detractores tamén os ten e non poucos, precisamente. De aí que tanto Compromiso por Galicia coma Esquerda Unida anden a facerlle as beiras (expresión nunca mellor vida ao caso tendo ao líder que teñen) de cara a unha coalición electoral que os xunte e sexa máis doado a consecución dese mínimo do 5% para obter representación no Parlamento galego. E aí andan, reunindo as asambleas para tomar unha decisión de como se presentan, ao igual que o resto de partidos.

E que penso eu? Iso tentarei contarvos nas seguintes liñas do xeito máis breve posible porque despois do que acabades de ler, de seguro que xa estades cansos.

O ideal sería unha unión de toda a oposición de esquerdas para facer fronte conxunta contra o inimigo único que neste caso é o PP e as súas políticas durante estes anos na Xunta como as que se están a practicar desde Madrid. Como isto máis que unha realidade, é unha utopía, pois tanto PSdeG coma BNG non o van a permitir por anticipado (estaría ben que se fosen mentalizando que a posteriori si o terán que facer se o PP perde a maioría absoluta), así que haberá que facer do grande pacto a un ou varios pequenos. Explícome, descartados PSdG e BNG para un gran pacto de esquerdas, quedarían, principalmente, as outras tres forzas que vos comentaba anteriormente: EU, CxG e Anova. O ideal sería un pacto destes tres grupos e así a entrada no Parlamento estaría asegurada e cunha representación digna para que xunto con PSdeG e BNG poidan traballar conxuntamente. Agora ben, isto parece moi improbable debido á negativa de CxG de ir conxuntamente con EU, así que, como dícia anteriormente a palabra teraa Anova que será que decida con quen vai. Desde o meu punto de vista, o mellor sería a coalición de CxG con Anova, tal e como xa comentei nesta entrada do Día da Patria Galega dado que hai un interés de país por riba de todo personalismo, apriorismo e caralladas varias que fagan que as poucas diverxencias programáticas se magnifiquen en contra das grandes converxencias (esta unión xa tiña que ter sido desde o comezo da saída do BNG por parte dos grupos maioritarios). Penso que polas reticencias por ámbolos bandos, isto non será posible. Tanto en CxG están recelosos do grupo máis á esquerda e independentista representado pola FPG con Mariano Abalo á cabeza coma desde Anova están recelosos do que representa Rafa Cuíña por ser fillo de quen foi e o grupo de xente que poida estar con el. Polo tanto, o que eu humildemente penso que vai a ocorrer será que EU e Anova serán os que realmente vaian en coalición, simplemente é intuición persoal e resultado dalgunha coversa con xente dun e doutro lado, mentres que CxG irá por outro lado e en solitario, a pesar dos chamamentos que está a facer a Anova para ir conxuntamente.

E con este panorama penso, a día de hoxe, que o PP vai revalidar a maioría absoluta con case seguridade debido á non comparecencia do rival desde o punto de vista de que o voto da esquerda vai a disgregarse entre estas forzas, tanto por separado como coaligadas (farese todo depresa e correndo a última hora) e dada a lei electoral que temos vixente e que favorece ao partido máis votado, pois é o que me leva a pensar isto. Espero equivocarme e que a esquerda poida desbancar ao PP de San Caetano e nos irá mellor.

Comentarios (1) Ago 30 2012

Día da Patria Galega

Posted: under Política.

Chegou o 25 de Xullo e, polo tanto, o día no que todas as galegas e galegos debemos reinvidicar con máis ímpetu, sen deixar de o facer día a día, o que consideramos o noso país, o país galego.

Hoxe máis que nunca hai que mirar por este noso país porque a nosa vida e futuro está moi en xogo cun estado español en desintegración e a piques de ser rescatado polos organismos europeos e financieiros que farán que o que xa vos comentaba nos post do martes e xoves de fai dúas semanas quede nun recordo porque o que eses “homes de negro” van mandar facer será pior que non mellor para todos nos, tal e como se está a comprobar cos paises xa intervidos de Irlanda, Grecia e Portugal; onde tras tanto recorte a calidade de vida e futuro están a sufrir.

Isto é un motivo máis para sair á rúa e defender o noso como pobo galego, con historia e lingua propias e que demostre, máis se cabe, que non somos unha autonomía máis no estado español e que nos mesmos somos parte da mesma con rango de país. Se estes non son suficientes, temos os do noso país, onde o actual goberno da Xunta, coa súa acción durante estes tres anos e pico que levan en San Caetano, axudan aínda máis e cuxos argmentos de ineptitude foron fortalecidos coa idea do presidente de rebaixar o número de deputados en 14, de 75 a 61, coa excusa do recorte de políticos tal e como demanda a cidadanía. Isto non deixa de ser unha cortina de fume xa que dito aforro non chega ao millón de euros, cantidade non despreciable pero pequena se a comparamos co despilfarro que están a facer untando aos medios de comunicación para que vendan as súas vontades, pois non lle cremos. Ademáis, por se isto fose pouco, supón un golpe de estado á pluralidade institucional xa que premiaría aos partidos maioritarios, especialmente a eles mesmos que ven peligrar a súa maioría absoluta para seguir empoleirados na Xunta.

E con todo isto, chegamos ao que debería ser o motor deste cambio e que non é outra cousa que a defensa do país que con máis forza o debería de facer o nacionalismo. O problema está en que se atopa dividido e máis pendente de cuestións persoais e/ou partidarias que a defensa deste país, como tanto se dedican a promocionar as distintas forzas políticas existentes nese espectro.

