Festexando o noso día!!!

Posted: under O tempo.

Hoxe, como todo os 23 de marzo desde 1950, a xente relacionada coa meteoroloxía e baixo o amparo da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) estamos de festa celebrando o “Día Meteorolóxico Mundial”.

Mediante un tema escollido “ad hoc” cada ano é sobre o que se fan xirar todas as actividades desenvolvidas este día. Neste ano o lema é “ENTENDENDO AS NUBES” pola transcendencia que teñen non só nas predicións e os avisos meteorolóxicos, senón tamén polo seu vital papel no ciclo da auga e todo o sistema climático. Todo isto sen ter en conta, desde o punto de vista estético e visual, as súas formas e como “decoran” o ceo dando unhas imaxes expectaculares. Se queres máis información, só tes que pasarte por esta web da OMM (https://public.wmo.int/es/D%C3%ADa-Meteorol%C3%B3gico-Mundial-2017) para o día de hoxe e terás moita máis información sobre este tema.

Outro ano máis, en MeteoGalicia abrimos (aínda máis) as nosas portas para que poidas coñecer de primeira man o noso traballo diario; tanto desde o punto de vista de facer as predicións e subilas á web, pasando pola execución dos modelos numéricos de predición atmosférica e oceanográfica, antendendo aos medios de comunicación, recollendo datos das estacións meteorolóxicas e un largo etcétera de traballo diario.

E xa, para rematar, só me queda desexarche un moi bo día e teñas en conta o noso traballo meteoróxico no teu día a día, tanto para ben como cando erremos nas predicións.

Comentarios (0) Mar 23 2017

Volve o inverno?

Posted: under O tempo.

Desde esta mañá estamos na primavera, non si? E no tempo, que? Segundo esta fin de semana case en verán, pero parece que algún cambio se albisca por aí e que agora paso a contarche.

Polo momento o que manda é o sol sobre a península, salvo polo noroeste onde xa parece que algo tende a cambiar, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, haberá cambios. E importantes dado que unha profunda borrasca vaise achegar ao norte peninsular segundo avance a semana. E que conleva isto? Pois aumento da nebulosidade que traerá precipitacións, descenso de temperaturas e da cota de neve. Así, todo ese cóctel vai facer que o inverno chegue de novo á península anubrandose o norte peninsular, chegando ao centro na metade e final de semana, con precipitacións que serán en forma de neve en altitudes próximas aos 500 metros na xornada do xoves. Mentres todo isto ocorre polo norte e centro, no resto da península estarase máis tranquilo porque só aparecerán nubes e a probabilidade de chuvia será baixa. Podes ver isto resumido nas saídas do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e precipitación (dereita).

Ao mesmo tempo teremos a entrada dunha masa de aire frío que enfriará as temperaturas dun xeito importante en todo o territorio peninsular, pero especialmente polo norte facendo que baixe a cota de neve e se vexa folerpas, e máis que folerpas, en pleno mes de marzo. Podes apreciar claramente este descenso nas seguintes imaxes do modelo para o campo de temperaturas: á esquerda as de hoxe ao mediodía e á dereita as previstas para o vindeiro xoves a esa mesma hora.

E como o vento non quería faltar a esta festa, pois tamén fará acto de presenza aumentando a súa intensidade a medida que pasa a semana.

Si, toca cambio de tempo en Galicia e volta o frío, a chuvia, a neve e o vento. Xa no día de hoxe as nubes estiveron cubrindo o ceo do país e así seguirá durante esta semana e deixando chuvia e neve que no xoves podería verse en localidades sobre os 400-500 metros de altitude. A baixada das temperaturas notarase e ben, voltando o frío, nada que ver coas temperaturas calorosas destes días pasados e que se notará aínda máis co aumento da intensidade do vento.

Como les, volta de novo o inverno co frío e a chuvia/neve neste comezo de primavera, así que toca abrigarse e ter coidado.

Comentarios (0) Mar 20 2017

Repito media maratón!!!

Posted: under Deportes.

Si, din que non hai 2 sen 3 e iso vou facer eu correndo a media maratón de Zamora outra vez máis. E aquí estou, acabando de prepararme para comezar a dar zapatilla polos 21.097 metros que separan a Praza Maior de Zamora do Polideportivo Municipal.

Os motivos seguen a ser os mesmos que cando a fixen fai 2 anos: o seguinte paso cando levas correndo moito tempo, o ser máis sinxela que outras que hai nesta época do ano, que a miña parella é zamorana e tamén engado o feito de ter un obxectivo que me incite a sair a correr e non quedarme tirado sen facer deporte.

