Guía de estilo

Neste apartado tentarei contarvos os significado das diversas expresións que se soen utilizar na predición para que poidades entender con maior claridade as predicións meteorolóxicas.

En canto á nebulosidade tense que:

1.- Despexado: cando o ceo está menos do 10% cuberto de nubes.

2.- Pouco anubrado: cando o ceo está entre o 10 e o 40% cuberto de nubes.

3.- Moi anubrado: cando o ceo está entre o 40 e o 70% cuberto de nubes.

4.- Cuberto: cando o ceo está máis do 70% cuberto de nubes.

En canto á precipitación temos que distinguir os seguintes tipos:

1.- Orballo: precipitación feble e continuada.

2.- Chuvia: precipitación máis forte que orballo.

3.- Chuvasco: precipitación en forma de chuvia, pero de curta duración.

4.- Saraiba: precipitación de anacos de xeo de tamaño maior aos 5 mm.

5.- Neve: precipitación de cristais de xeo.

Tendo en conta esta clasificación da precipitación, hai que falar agora en termos da súa intensidade e así temos que:

Feble: entre 0 e 2 mm/h.

Moderada: entre 2 e 15 mm/h. Cantidade superior a 15 nunha hora, sería aviso amarelo.

Forte: entre 15 e 30 mm/h. Cantidade superior a 30 nunha hora, sería aviso laranxa.

Moi forte: máis de 30 mm/h. Cantidade superior a 60 nunha hora, sería aviso vermello.

Agora toca revisar a súa variabilidade espacial e temporal. Entenderase que as precipitacións serán illadas ou dispersas cando afectan entre o 10 e o 30% do territorio e serán xeneralizadas cando afecten a máis do 60% do territorio. En canto á súa temporalidade teremos que serán ocasionais cando se produzan de cando en vez e persistentes cando sexan máis continuas.

Agora hai que destacar un punto importante sobre as precipitacións e que é a súa probabilidade. Os meteorólogos falamos en termos de probabilidade de ocorrencia, non de se acertamos ou non. Así que, segundo isto teremos:

Probabilidade baixa ou posibilidade: cando a probabilidade de que se produza o tipo de precipitación esté entre o 10 e o 40%.

Probabilidade alta: cando a probabilidade esté entre o 40 e o 70%.

Cando a probabilidade sexa maior do 70% non se fará mención a ela.

Outra das variables a explicar é a da temperatura e a súa variabilidade en canto aos grados de ascenso ou descenso:

1.- Sen cambios significativos: cando de producirse algún cambio, ascenso ou descenso, este é menor ou igual a 1º.

2.- Lixeiro: cando se produce un cambio, sexa ascenso ou descenso, este é maior de 1º e menor a 2º.

3.- Moderado: cando se produce un cambio, sexa ascenso ou descenso, este é maior de 2º e menor ou igual a 6º.

4.- Notable: cando se produce un cambio, sexa ascenso ou descenso, este é maior de 6º e menor ou igual a 12º.

5.- Extraordinario: cando se produce un cambio, sexa ascenso ou descenso, este á maior de 12º.

Destacar aquí cando a temperatura baixa dos 0º e temos as xeadas, onde serán febles se a temperatura está entre os -3º e os 0º; moderadas se é menor de -3º e maior ou igual que 8º e fortes cando é menor de -8º.

Por último queda o vento onde, segundo a súa velocidade temos:

1.- Calma ou sen vento: cando a velocidade media sexa menor ou igual a 5 km/h.

2.- Vento frouxo: cando a velocidade media esté entre os 6 e 20 km/h.

3.- Vento moderado: cando a velocidade media esté entre os 21 e 40 km/h.

4.- Vento forte: cando a velocidade media esté entre os 41 e os 70 km/h.

5.- Vento moi forte: cando a velocidade media esté entre os 71 e 120 km/h.

6.- Vento furacanado: cando a velocidade media sexa maior dos 120 km/h.

Espero que esta pequena guía vos sirva de axuda á hora de entender con mellor claridade as predicións que vos poño semanalmente neste blogue.