E aquí é onde entro na miña parte crítica ou tirón de orellas, se lle queres chamar así, sobre o día de hoxe. Despois da ruptura do BNG, tal e como se coñecía ata comezos de ano; foron varios os movementos encamiñados a xuntar a toda esa xente que se foi (ou fomos), que xa se fora apartando anteriormente e, incluso, que nunca estivera en política cara unha nova organización política plural que puxese enriba da mesa a defensa do país. Así, por unha banda, temos ao BNG enrrocado en que aquí non pasou nada e tirando cara adiante coa mesmas políticas dos últimos anos e por outra banda, máis ben dúas bifurcacións da mesma banda, formadas por Compromiso x Galicia, a unión de +Galiza, Acción Galega e Espazo Ecosocialista (Ecogaleguistas) coas caras de Pérez Bouza, Teresa Táboas, Xoan Báscuas, Xosé Hermida, Rafa Cuíña, etc e por outro lado os que primeiramente eran o Novo Proxecto Común (nome herdeiro da proposta conxunta da oposición á UPG no congreso de xaneiro do BNG) e que despois da súa asamblea constituínte de fai 10 días son Anova-Irmandade Nacionalista coa cara principal de Xosé Manuel Beiras. Ámbalas dúas partes parece que non se dan posto de acordo ou non queren (espero que esto último non sexa así) para confluír nun proxecto único, tal e como conseguiron presentar na Asamblea do BNG en xaneiro e distintos membros das mesmas deixaron ver nos distintos actos, charlas e conferencias que deron nos últimos meses. E neso andan, quizais ás veces máis pendentes de si mesmos e case cometendo os mesmos erros que criticaban que había no BNG, que de tirar para adiante na defensa deste país e pendentes das diverxencias que poida haber mais que dos puntos converxentes que son maiores se les os documentos políticos que aprobaron cada unha das bifurcacións. Só espero que o día de hoxe, con actos separados en Bonaval e Bellvis, sexa un punto de inflexión para eles e comecen xa, dunha vez, a artellar unha organización política que levante a este país da situación na que se atopa e podamos sair cara adiante, deixando a un lado as leas propias de cada un e arrimando o hombreiro cara unha causa única chamada GALIZA e desbancar ao actual goberno, non sendo este o único obxectivo e sí unilo ao de construir outro país mellor, sen presas, pero sen pausa e ilusionar a toda esa xente, que é moita, para que confíe nese proxecto facendo caso ao dito de que “a unión fai a forza”.

Pois dito isto, só me queda desexarvos un gran Día da Patria Galega a todas e a todos, que as treboadas que poida haber esta tarde e mañá vos pillen a cuberto e que toca disfrutar, así que adiante…

Comentarios (0) Xul 25 2012

Máis marianadas e cia…

Posted: under Política.

Cando antonte escribia neste blogue a miña opinión sobre o que estaba a ser o novo goberno español, sen saber o que nos ía caer onte, quizais fun moi optimista e suave na miña crítica porque visto o que onte anunciou o presidente do goberno, quedeime corto.

Non me quero extender moito porque creo que co escrito xa está clara a miña postura e opinión. Aínda así, gustaríame puntualizar algunhas cousas ao respeito do que se dixo que se ía aprobar e que contradí todo o que o partido do goberno, cos seus ministros á cabeza dixeron e prometeron que non farían. Aí está o exemplo do que vos contaba, facer todo o contrario de que dicían, pero agora coa diferenza de que non o fan por iniciativa propia, se non que o “recomendan”, eufemismo de obrigan (de novo os eufemismos). Ao mesmo tempo disto, tampouco din que estamos intervidos pola unión e banco europeo, porque non queda ben e toca mentir de novo. E así estamos, a expensas de que nos den uns cartos para salvar aos amigos banqueiros que non souperon facer ben o seu traballo e que para que no lo den, pois esixen o ouro e o mouro, loxicamente se o que queres é asegurarte de que cho devolvan.

Coas medidas aprobadas estase a demostrar este retroceso na calidade de vida e do benestar xa que case todas as medidas adoptadas recaen para perxudicar á clase traballadora e con menos poder adquisitivo. Por exemplo, a subida do IVE en 3 ptos (un 16.6% de subida) a quen afecta principalmente? Aos curritos que gastamos os nosos cartos no comercio local da nosa cidade e claro, se che suben o prezo, xa pensas mellor se gastas os cartos e se, aínda por riba, che baixan o soldo como fixeron cos funcionarios, pois aínda máis. E si, falo ben cando digo baixada de soldo dos funcionarios, porque o que chaman paga extra de Nadal é parte do soldo, nin un regalo nin unha gratificación, está dentro do soldo e isto implica directamente, aínda que eles o vendan como outra cousa, unha redución do soldo dun 7% e se aumentan as horas de traballo, pois estás a escravizarte un pouco máis: máis traballo, menos soldo. A colación disto, como vos dicía, se non hai gasto, consecuentemente, non hai venda por parte do comercio local e se non hai vendas, pois o comercio pechará e, ao mesmo tempo, non comprará ou comprará menos aos minoristas e estes aos maioristas e así temos un círculo vicioso que non creo que axude moito a mellorar a economía.

Que dicir da redución da prestación por desemprego? Xa é unha “putada” o non traballar nin atopar, para que aínda por riba, reduzan os cartos ao pobre cidadán. Esto tamén me leva ao parágrafo anterior, menos ingresos na casa, menos gastos e así sucesivamente. Iso si, aquí volta a sair un eufemismo e seica isto é para “incentivar a búsqueda de emprego” ou traducido: como non aceptes o primeiro choio (seguramente puteado e mal pagado) vas fino para sobrevivir, que non vivir, así que xa sabes e así o empresario de turno pois se aproveita.