O obxectivo non deixa de ser o mesmo que nas dúas anteriores edicións: rematala en condicións físicas decentes e en menos de 2 horas. A intención era máis arriscada, pero acontecementos varios (sempre hai algo) impediron que perdera todo o peso que necesitaría, así como entrenar un pouco máis e en mellores condicións por culpa dunha caída que me deixou o xeonllo dereito fastidiado unhas semanas cunha boa ferida. Aínda así, chego con máis quilómetros nas pernas que o ano pasado e creo que cunha pouca mellor forma a pesar de non poder quitarme eses quilos de máis que teño.

Non me lío máis, remato de por todo en orde, quento un pouco e a correr.

Emprázote á semana que ven para ler como me foi.

Comentarios (0) Mar 19 2017

Máis sol e calor?

Posted: under O tempo.

Estamos rematando a semana e a tranquilidade parece que vai chegando a toda a península, porque nalgúns puntos foi unha semana bastante movida no meteorolóxico. E que? Como ven o conto para a fin de semana? Pois ven así.

Na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde podes ver como o sol é o protagonista sobre a península, agás algunhas nubes polo suroeste.

Pois ben, o conto este non vai ter moitas variacións nos vindeiros días. As altas presións seguirán predominando sobre a península Ibérica aportando moita estabilidade. Isto traducirase en moito sol e con temperaturas máis que agradables. Unicamente polo suroeste poderán aparecer nubes e mesmo deixar algo de chuvia mañá e con menor probabilidade na fin de semana, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do modelo previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, como xa che dixen, fará calor. Unha pouca máis que a que estamos tendo estes días, así que temos por diante unha fin de semana próxima ao verán e ademáis con cada vez menos vento, agás polo sur onde si seguirá presente durante a fin de semana.

E traquila/o porque a chuvia non vai facer acto de presenza en Galicia nos seguintes días. Segue a estabilidade e salvo algunha nube polo norte e algunha néboa polo interior, o ceo azul está practicamente asegurado no noso país. Ademais veñen temperaturas altas para esta época do ano, por riba dos 20º en moitos puntos do suroeste e interior, xunto con moi pouco vento.

Como les, temos por diante unha fin de semana caralluda con isto do tempo, así que tocará gozar dela, algúns ata facendo deporte duro como este que vos escribe.

Comentarios (0) Mar 16 2017

Cara outro veranciño?

Posted: under O tempo.

Comezamos nova semana que no meteorolóxico está sendo bastante revolta nalgúns puntos da península Ibérica, polo centro e sur; mentres que polo norte gozamos dunha maior tranquilidade. Pero, canto durará isto? A resposta é a seguinte.

Podes ver isto moi ben coa imaxe de satélite de primeira hora desta tarde onde se pode ver toda esa nebulosidade que está a causar ese tempo tan desapacible e como no resto xa hai menos nubes e mesmo bastante sol.

Pois ben, a situación tenderá cara a estabilización. A DANA que está a provocar toda esa inestabilidade irá perdendo forza pouquiño a pouco, mentres que polo norte seguirá a situación relativamente estable, aínda que ese vento do norte faga acumular nebulosidade e algo de precipitación. É dicir, polo norte moito máis sol con algunha nube e polo centro e sur bastante nube e precipitacións, moitas delas importantes e remitindo segundo avancen os días. Resumido isto en imaxes temos as seguintes do modelo previstas para o mediodía do mércores para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Tamén teremos ascenso de temperaturas volvendo a valores menos fríos e mesmo rematando a semana con valores máis que agradables en moitos puntos da península.

O vento estará preseste toda a semana, sendo especialmente forte polo centro e sur e amainando polo norte co paso dos días.

E aínda que non o creas, a semana en Galicia pinta ben, bastante ben porque ven con moito sol co avance dos días e quentando porque as temperaturas subirán e mesmo superarán os 20º no remate da semana en moitos lugares do país. A medida que suben as temperaturas, diminúe o vento, así que máis agradables imos a estar a medida que pasa a semana.

Como les, toca outra semana máis de primavera-verán polo norte e non tanto canto máis cara o sur debido a esa inestabilidade que irá tocando ao seu fin.

Comentarios (0) Mar 13 2017

Máis sol e calor?

Posted: under O tempo.

Que? Chegou a primavera? É o que te estás a preguntar, non si? De momento parece que é así porque o sol e a calor é o que está primando no tempo. E canto durará? Iso dígocho agora mesmo.

Como dicía, o que manda é o sol, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde onde a ausencia de nubes é practicamente total sobre a península Ibérica.

Pois ben, a situación non vai cambiar moito nos vindeiros día. Malia a debilitación do anticiclón na fin de semana co paso dun sistema frontal, éste vai a seguir mandando. Unicamente isto se traducirá nun aumento da nebulosidade polo norte e mesmo no domingo choverá algo, mentres o resto da península seguirá co seu sol e con temperaturas moi agradables, mesmo calorosas. Podes ver isto nas saídas do modelo previstas para a medianoite do sábado ao domingo para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, fará calor, bastante calor polo sur, pero ata o domingo que será cando xa se recuperen as temperaturas cunha baixada das mesmas e se acaden valores máis normais para esta época do ano, notándose especialmente polo norte.

