Quen son?

Esta é unha das preguntas que vos facedes, verdade? Se é así, segue lendo, se non, pois non perdas o tempo…

O meu nome é Marcos Tesouro Montecelo e nacín un dia de San Valentín alá polo 77 na cidade de Ourense, sendo fillo dun carpinteiro e dunha ama de casa. Podería dicir que o meu corazón se atopa dividido entre os meus dous pobos: Caspiñón – Santa Marta de Moreiras (Pereiro de Aguiar) e San Cristovo de Armariz (Nogueira de Ramuín) onde desenvolvín a miña infancia e xuventude, sen esquecerme da cidade de Ourense onde residín desde que nacín.

Estudei a miña E.X.B. no Colexio ”Luis Vives” ata os 14 anos que foi cando pasei a estudar o B.U.P. e o C.O.U no Instituto de “O Couto”. Foi alí onde naceu unha das miñas inquedanzas e que hoxe en día me da de comer, vamos que se converteu na miña vida profesional. Alí descubrín o mundo da física e que, cando aprobei a selectividade, me permitiu pasar a estudar a Licenciatura en Física na Universidade de Vigo. Foi aquí onde comecei a miña especialidade en meteoroloxía e climatoloxía ata acadar no 2008 o meu título de Doutor en Ciencias Físicas.

A miña carreira profesional pódese dividir en varias etapas: unha primeira desenvolvida na área de Física da Terra da Facultade de Ciencias de Ourense dentro da Universidade de Vigo, outra na empresa de consultaría meteorolóxica MeteoSim na cidade de Barcelona e agora mesmo no departamento de Predición Numérica e Investigación de MeteoGalicia.

A primeira etapa permitiume levar a cabo unha actividade investigadora e docente na Universidade de Vigo ao abeiro dunha bolsa FPI do Ministerio de Educación e Ciencia estudando o ciclo estacional da temperatura e a climatoloxía dos distintos modelos conceptuais de meteoroloxía, no meu caso o do Desenvolvemento en Aire Frío e que constituíu na miña, esta última liña de investigación, tese doutoral titulada “Análise climática do modelo conceptual de Desenvolvemento en Aire Frío” e que foi cualificada como sobresaliente cum laude polo tribunal encargado de avaliarme. Nesta etapa tiven a oportunidade de aprender e formarme durante varios meses debido ás estadías de investigación na Universidade Pablo de Olavide de Sevilla e no NILU (Instituto Noruego de Investigación do Aire) nas aforas de Oslo.

Na segunda etapa desenvolvín o meu traballo na empresa de consultaría meteorolóxica MeteoSim con sede no parque científico da Universidade de Barcelona realizando todo tipo de traballos relacionados coa meteoroloxía, desde predicións para produtoras de cine, informes meteorolóxicos sobre fenómenos extremos ocorridos a efectos de peritaxe, estudos de calidade do aire e calquera outra actividade relacionada coa meteoroloxía.

Nesta última etapa estou de volta en Galicia no departamento de Predición Numérica e Investigación de MeteoGalicia, onde estou pendente de que os distintos modelos de predición meteorolóxica que utilizamos para as predicións do tempo esten a funcionar correctamente e, de paso, poder melloralos para que a seu funcionamento sexa o máis fiable posible e, de cando en vez, tamén son o encargado de facer as predicións que vedes na páxina web apoiando aos meus compañeiros do departamento de Predición Operativa.

Pero non todo é traballo na miña vida. Como calquera persoa de a pé tamén teño unha serie de hobbies e actividades ao marxe da meteoroloxía.

Dentro destas actividades hai que salientar a política, si a política, ese mundo ao que moita xente lle ten medo e posúe unha mala opinión. Desde que teño uso de razón o meu sentimento político se atopa no nacionalismo galego e que culminou no 2003 cando me afiliei ao Bloque Nacionalista Galego e formei parte por primeira vez nunha lista eleitoral, neste caso fun o número 2 da candidatura do BNG ao concello de Nogueira de Ramuín pasando a ser o número 1 e candidato á alcaldía nese mesmo concello no ano 2007 e acadando a acta de concelleiro que viñen ocupando ata maio do 2011, cando decidín non repetir como candidato, deixar a primeira liña política e rematando a mesma en abril do 2012 cando me dou de baixa como militante do BNG, pasando a unha excedencia política activa que dura a día de hoxe.

Entre os meus hobbies hai que destacar o da lectura onde xa desde fai moito tempo perdín a conta dos libros que teño lidos. En canto teño tempo é doado verme lendo un pouco, aínda que este sexa menor do que me gustaría.

Outro dos meus hobbies é a radio, considerome un fan incondicional deste medio de comunicación. Isto lévame a participar nun programa de radio, 3 Tristes Trigues, que se emite en Radio Despí no concello de Sant Joan Despí, nas aforas de Barcelona, onde son o encargado da información meteorolóxica desde un punto de vista non tan “politicamente correcto” a como se da actualmente nos medios de comunicación. Así mesmo, e dun xeito máis correcto, colaboro tamén coa emisora da Cadena SER en Ourense.

E, polo momento, non teño moito máis que contarvos, que non é pouco o que vos acabo de soltar nos parágrafos anteriores, pero se queres, desde fai uns meses podes atoparme en twitter e alí sempre conto algo con menos rollo que aquí: @omtesouro