Falaba eu do programa co que se presentaron ás eleccións, mais ben do seu non programa. Digo isto porque onte demostrouse que de nada vale o escrito e/ou feito xa que 4 meses despois de aprobar a dedución por compra de vivenda na declaración da renda, van e a suprimen. Outro exemplo de que nos están a tomar o pelo ou outra proba máis de que eles só son uns monicreques que executan o que outros lle din a conta dun rescate bancario.

E claro, para calmar todo o rebumbio de medidas “impopulares” aparece a medida mediática que pode tapar todas estas outras e que non é outra que a de eliminar o 30% do concelleiros que hai nos concellos e dar máis poder á deputacións que, como todos sabemos, son moi útiles, especialmente a de Ourense. Esta medida, a parte de imposible de realizar a día de hoxe cando aínda quedan 3 anos para unhas próximas eleccións, non sirve para reducir practicamente nada porque a gran maioría dos concelleiros non cobran polo seu traballo, unicamente unha dieta por asistencia aos plenos e comisións que non é o maior gasto dun concello e isto seino con coñecemento de causa porque fun concelleiro durante 4 anos en Nogueira de Ramuín. Iso si, non falan do posible golpe de estado encuberto que moi ben explican neste artigo.

Se todo isto fai que un se indigne en grado máximo, a actitude de toda a bancada popular aplaudindo e incluso berrando “que se jodan” por parte dunha deputada; aínda o fai máis, se é posible. Está claro, esta é a súa política, a de ricos e pobres de fai varios anos de infausto recordo, por certo: onde tocar a subvención que se lle da a Igrexa que ben cartos apañan, legal e alegalmente; reducir a asignación á casa real que non pintan moito; darllos aos bancos para que queden con eles e non dispoñan deles os cidadáns e, por suposto, non quitarllos ás grandes fortunas; pois queda mal e non vaia ser que se enfaden.

E ante isto que? Pois non queda outra que manifestarse pública e pacíficamente xa que a oposición ao goberno parece que non está nin se lle espera, sexa do partido que sexa; así que adiante o pobo, tal e como xa fixemos no día de onte e se está a facer no día de hoxe ante tal asalto á dignidade como cidadán.

E para rematar, deixovos unha frase que me fixo moita graza no día de onte e que ven do tan famoso caso do Códice Calixitno (se teño tempo para a semana que ven tentarei facer unha entrada sobre iso) e que di: “A paga de Nadal, co cepillo da catedral”. E daba para pagarnos a bastantes, por non dicir á maioría.

Comentarios (0) Xul 12 2012

Marianadas e cia…

Posted: under Política.

Xa vai máis de medio ano, que hai novo presidente en España e seica está a gobernar. Polo tanto, e despois de deixar pasar este tempo que se pode considerar de rigor e suficiente antes de sacar conclusións precipitadas; toca facer balance do que está a facer.

Antes de entrar en detalle da súa etapa de goberno compre recordar o que fixo na oposición e logo en campaña electoral. Durante a súa etapa de oposición dedicouse a machacar ao goberno do PSOE, xa en horas baixas debido ás medidas que tivo que tomar en contra dos seus principios ideolóxicos e que lle indicaban desde instancias europeas. Para elo negouse a colaborar no parlamento español e incluso votou en contra de reformas moito máis suaves das que el está a aprobar nestes meses.

Logo en campaña electoral negouse a desvelar o seu programa electoral. Iso non é exactamente así, tiñan un documento co que se presentaron ás eleccións, pero cheo de vaguedades e xeneralidades, sen concreción nas medidas a tomar. Daquela todos pensábamos dese programa oculto e, tras facer como San Pedro e negalo, non só 3 veces, senon máis; pois estamos a comprobar como ese programa si existía, pero non o querían facer público debido a que podía alonxar ese voto que non quería ver nin en pintura a Zapatero.

E unha vez gañadas as eleccións, pois estamos a comprobar como, ou ben o programa non existía realmente ou ben estaba esperando a que llo dictaran desde a Unión Europea ou/e Alemaña e demais institucións financieiras. Nun primeiro momento, penso que si tiñan programa, oculto, pero programa e que foi o que fixeron nos primeiros meses de goberno e que con esas medidas ían frear o ímpetu dese ente tan importante e sobrenatural que chaman “mercados”, pero non foi así. Ese programa levaba e está a levar, a volta á España de fai 20-30 anos cando na sociedade había a clase dos ricos e dos pobres. Os primeiros vivían ben, mentres que os segundos sobrevivían e eran explotados polos primeiros.

Exemplos disto témolo na reforma laboral aprobada onde se lle da todo o poder e facilidade ao empresariado en detrimento do traballor que perde todos os dereitos adquiridos durante moitos anos de loita sindical. Que dicir da sanidade, educación e dos servizos sociais? Máis recortes e subida de taxas e re-pagos; sen contar os cartos dados á banca para tapar a súa mala xestión.

En educación, un dos piares máis importantes da sociedade, tanto actual coma de futuro, pois deciden recortar en números de profesores e inversión en aulas de xeito que os grupos pasen a ter un maior número de alumnos cuxa atención verase disminuída e o ritmo de apredizaxe será moito máis lento, e tendo en conta tamén a dificultade por parte do profesorado en ensinar a tanto rapaz e de tan diferente idade. No ámbito universitario atacan por dous lados, por un suben as taxas de matrícula de xeito que só poidan estudar os fillos dos ricos e por outro lado, reducen os cartos dedicados para a investigación, outros dos eidos importantes de progreso dunha sociedade.