A tranquilidade co vento durará tamén ata o domingo que será cando aumente a súa intensidade notándose máis, sobre todo polo norte co paso da fronte.

Aínda que non o creas tras ler que chega un sistema frontal, Galicia quedará practicamente libre da chuvia. Poderían caer algunhas gotas polo norte o domingo e aumento da nebulosidade, pero o sol será o que destaque; mesmo con calor ata o domingo que será cando xa se relaxe, baixen as temperaturas e aumente o vento, e bastante, despois da ausencia del estes días.

Como les, seguiremos, en gran parte da península, con esta primavera adiantada que se estropea un pouco polo norte rematando a fin de semana.

Comentarios (0) Mar 09 2017

Soleando?

Posted: under O tempo.

Despois deste relax entroideiro que me metín xa estou de volta coas cousas estas do tempo para dicirche o que a atmosfera nos ten preparada para esta semana, así que alá vou.

Hoxe aínda temos bastantes nubes sobre a península Ibérica, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primiera hora desta tarde e que mesmo deixaron algunhas gotas.

Pois bien, a situación vai a ir cambiando nos vindeiros días. Un anticiclón estase achegando polo oeste e vaise a instalar sobre a península. Que significa isto? Que a partir de mediados toda a península estará con moito sol e temperaturas máis que agradables. Antes de chegar a media semana, polo norte teremos algunhas nubes e mesmo con chuvia para ir desaparecendo logo e unirse ao resto do territorio peninsular co sol completo. En imaxes podes ver isto coas saídas do modelo previstas para o vindeiro mércores ao mediodía co campo de isóbaras e nebulosidade á esquerda e o campo de precipitación á dereita.

Como xa che adiantei, ven calor para esta semana. Vaille chegar en moitos sitios. Polo sur xa desde comezo de semana estarán quentiños, mentres que polo norte non tanto; pero xa a partir do mércores as temperaturas case, ou non tan case, primaverales serán as que manden sobre a península Ibérica.

A medida que avancen os días coa afianzamento das altas presións o vento vai a ir amainando, sobre todo polo nordeste que é onde hoxe e aínda mañá se notou bastante.

E si, acábase a chuvia en Galicia por uns días. Aquí aínda queda a posibilidade dalgunha polo oeste para mañá, pero xa logo chega esta primavera adiantada que nos deixará o ceo moi despexado a partir do mércores e con temperaturas por riba dos 20º en moitos puntos do país. Ao mesmo tempo o vento vai a ir cesando e deixandonos sen el no remate da semana.

Como les, toca sacar a manga curta durante o día porque promete unha semana moi agradable, de primevera e rozando o verán.

Comentarios (0) Mar 06 2017

Tempo de Entroido!!!

Posted: under O tempo.

Xa estamos no xoves de comadres que da o pistoletazo de saída aos días grandes do Entroido. Tes o disfraz listo? O do tempo xa cho conto agora mesmo.

De momento as nubes cubren gran parte de península, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde e cuxa noticia foi que deixaron chuvia de barro. Non é que caira o barro directamente da nube, senon que ao chover e haber unha masa de pó sahariano no ar, a mezcla deu como resultado esa chuvia marrón.

Pois ben, a situación non vai cambiar moito nos vindeiros días. Será o domingo e máis no comezo da semana cando estes cambios se noten máis, sobre todo polo noroeste. Polo tanto, as altas presións estarán presentes sobre a península Ibérica aportando estabilidade, así que o tempo con bastante sol e pouca nube está case asegurado, agás polo norte onde haberá máis nubes e mesmo algo de chuvia, neve por riba dos 1200 metros. Xa o domingo comeza a cambiar algo polo noroeste coa entrada dunha fronte e que leva asociado o aumento da nebulosidade xunto coa posibilidade de algo de chuvia pola tarde. Resumido isto en imaxes telo nas seguintes saídas do modelo previstas para a medianoite do sábado ao domingo co campo de isóbaras e nebulosidade á esquerda e o campo de precipitación á dereita.

E con todo isto tamén se acaba a calor polo norte cunha baixada de temperaturas a partir de mañá venres. Polo centro e sur retrasarase a baixada ata o domingo.

O vento mañá estará tranquilo, agás no val do Ebro onde si se notará máis, pero xa na fin de semana desaparece. No resto da península, na fin de semana, toca tranquilidade, menos polo noroeste onde o notaremos máis como aviso da chegada da fronte.

Xa no comezo da semana continuaremos sen moitos cambios, con bastante sol e máis nubes canto máis ao norte e mesmo algunhas gotas de chuvia.