En sanidade, coa excusa de que se queremos manter unha sanidade pública e para todos, están a obrigarnos a un repago da mesma. E si, digo repago, porque xa cos nosos impostos subvencionamos a mesma e agora aínda nos queren facer pagar por determinados servizos, así como das mediciñas que adquirimos nas farmacias. Todo isto sen contar co peche de camas nos hospitais, a non inversión nos mesmos e o aumento das listas de espera, tanto para consulta como para operacións. Pero nada, sempre quedará a privada á que poderán ir os que teñan con que pagala e o resto ficaremos esperando para atender as nosas doenzas. Asociado a isto, tamén podemos considerar os servizo sociais, con reducións orzamentarias na lei de dependencia e dos recursos dispoñibles para que o benestar siga a ser o que merecemos e temos que ter.

Todo isto supón dun recorte arredor 10000 millóns de euros que ben, poderíase aceptar se non houbese outras partidas de onde sacalos, pero non é así xa que para rescatar a un banco como Bankia apareceron 23000 millóns de euros. Que me digan onde os tiñan que paso a buscalos ou seguro que llos pasou o electricista que tomou prestado o Códice Calixitino. Para a banca si hai cartos, pero para o resto non. Claro, como hai que taparlle o cú aos seus amigos os banqueiros que levaron ata ese punto a entidade, pois sácanse os cartos de onde faga falta. Digo amigos porque Bankia non deixa de ser a fusión de Caja Madrid e Bancaja, entre outras; buques insignia dos gobernos populares de Madrid e Valencia. Non puideron sacar os cartos da Igrexa que segue a levarse unha boa e gran tallada das arcas do estado español ou das grandes fortunas, non, eses que sigan vivindo igual de ben.

E cando con isto todo tiñan claro que os mercados ían calmar, pois nada de nada, seguen aí, a dar polo saco e indo a peor día tras día, como ese animal que lle das de comer e nunca se farta. E aquí onde xa penso que a situación se lle foi das mans ao goberno que nos últimos meses non deixa de improvisar coas súas accións. Agora é cando creo que xa non teñen programa. Contaban que con esas medidas xa estaba todo feito e non; teñen que seguir facendo máis cousas, tal e como lle indican instancias europeas superiores e máis agora que se acaba de sufrir un “rescate”, ainda que para o goberno non exista esa palabra.

Porque esa é outra, os eufemismos están á orde do día. Fartouse o presidente do goberno en proclamar que non ía mentir e ía chamar as cousas polo seu nome; ao pan, pan e ao viño, viño. Nada máis lonxe da realidade, todo son revoltas dialécticas para usar expresións e palabras retóricas para chamar as cousas como non son.

Outro punto a considerar destes meses de gobernos son as mentiras e enganos que nos están a facer. Non sei se pensan que somos parvos ou que. Eu polo menos non mo considero. Basta con oirlles negar que vaian facer unha cousas e ao cabo dunhas semanas estana aprobando: que non suben os impostos, pois subida do IRPF; que non van subir o IVE, pois parece que está a caer antes do verán; que a sanidade non se toca, pois ala, tesoirazo e así podedes consultar as hemerotecas destes meses e veremos moitos máis exemplos. Quizais o mellor e tomar nota do que están a dicir a día de hoxe e se contradirán dentro dunhas semanas aprobando o contrario. Sería unha boa forma de ir mentalizándonos.

Non son economista experto, nin o pretendo ser, nin experto nin iniciado; mais penso, desde a miña humilde opinión que só recortando non se arranxa isto. Si, reducirás o gasto e polo tanto o déficit, pero non aumentas os ingresos, mais ben os reduces. Haberá que fomentar ese tipo de actividades tamén, digo eu.

Estan a dicir que todo isto é debido á herdanza do goberno anterior. Non digo que non, Zapatero non soupo ou non quixo recoñecer a crise ao seu debido tempo e polo tanto a súa reacción ante ela non foi a correcta, nin en tempo nin en forma. Iso si, hai que dicir que todo isto ven da chamada burbulla inmobiliaria cuxo apoxeo foi da época na que gobernaba Aznar e o actual presidente do goberno era ministro del. Nesa época aprobouse unha nova ordenación do chan, dando poder aos concellos para urbanizar e claro, comezaron a recalificar e ofrecer terreos que os constructores colleron e coa axuda dos bancos construiron o construible e máis. Había moito emprego e os bancos tamén soltaban á xente os cartos para mercar e chegamos a día de hoxe cando os bancos non dan cobrado os cartos que deron á xente e aos constructores e así estamos neste punto onde eses bancos teñen que ser rescatados pola unión e banco europeos.

Xa para ir rematando, quédame dicir que para ter un goberno así ao que lle dictan todo o que teñen que facer, mellor que poñamos a eses e aforramos uns cartiños que non veñen mal. O exemplo está nas condicións que acaban de darlle no día de hoxe para que poidan cobrar os cartos do rescate bancario. Non tedes mais que ler o documento e veredes como indican todo o que hai que facer nos vindeiros meses e como grandes obedientes que son, pois así se fará ata que mais pronto que tarde chegue o rescate total da economía española e xa pasemos a estar peor do que estamos.