Pois o Entroido en Galicia ven rariño. O sol estará presente ata o domingo cando chegarán as nubes e con elas algunha chuvia feble, máis probable polo litoral atlántico. Xa o domingo e no comezo da semana seguiremos con bastantes nubes e a posibilidade de que chova algo e fastidie un pouco estas de Entroido ata o enterro da sardiña o mércores. De temperatura andaremos ben, sen este calor destes días porque irán baixando co paso dos dáis e mesmo con algo e frío pola noite. O vento comezará a notarse na fin de semana polo norte e o domingo xa en todo o país, pero tampouco moito, manténdose no comezo da semana.

Como les, toca un Entroido en seco en gran parte da península Ibérica; quedando o noroeste máis nubrado e esperando que a chuvia se porte ben para non fastidiarnos o Entroido.

Ah, vémonos despois do enterro da sardiña, por se o luns me botades de menos.

Comentarios (0) Feb 23 2017

Veraneando?

Posted: under O tempo.

Xa estamos noutra semana, víspera do Entroido, non si? Xa tes o disfraz listo? De momento o tempo para esas datas aínda é cedo para facerche unha predición fiable, pero o desta semana é o seguinte.

Como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, a ausencia de nubes sobre a península é case total, salvo os extremos norte e sur onde si as hai e mesmo con algo de chuvia.

Pois ben, o conto é que as altas presións serán as que manden sobre o tempo da península Ibérica ao longo deste semana, así que o ceo con bastante sol e pouca nube será o que mande. Iso si, algunha nube máis polo norte e sur si haberá, sen descartar que cara mediados e finais de semana polo sur traian consigo algunha treboada. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo previstas para a medianoite do mércores cara o xoves para os campos de isóbaras e nebulosidade á esquerda e campo de precipitación á dereita.

De temperatura imos a andar ben, mesmo calorosos, especialmente polo sur peninsular e con tendencia á baixa polo norte co avance da semana.

O vento será protagonista, e moito, polo sueste e sur peninsulares co levante soprando con bastante intensidade, mentres no resto estará máis tranquilo.

E si, en Galicia tamén teremos este veranciño en febreiro. Só o xoves parece que unha fronte rozará o noroeste do país deixando máis nubes e mesmo algo de chuvia, namentres que o resto dos días o sol estará garantizado. No interior cando a néboa levante tamén o estará. As temperaturas serán agradables, mesmo con calor nas horas centrais do día, pero xa baixando os seus valores ao final da semana. O vento, salvo mañá polo litoral noroeste, estará tranquiliño esta semana.

Como les, toca unha pequena ración de verán para rematar este mes de febreiro co Entroido petando xa á porta.

Comentarios (0) Feb 20 2017

E o tempo?

Posted: under O tempo.

Estamos a rematar unha semana digamos que relativamente tranquila nisto do tempo sobre a península, non si? Agora toca mirar cara a fin de semana para ver se continúa ou, pola contra, hai algún cambio. Vou a elo xa mesmo.

Iso si, as nubes seguen cubrindo parte da península, polo leste, mentres ao oeste tócalle gozar cun bo sol, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, estas condicións anticiclónicas aínda se manterán no día de mañá venres sobre toda a península, así que o sol e poucas nubes será o que se vexa sobre o ceo peninsular. Será o sábado cando a situación vaia cambiando. Comezará polo o oeste e irase estendendo cara o leste coa entrada dunha fronte, esa que ves na imaxe de satélite no Atlántico, que nubrará o ceo e deixará chuvia, sendo menos probable canto máis ao nordeste e importantes polo sueste durante toda a fin de semana. Xa o domingo polo oeste comeza a estabilizarse a situación e baixa a probabilidade de chuvia. Podes ver isto claramente nas seguintes imaxes do modelo previstas para o sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Mañá aínda teremos un día de calor sobre gran parte da península; calor para estarmos en inverno, pero tocando ao seu fin na fin de semana cun descenso térmico que se notará moito máis no norte e xa o domingo en todo o territorio peninsular.

O vento de levante que está azotando á zona do estreito de Xibraltar irá cesando co paso do día de mañá para tranquilizarse na fin de semana menos polo oeste e sueste que será onde aumente a súa intensidade, sobre todo o domingo.

E despois da tregua de hoxe e mañá no tempo galego vennos un sábado onde o paso dunha fronte voltará a nubrar o ceo galego deixando tamén chuvias xeneralizadas e remitindo o domingo cando a súa probabilidade será máis baixa. Tamén baixarán as temperaturas na fin de semana, mentres que mañá aínda non, así que toca outra vez un día caloroso de inverno. O vento fará acto de presenza rematando a fin de semana.

Como les, outra vez unha fin de semana algo revolta sobre a península. Nada raro nesta época do ano, así que toca levalo con calma.

Comentarios (0) Feb 16 2017