De seguro que me esquezo cousas e aínda queda moito por vir antes de que en agosto se vaian de vacacións, porque claro, irán de vacacións eles que poden, mentres moita xente non pode porque non ten un traballo que llas permita coller nin pagar. Anuncian para mañá mércores a reforma dos empregados públicos coma se fósemos os culpables da situación e uns vagos. Anúnciase un despido masivo, xa aprobaron a reforma laboral para que iso se puidera facer, que aumentará o paro, gran problema a solucionar e que con medidas así dame a min que non. Anuncian tamén unha redución de pensións e tempo de prestación do paro, medidas que favorecen claramente ás clases altas, de aí o que xa comentaba máis arriba, de voltar á sociedade de ricos e pobres.

E para rematar, agradecerche que chegaras ata este punto porque o post quedoume un pouco máis longo do que contaba.

Comentarios (2) Xul 10 2012

Día das Letras Galegas: Valentín Paz-Andrade

Posted: under Política.

Un 17 de maio máis, as galegas e galegos festexamos o día da nosa lingua, o GALEGO. A cultura dun pobo ven dada pola súa lingua, así que é a mellor ferramenta que temos para defender o noso que tanto está a ser “escarallado” nos últimos tempos.

Estamos a ver como día tras día os ataques a esta nosa lingua, e por conseguinte, á nosa cultura son continuos. Nunha política de esnaquizar todo o noso porque lles da vergoña e teñen medo dela, debido a importancia que ten para e na sociedade galega.  Non podemos estar parados ante tantos ataques e reaccionar defendendo o noso antes de que nolo expolien ou marxinen, como están a facer con gran parte do sector económico e industrial do noso país. Son numerosos os exemplos que temos de ataques contra a lingua: desde decretos que reducen o seu uso na ensinanza ata facer calar á prensa en galego, cousa que polo momento non conseguiron.

Pero non só a clase política ten que cambiar ante iso, nós, as galegas e galegos, podemos facer algo coa nosa lingua: USALA. De nada vale que hoxe lle dediquemos un día en particular se o resto do ano a desprezamos e non a usamos. Non é vergoña algunha o falar e escribir en galego, mais ao contrario, é un feito de expresión cultural e sabiduría. Cometeremos erros en moitos casos, pero a base deles é como se aprende, non só neste caso, senon na vida en xeral. Así que, este humilde blogueiro que son eu, anímavos a que vos expresedes nesta nosa lingua que tan bonita é durante todo o ano non só hoxe.

E como cada ano, para reivindicar a nosa lingua, este día está adicado a un escritor galego; neste caso é o pontevedrés Valentín Paz-Andrade o homexaeado. Non só é destacable a súa aportación literaria; tamén hai que destacar a súa faceta política, xornalísitica e industrial a prol de Galicia co galeguismo como bandeira. Non son eu o máis indicado para falar del, así recoméndovos calquera dos especias que se estan a publicar del hoxe na prensa galega para ampliar máis sobre a súa vida e obra que non ten desperdicio algún.

Esperemos que mañá non sexa outro día distinto e manteñamos este espíritu reivindicativo e patrimonial da nosa lingua.

Comentarios (0) Mai 17 2012

Fin dunha etapa política…

Posted: under Política.

Si, é o que estas a pensar, no día de hoxe acabo de comunicar a miña baixa como militante do Bloque Nacionalista Galego despois de case 9 anos de militancia.

Quizais moitos dos que me coñecedes e me oístes nos últimos tempos nos vos sorprenda esta descisión. Xa non só porque co paso do tempo a miña desafección á política que se está a practicar hoxe en día foi crecendo pouco a pouco, senon tamén polo que está a acontecer no nacionalismo galego. Pensaba que o BNG podería ser diferente e ofrecer unha política alternativa e distinta para abrirse á sociedade e darlle o que reclamaba, e aínda reclama hoxe en día; pero a súa actuación durante os últimos anos fixo que esas políticas que eu consideraba que se deberían facer, estiveran ausentes.

Como ben vos relatei nas crónicas preasamblearias (http://oburatodotesouro.blogaliza.org/?p=1672) e, sobre todo, post-asamblearias (http://oburatodotesouro.blogaliza.org/?p=1713) tiñan que darse unha serie de actuacións e situacións para o que eu, humildemente, consideraba que tería que ser o traballo político do BNG nestes vindeiros tempos para seguir militando nel.

O resultado foi o que foi, democráticamente a militancia decidiu que esa fose a liña política a seguir xunto coas persoas que a tiñan que levar a cabo. Sendo certo isto e totalmente válido, penso eu que a nova dirección, vendo que a outra metade do BNG estaba en oposición, debería tender pontes e intentar que se sentise cómoda e traballar xuntos. Nestes meses creo que non se deron os pasos necesarios para tal cousa e fixo que diversos colectivos que militaban dentro do BNG fosen abandonando a fronte. De feito, foron varias a voces que invitaron a abandonar a formación o antes posible e diversas as opinións que descalificaban a quenes se foran e nos que agora me inclúo eu, antes de falar pausadamente e chegar a acordos comúns polo ben do nacionalismo galego.

Dixen que me ía tomar un tempo para analizar como evolucionaba a situación saída da XIII Asamblea antes de tomar unha decisión definitiva e así chegou o día de hoxe. Retrasouse máis do debido porque antes tiña que solucionar unha serie de cuestións internas no grupo de traballo no concello de Nogueira de Ramuín. Non os quería deixar tirados así como así despois de todo este tempo e o traballo que fixemos xuntos para manter representación durante dúas lexislaturas seguidas nun concello tan complicado de facer política como este. Unha vez solucionado isto e co meu compromiso persoal de axudarlles no que fixera falta polo ben dos veciños, pasei a comunicar a miña decisión á organización en Ourense. Esta decisión foi comunicada hoxe oficialmente, aínda que oficiosamente xa a sabía a responsable comarcal desde fai 10 días.

Como ben digo na miña carta de despedida e que podedes ver ao final deste post; estar nunha formación por estar, pois non vai comigo e se non comulgas coas ideas que están a desenvolver nos últimos tempos, aínda máis; así que, a partires de hoxe son un home libre de militancia política.

E agora seguro que te estás a preguntar que farei despois disto. Non é unha resposta doada, ási que tentarei resolvela nas vindeiras semanas, aínda que moitos de vos poderedes intuir por onde van os tiros porque moitas solucións non hai.

Aínda que non teña militancia política, iso non significa que non poda opinar, así que o de porvos de cando en vez neste blogue as miñas reflexións sobre o que está a acontecer, seguirá sendo rutina.

Deixovos coa miña carta de despedida do BNG:

Nogueira de Ramuín, 22 de abril do 2012

Apreciada Montse,

Xa tivemos ocasión de comentar, primeiramente dun xeito persoal e posteriormente telefonicamente, así que remítoche estas liñas para confirmarche o adiantado sobre a miña baixa como afiliado do Bloque Nacionalista Galego na comarca de Ourense-O Carballiño que é onde durante estes últimos anos estiven a realizar a miña actividade política.

Non foi unha decisión fácil de tomar, pero, unha serie de situacións persoais unidas a unha certa desafección persoal de como está o panorama político neste momento, tanto no país como no Estado Español; leváronme a tomar esta decisión. Obviamente que a situación na que se atopa o Bloque Nacionalista Galego nos momentos anteriores e posteriores á XIII Asemblea Nacional celebrada a finais de Xaneiro en Amio tamén tivo que ver e desde a cal o nacionalismo galego xa non é o que foi.

Con todo isto, coido que a mellor solución é a que che estou a comunicar. Como ben sabes, non son das persoas que lle gusta estar por estar nun lugar e/ou situación. Se estou, estou para a aportar algo, non coma un simple floreiro. Isto xa o puidestes comprobar na organización cando puxen, en varias ocasións, o meu cargo de concelleiro á vosa disposición e á dos compañeiros de Nogueira de Ramuín ante o meu exilio laboral en Barcelona.

Non quixera rematar sen agradecervos a oportunidade que me destes de encabezar e participar nunhas listas electorais e facer política nun concello tan difícil como o de Nogueira de Ramuín.

Polo tanto, tal e como adiantei no primeiro parágrafo, solicito a miña baixa como militante do Bloque Nacionalista Galego a partires deste mes e que xa non me pasedes as cotas correspondentes.

Sen máis, recibe unha aperta nacionalista,

 

 

Asdo: Marcos Tesouro Montecelo

 

Á RESPONSABLE COMARCAL DO BNG NA COMARCA DE OURENSE-O CARBALLIÑO

Comentarios (1) Abr 24 2012

De novo físicas…

Posted: under Calquer cousa, Política.

Quizais moitos de vos non sepades a que ven isto ou que quere dicir eso de “De novo físicas”, sobre todo se non eres de Ourense. Aínda así, anímote a que lle botes unha ollada e vexas o que, desde o meu punto de vista, é todo bombazo á unha facultade e polo tanto a unha Universidade e, por estensión, á Consellaría de Educación da Xunta de Galicia.

O conto comeza na primavera do 2009 cando desde a Xunta da Facultade de Ciencias de Ourense decide transformar a licenciatura en Física, que desde 1995 se viña impartindo alí, nun grao de Ciencias Ambientais. Eso foi aprobado en Xunta, convocada con nocturnidade e alevosía, se se me permite a expresión, é dicir, con pouca marxe de maniobra para preparar un debate en condicións e unha votación seria; tal e como requería un asunto deste calado. Unha vez aprobado en Xunta de Facultade, foi a Universidade de Vigo quen lle deu para adiante á transformación e a Consellaría de Educación da Xunta de Galicia quen executou o cambio e desde o curso seguinte estase a importir dito grao de Ciencias Ambientais no Campus de Ourense.

E diredes, onde está o bombazo? Pois está en que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de tumbar dito acordo, previa denuncia dun grupo de profesores de física que presentaron os correspondentes recursos ante unha deficiencia no proceso, aos que lle acaban de dar a razón. Esta deficiencia non é outra que a de que dita transformación tiña que ter sido feita pola Xunta de Titulación de Física e non pola Xunta de Facultade, como foi feita. Así que, salvo novos recursos e historias varias, o que a Universidade de Vigo ten que facer é indicarlle á dita Xunta de Titulación que faga o grao de Física que tiña que ter feito fai 3 anos.

E como se chega a esta situación? Pois ben fácil, cando as enemistades persoais entre distintos membros de departamentos e áreas da Facultade, xunto con algunhas económicas e de carácter persoal outras, se xuntan; a cousa nunca acaba ben. De todos os que vivimos nesa Facultade e nos implicamos en certa medida nela, aínda que levemos xa varios anos fora dela, e coñecemos os protagonistas, pois non nos é estraño que se chegase a esta situación de enquistamento. Eran anos de loita silenciosa cara afora, con trabas burocráticas, respostas dunha e doutra parte; ata que algún día o asunto tiña rebentar e a oportunidade veu coa transformación e instauración de novos graos debido ao plan Bolonia.

E que opino eu? Pois cando as cousas se fan mal, pasa isto. Xa o dixen no seu momento e sigo pensando que ámbolos dous graos tiñan cabida na Facultade. Ben é certo que o número de alumnos que estudaban física era baixo, mais tamén nas outras carreiras da facultade o eran, así como en toda a Universidade en xeral; así que usar o número de alumnos como única escusa penso eu que non é suficiente. Non pensades que quedando tanta xente fora no grao de Ciencias Ambientais como está quedando, non habería moitos deles que se animaran á estudar física? Creo que si. Como? Facendo que, dentro do que é a física, fose máis atractiva a súa docencia para que eses alumnos ficasen durante todo o grao e non tivesen a tentación de abandonar ao curso seguinte. Ademais, tendo a especialidade de meteoroloxía e climatoloxía, como se tiña en físicas, podíase vender todo nun conxunto que fose beneficioso para a Facultade establecendo sinerxias entre ámbolos graos e facer da Facultade de Ciencias todo un referente na meteoroloxía e medio ambiente galegos.

Que se fará? Pois o que di a sentenza, pero sen chegar a oficilizarse o retorno xa que unha vez que a Xunta de Titulación faga o grao, pois en Xunta de Facultade o tumbarán. O que deberían ter feito fai tres anos para facer as cousas ben, desde o seu punto de vista. Espero e desexo trabucarme, pero dame no lombo que Físicas non volta a Ourense e esas sinerxias das que vos falaba antes, pois nada de nada; porque, e que conste en acta, non desexo que Ciencias Ambientais se vaia, simplemente que se sume Física á oferta académica do Campus de Ourense.

Unha verdadeira mágoa que ocorra todo isto!!!

Comentarios (0) Mar 07 2012

Terceiro cabodano galego

Posted: under Política.

Quizais o título soe raro, pero tranquilos que paso a explicarvos a que ven. Non é máis que a miña humilde opinión do día que é hoxe, 1 de marzo, cando fai 3 anos que as tropas do PP con Feijoo ao mando chegaron de novo ao poder de Galicia.

Sobraría co título, pero tentarei nas seguintes liñas facervos un curto resumo (eso intentarei, pero de seguro que me queda máis longo do que esperaba) da desgraza que nos caeu enriba.

Para gañar votos sacouse un contrato que dixo que ía a cumprir durante todo o seu mandato e do cal, na súa meirande parte, non cumpriu e levando xa 3 anos no goberno. Eso si, quedou de marabilla diante da xente e seguro que votos apañou uns cantos. 3 anos, que, calquera que vexa a televisión, escoite determinadas emisoras de radio e lea determinada prensa, pode pensar que gañou as eleccións fai uns meses, pero non, xa leva un tempo considerable para asumir o fracaso do seu mandato.

Na súa primeira parte dedicouse a eliminar calquer vestixio que había do bipartito. Cancelou un concurso eólico que podía ser unha fonte de onde sairan gran número de postos de traballo para que todo ese potencial de xente ben formada puidese seguir a traballar no e para o país, sen ter que facer as maletas cara outros lugares. E, como non tiña razón algunha, pois tivo que vir a xustiza a dicirllo e anular o anulado e aí andamos, a voltas nos tribunais e sen futuro coa enerxía eólica galega. E o pior de todo será que isto vai sair dos cartos de todas e todos os galegos, non do seu peto.

Logo chegou a súa idea de tocar o sector financieiro galego. Primeiro fusionando as caixas galegas. No fondo non era mala idea, pero non do xeito que o fixo para logo transformarse no banco galego que está a ser ofrecido por aí porque nin as grandes fortunas galegas, que as hai, non queren invertir nel. De momento, algo de galego si teñen, o nome (polo menos en Galicia que fora seica van ser algo de Evo Bank, a ver se ven algún rico boliviano e os merca) pero que en breve perdan ante a súa inminente compra por parte doutras entidades financieras do estado. E en segundo lugar, permitiu que o Banco Popular comprara, que non fusionara, o Banco Pastor. Dirá que son cousas de negocios entre entidades privadas e todas esas cousas, pero se quixera podía meter man e facer que ámblas entidades financieiras quedaran no pais.

E como non hai dúas sen tres, pois chegoulle a quenda ao estado do benestar. As galescolas, construídas con cartos públicos, transformounas en galiñas azuis para logo privatizalas e darllas aos seus, facendo que sexan os beneficiarios dos seus ingresos sen gastar nada na súa posta en marcha. O mesmo pasou cos centros de día, son moitos os que están a estrenar (Nogueira de Ramuín, por exemplo, que me queda ao lado) e agora estan a privatizar tamén. Dentro este estado do benestar tamén inclúo a sanidade e a educación. A primeira está a empeorar co peche de moitas camas nos distintos hospitais galegos xunto cun aumento das listas de espera e a piques de ter que pagar por sermos atendidos; como se non o pagáramos xa cos nosos impostos. E na educación que? Pois redución dos presupostos na educación pública para darllos á privada, por suposto; sen contar que non se convocan prazas para o profesorado.

Pero aínda hai máis! A política anti incendios deixou de existir. Ante uns últimos anos onde os distintos informes meteorolóxicos e climáticos nos están a dicir que non son tempos húmidos, pois eles pasan deles e reducen os cartos dedicados á prevención de incendios. Redúcense, por non dicir eliminínanse, as campañas de desbroce e limpeza dos montes e despídese á xente contratada para tal fin, xunto cunha redución do período de risco de incendios.

E xa máis recentemente, demonizar aos traballadores da Xunta como os causantes desta crise e aprobar, con nocturnidade e alevosía, unha nova lei da función pública que recorta os dereitos sociais dos traballores ao mesmo tempo que os seus soldos e cotizacións.

Quizais estes sexan uns dos puntos máis salientables do que foi e está sendo a súa política nestes 3 anos. Aínda podería falar da manipulación informativa na CRTVG, de como untan aos xornais afíns para os sigan loubando, de como destruen o litoral galego, tanto en terra coma en mar e moitos máis. Olvidareime algún seguro, así que se é así, pois espero que me perdoedes, non é a miña intención.

Chegados a este punto seguro que vos estades a preguntar que algo bo faría. Pois claro que o fixo, servir de ariete como barón do PP para derrubar ao goberno de Zapatero en Madrid. E abofé que o fixo moi ben. Tamén é certo que agora que ese obxectivo está cumprido, pois é cando se ve con maior claridade a súa carencia de goberno.

Posiblemente sexa un resumo moi superficial, desde o meu punto de vista, do que foron estes 3 anos do peor goberno da Xunta de Galicia. Non é só porque o diga eu; con ir aos datos estadísticos oficiais, pois podedes comprobar como de progreso nestes 3 anos, nada de nada.

Esperando tempos mellores a partir dos próximos meses (falan do 20 de outubro como data das elecións) deixo aquí esta miña opinión que, como vos adiantei ao comezo, quedou moito máis longa do que me gustaría.

Mil desculpas!!!

Comentarios (1) Mar 01 2012

Reflexións postasamblearias…

Posted: under Política.

A semana pasada tocou reflexionar sobre o que debería pasar na recentemente rematada 13ª Asamblea Nacional do BNG, pois agora toca reflexionar sobre o ocurrido durante a fin de semana no Recinto Feiral de Amio.

Onte falábavos da entrada dunha masa de aire frío na península para esta fin de semana. Coido que chega cunha semana de retraso porque ben podía chegar esta pasada e enfriar os ánimos en Amio e así rebaixar toda a tensión que se palpaba no ambiente e que aínda segue a día de hoxe.

A asamblea comezou tal e como se supuña. Cos dous bandos enfrentados lanzando aos seus oradores para recriminar actitudes e comentarios feitos nos últimos meses, tal e como aconteceu nas asambleas comarcais que precederon a ésta. Volvo a repetir que o que se escoitou alí non é o normal e lóxico entre compañeiros e compañeiras que pertencen a unha mesma formación política. Durante o debate en comisións o sábado pola tarde e nos pasillos seguía a aumentar ese ambiente tenso do que vos falaba no parágrafo anterior, onde cada un dos bandos defendía as súas posicións.

Seguiuse na noite compostela, pero xa máis relaxados, a comentar o que ía deparar o día seguinte que se antoxaba o decisivo ao terse que aprobar as teses que rexerán o camiño político e as caras que as van defender publicamente. Quizais esta é a mellor parte da asamblea, pese que algúns non puidéramos disfrutar dela.

E xa chegamos ao domingo, o día decisivo e o ambiente seguía a ser tenso. Era moito o que se xogaba aí, non so persoalmente os militantes, senon tamén o futuro do BNG. Comezamos co debate e aprobación da tese política para que cada unha das candidaturas nos mostraran o seu programa, así como cada un dos candidatos á presidencia da Xunta.

Sucedeu o que moitos esperábamos e que non é outro que as teses foron aprobadas por maioría mentres que nas votacións xa o resultado estivo moito máis axustado, tendo que ir a unha segunda volta a eleición do portavoz nacional, contra todo prognóstico. Uns dirán que houbo carretaxe masivo, outros dirán que teñen un exército de fieles; pero o que pasou é que foi a maior participación da militancia na historia BNG con preto de 4500 militantes decidiu o que será o seu futuro nos vindeiros meses.

E cal foi esa decisión? Pois foi a de seguir como estábamos. Dándolle mando en praza aos mesmos que xa o tiñan cun programa continuista e do que parece que non se van a mover un chisco, sabendo que hai outra metade do BNG que non opina así. Sigo pensando que facía falta unha reflexión constructiva, razoada, sen condicionantes e con respeito á pluralidade de ideas para unha refundación completa da fronte; pero eso non se deu de momento. Seguimos a ser un BNG partido en dous bandos, agora si, dous porque a terceira vía deixou claro de que lado está. E non só é que haxa dous bandos, senon tamén é a diferenza ideolóxica e sensación palpable de crispación que queda no ambiente e, visto o visto, vai tardar en desaparecer nos vindeiros meses, se o fai.

Supoño que nestes vindeiros meses teremos que analizar todo esto pausadamente e ver como a nova executiva nacional, xunto co consello nacional, dixeren esto e actuar en consecuencia. É moita xente a descontenta que xa o mesmo domingo estaba a falar de marchar do BNG e o está a facer nestes días. Quizais sexa unha solución que cada un destes bandos vaia por separado ou quizas non, o tempo dirá e non o meteorolóxico. Persoalmente penso que teñen que cambiar moitas cousas para que esto siga unido e se vaia remando nun mesmo ritmo e seguindo un mesmo camiño. Haberá que dar unha marxe de confianza nos vindeiros meses antes de tomar unha decisión definitiva ao respeito do meu futuro no BNG. O que desexo é voltar a ser o que fomos, pero a día de hoxe véxoo complicado visto o panorama que saiu da Asamblea, onde en vez de sair unidos, parece que saímos máis separados e con máis tensión.

Resumindo esto en termos meteorolóxicos: estamos no interior dun cumulunimbus en plena efervescencia treboenta de raios e tronos que retumban no ambiente e no punto de indecisión de se seguir ou parar a súa actividade.

Comentarios (2) Feb 01 2012